Nagata Kabi

mangaka xaponesa

Nagata Kabi (永田カビ Nagata Kabi), nada o 28 de maio de 1987, é unha mangaka xaponesa.

Nagata leva debuxando dende que ten uso de razón.[1] Con todo, non comezou a ler manga até mediados da escola primaria, con Slam Dunk, de Takehiko Inoue, unha historia ambientada no mundo do baloncesto. Máis adiante seguiu con outras historietas publicadas na revista Shukan Shōnen Jump. Xa na escola secundaria, o seu manga favorito era Rurouni Kenshin, de temática samurai, do autor Nobuhiro Watsuki.[1]

Obra editar

Sabishisugite Rezu Fūzoku ni Ikimashita Repo editar

Inicialmente, Nagata publicou さびしすぎてレズ風俗に行きましたレポ (Sabishisugite Rezu Fūzoku ni Ikimashita Repo) no sitio web xaponés Pixiv. A versión revisada foi publicada en formato físico en 2016. Neste manga autobiográfico, Nagata trata cuestións relacionadas coa saúde mental e a súa homosexualidade. Nesta obra ficou consolidado o seu estilo visual propio, baseado en debuxos en branco e negro combinado con tons rosas. O título podería traducirse como "Sobre como me sentía tan soa que acabei nun prostíbulo lésbico".

Hitori kōkan nikki editar

A secuela do manga anterior, 一人交換日記 (Hitori kōkan nikki), foi publicado en xaponés ese mesmo ano. Continúa a explorar os temas do volume anterior. Desta volta, baséase no concepto de entradas dun diario persoal ou de cartas que Nagata intercambia co seu "eu" pasado e futuro.[2] O segundo volume, 一人交換日記2 (Hitori kōkan nikki 2) foi publicado en xaponés en 2017. Unha posíbel tradución do título ao galego sería "Diario de intercambio de impresións comigo mesma".

Genjitsu tōhi shitetara boroboro ni natta hanashi editar

O cuarto volume da serie autobiográfica de Nagata titúlase 現実逃避してたらボロボロになった話 (Genjitsu tōhi shitetara boroboro ni natta hanashi). Esta entrega, en que Nagata fala do seu alcolismo e hospitalización, foi publicada no Xapón en 2019.[3] Podería traducirse como "Como rachei en anacos cando fuxín da realidade".

Premios editar

En 2018, Kabata gañou o Premio Harvey ao mellor manga e o Crunchyroll Anime na mesma categoría pola súa primeira obra, Sabishisugite Rezu Fūzoku ni Ikimashita Repo.[4]

Notas editar