Néstor (mitoloxía)

Néstor (en grego antigo Νέστωρ Néstôr) era o fillo de Neleo e Cloris, e rei de Pilos. Converteuse en rei logo de que Heracles matara ó seu pai e a tódolos seus irmáns. Casou con Eurídice ou Anaxibia, e entre os seus fillos cóntanse Perseo, Pisístrato, Trasimedes, Pisídice, Policaste, Estrático, Áreto, Equefrón e Antíloco.

A loita de Néstor cos centauros forma parte da mitoloxía grega.

Mito editar

Néstor foi un argonauta, loitou contra os centauros e participou na caza do xabaril de Calidón. El e os seus fillos Antíloco e Trasimedes loitaron xunto cos aqueos na Guerra de Troia. Aínda que Néstor xa era ancián cando a guerra comezou, contando presuntamente con 110 anos, destacou pola súa bravura e as súas habilidades dialécticas. Na Ilíada aconsella acotío ós guerreiros máis novos, e recomenda a Agamenón e Aquiles que se reconcilien. Sendo demasiado vello para participar nas batallas, dirixiu ás tropas de Pilos, conducindo o seu carro, sendo un dos seus cabalos morto alcanzado por unha frecha de Paris. Tamén era dono dun sólido escudo de ouro. Homero refírese a el frecuentemente co epíteto «cabaleiro xerenio». Nos xogos funerarios de Patroclo, Néstor aconsellou a Antíloco sobre como gañar na carreira de carros.

Aínda que Homero intenta claramente que os seus lectores vexan a Néstor como unha figura de ancián estadista digno de respecto, hai ocasionais momentos de humor á súa costa na Ilíada, pois calquera consello que dá ós demais combatentes adoita servir de escusa para soltar ós seus oíntes un locuaz e prolixo relato dos seus antigos momentos de gloria en circunstancias parecidas. Homero nunca chega a calificalo de pesado, pero o lector queda coa impresión de que así o considera malia todo.

Na Odisea Néstor regresa san e salvo a Pilos, e Telémaco, o fillo de Odiseo, viaxa ata alí para preguntar polo destino do seu pai. Néstor recíbeo amablemente e o agasalla profusamente como hóspede, pero é incapaz de darlle información algunha sobre o asunto. Eurídice, a súa esposa, e os seus fillos superviventes tamén aparecen na Odisea: Equefrón, Estrático, Perseo, Áreto, Trasimedes e Pisístrato. De novo, a admiración de Homero cara a el vese suavizada por un pouco de humor á súa costa, cando Telémaco, ó regresar a casa de Néstor tras visitar a Helena e Menelao, urxe a Pisístrato para que lle permita embarcar inmediatamente para regresar ó seu fogar no canto de sufrir unha nova dose do sentido da hospitalidade de Néstor.

A finais do século XX, nunhas escavacións en Pilos, descubriuse unha bodega presuntamente pertencente ó rei Néstor. Estímase que tiña unha capacidade duns 4.750 litros. Tamén se atoparon varios restos de pithoi, grandes vasillas gregas.

O Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas exhibe unha copa de viño con dúas asas completamente feita de ouro, coñecida como copa de Néstor.

Fontes editar