Mutatis mutandis é unha locución latina que significa “cambiadas (as cousas) que deben ser cambiadas” ou “despois de cambiar as cousas que deben ser cambiadas”. A locución indica que, facendo os cambios necesarios entre dous textos, exemplos ou situacións análogas (pequenas diferenzas coma os nomes, lugares, datas etc.), todo o demais podería permanecer igual sen prexuízo do sentido, compresión ou finalidade dos mesmos.

Úsase frecuentemente en economía, filosofía, leis e en lóxica, para considerar unha expresión cun termo novo, ou observar o seu uso nun conxunto de cambios implícitos e mutuamente entendidos. A expresión tamén é usada no estudo de hipóteses, onde se fai o cambio requirido sobre as bases factuais do pasado e se seguen as causalidades resultantes.

No contexto xurídico utilízase esta expresión cando se chega a un acordo entre as partes e se firma coa condición de facer só as modificacións necesarias a un modelo anterior, é dicir, sen pasar por unha negociación extensiva do texto.

Etimoloxía editar

Ambos os termos “mutatis” e “mutandis” veñen do verbo latino “mūtō” (mūtō, mūtāre, mūtāvī, mūtātum) que significa “cambiar”. Mūtātīs é o participio de pasado pasivo (ablativo plural neutro), literalmente “tendo cambiado, despois de cambiar”. Mūtandīs é un xerundivo (ablativo plural neutro), que expresa idea de necesidade, así que: “cousas que teñen ou que deben de ser cambiadas”.

A locución é unha construción do ablativo absoluto, e probablemente ten unha orixe medieval.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar