Museos de Galicia

artigo de listas da Wikimedia

Esta é unha lista de museos de Galicia. Están ordenados por provincias e, dentro das provincias, alfabeticamente por concellos, poñendo no primeiro lugar a capital da provincia e, a seguir, o resto dos concellos, prescindindo dos artigos cando os leven na súa denominación.

Provincia da Coruña editar

A Coruña editar

Dependente da Secretaría de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Ministerio de Economía e Competitividade, xestionado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e dirixido por Ramón Núñez Centella.
 
Casa das Ciencias
Trátase dun museo interactivo no que, baixo o lema “prohibido non tocar”, destaca a área dedicada ós experimentos físicos dirixida especialmente ós escolares. Posúe tamén unha ampla mostra de animais e minerais. Na cúpula hai un planetario cunha bóveda de 10 m de diámetro. Forma parte do grupo “Museos Científicos Coruñeses”.
Recreación da vivenda familiar da escritora na Coruña, con mobiliario e útiles orixinais. Pretende achegar o visitante á vida e obras de Emilia Pardo Bazán, para o que reproduce a vida nun pazo típico urbano do século XIX, cos obxectos de arte, relixiosos e persoais que tiña a Condesa. Está situado na antiga residencia da familia na Coruña e comparte dependencias coa Real Academia Galega.
En lembranza de María Pita, heroína coruñesa na defensa da cidade do ataque da frota inglesa de 1589, recréase a tenda e o dormitorio principal da casa dos seus pais, xunto diversa documentación da Coruña nos séculos XVI e XVII (a evolución da cidade, o papel das mulleres etc.), especialmente nos aspectos relacionados coas súas relacións con Inglaterra. O museo está construído sobre o terreo que ocupara unha vivenda propiedade do seu primeiro home.
Reproduce a vivenda na que viviu Picasso na Coruña, entre 1891 e 1895, conservando o mobiliario, obxectos e enxoval tal como cando estaba daquela. Mostra 27 reproducións das obras que Picasso pintou na Coruña durante este período e 4 reproducións das do seu pai.
Conxunto de reloxos procedentes de diferentes épocas (desde o século XVIII), países e estilos (de mesa, de caixa ou de pé), creada a partir da doazón de 82 pezas que legou Antonio Ríos Mosquera ó Concello. O museo está situado na primeira planta do edificio do concello.
Museo monográfico con carácter interactivo dedicado ó ser humano, estruturado en áreas temáticas (bioquímica, xenética, reprodución etc.). O edificio é obra de Arata Isozaki e César Portela.
Colección bibliográfica e documental da obra de José Cornide Saavedra (1734-1803), xeógrafo, historiador e naturalista, entre outras actividades. Tamén conserva os legados e coleccións de Salvador de Madariaga e do naturalista Víctor López Seoane. O Instituto edita unha revista histórica desde 1965.
Mostra pezas arqueolóxicas (como o torque de Xanceda ou o casco de Leiro), pezas referentes á historia da Coruña e obxectos de uso litúrxico e imaxes relixiosas.
Era unha colección de pintura e escultura, principalmente, procedente das Bienais de arte contemporánea que a empresa promovía desde 1989, polo que recollía boa parte da obra da vangarda galega. Tamén organizaba talleres e cursos de mimo, ikebama ou micoloxía, por exemplo, audicións (de música clásica, étnica ou jazz), danza, ciclos de cine e vídeo, faladoiros etc., así como exposicións temporais.
O Museo pechou as portas o 30 de decembro de 2018 [1]
Creado en 1922, non se abriu ao público ata 1947.[1]
Colección de pezas de prata, de carácter relixioso, pertencentes á Colexiata, de distintas épocas (entre os séculos XVI e XX) e estilos artísticos, entre as que destaca unha custodia de finais do XVII.
Mostra o desenvolvemento histórico da implantación da electricidade en Galicia, mediante máquinas e distintos obxectos de empresas eléctricas, así como maquetas de distintas instalacións eléctricas galegas. Comparte edificio co Museo de Arte Contemporánea Gas Natura Unión Fenosa.

Abegondo editar

Aula didáctica sobre as abellas, a súa cría e os útiles recoller e elaborar mel e cera, cun parque exterior con colmeas (tradicionais e modernas) e un xardín con plantas melíferas e medicinais.

A Capela editar

Colección de diverso material etnográfico reunido polo Colexio Público Mosteiro de Caaveiro e agora trasladada á antiga Casa Reitoral da parroquia. Está formada por apeiros de labranza, trebellos utilizados nos distintos oficios, o forno do pan, enxoval da cociña, xoguetes, teares etc. distribuídos nas habitacións da casa tradicional. O Museo comprende tamén o Parque Etnográfico do Sesín (con muíños de auga, elaboración de carbón vexetal ou colleita de castañas), unha ferrería hidráulica O Machuco (en restauración) e un Museo da Escola (en proxecto).

Arteixo editar

Mostra máis de 4.500 cabeceiras de periódicos e revistas de tódalas épocas e de todo o mundo, así como as máquinas para compoñelos (entre elas, a primeira rotaplana coa que se comezou a publicar La Voz de Galicia, en 1882). Tamén se expón un exemplar de El Catón Compostelano (primeiro periódico galego, de 1800) e un mapa de Galicia de Domingo Fontán (o primeiro mapa topográfico de Galicia). Tamén se lle coñece como Museo da Prensa.

Arzúa editar

Material diverso sobre a cría das abellas e a obtención do mel. Resulta especialmente interesante a reconstrución dunha albariza con trobos de cortiza.

Betanzos editar

Museo etnográfico e histórico inaugurado en 1983, ocupando o antigo convento de Santo Domingo. Destacan a súa colección de escultura funeraria medieval, con diversos sartegos e laudas; o cadro Apostolado, da escola de Rubens; a sala destinada ás antigas escolas, en homenaxe ós irmáns García Naveira; e a sección do traxe galego, con máis de 50 traxes tradicionais.

Cee editar

Conxunto do instrumental e material didáctico do vello Colexio de Cee (fundado por Fernando Blanco de Lema a finais do XIX), distribuídos nunha sección de física e química (con aparatos de medida, mecánica, acústica etc.), agricultura, xeografía e unha sección de historia natural (con mostras animais, cunchas, minerais e fósiles). Á marxe deste material propio, inclúe cadros (Madrazo, Carreño), gravados e diversas pezas de ourivaría.

Cerceda editar

Museo interactivo que busca divulga-la historia, cultura e sociedade de Cerceda, a través de maquetas, fotografías, paneis e medios audiovisuais.
Reúne máis de 5.000 pezas relacionadas co moucho: esculturas, cadros, xoiería, artesanía, literatura. Conta tamén cunha completa biblioteca e videoteca así como con instalacións interactivas para ver, tocar e escoitar estas aves.

Corcubión editar

Colección de útiles mariñeiros utilizados nas costas de Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría e Carnota, de diversas épocas e materiais. Conta con varias embarcacións e pezas de barcos (como mastros, focos, drizas, áncoras) así como instrumentos de navegación. Nunha sala destinada á carpintería de ribeira recóllense as ferramentas e os padróns utilizados na construción dos barcos.

Fene editar

Único no seu xénero en Galicia e en España, recolle debuxos orixinais de humoristas galegos (Xaquín Marín –o seu director-, Siro, Torres, Pepe Carreiro), españois (Chumy Chúmez, Gila, Máximo, Peridis) e do resto do mundo (Mort Walker, Kosobukin, Tomy), así como fotografías e outros obxectos.

Melide editar

Cunha nova sede desde 2001, ten 7 salas: o Camiño de Santiago, o neolítico e os castros, a romanización, os oficios tradicionais, o xoguete e a música, o tecido (liño e la) e a casa.[2]

Noia editar

 
Lauda gremial dun mariñeiro.
A maior colección do mundo de laudas medievais (gremiais, familiares e heráldicas), desde os séculos XIV ó XIX, xunto a diversos sartegos de persoeiros medievais. Está exposta na igrexa de Santa María a Nova, do século XIV.

Ortigueira editar

Colección privada de máis de 3.000 útiles e ferramentas de diferentes oficios: carpinteiros, zoqueiros, tecelás, barbeiros, ferreiros, panadeiros etc. Mostra tamén unha cociña tradicional completa con toda a súa menaxe, unha escola de aldea e unha botica do século XIX.
Tamén chamado Museo Ortigalia, busca divulga-lo patrimonio de Ortegal, mediante un percorrido pola súa historia, desde os primeiros achados arqueolóxicos ata a actualidade. Mostra os restos atopados nas escavacións realizadas na zona e maquetas e reconstrucións virtuais dos sitios arqueolóxicos. Entre tódolos restos destaca un túmulo datado no 4.400 adC.

Padrón editar

Tamén chamada Casa da Matanza, é a casa na que viviu Rosalía de Castro desde 1883 ata a súa morte en 1885. Recolle distintas edicións das súas obras e diverso material seu, fotografías e recordos persoais etc, así como, na segunda planta, recrea o ambiente da casa en tempos de Rosalía. É sede da Fundación Rosalía de Castro e do Centro de Estudos Rosalianos, e ten por obxecto divulga-la obra e a memoria da escritora.
Sede da Fundación Camilo José Cela, no conxunto denominado Casas dos Cóengos (do século XVIII). Reúne tódalas edicións existentes de La Familia de Pascual Duarte, ou 127 das 202 edicións de La colmena, así como algúns dos seus debuxos, epistolario, condecoracións etc., ou unha colección de 62 ouriñais de porcelana, entre os numerosos obxectos relacionados co escritor.
Integrado na casa Museo de Camilo José Cela, neto deste John Trulock, quen instalou a primeira liña férrea en Galicia, en 1873, entre Santiago de Compostela e Carril (Vilagarcía de Arousa). Mostra uniformes, obxectos relacionados co ferrocarril e unha fiel reprodución dunha estación da época. Nos xardíns pode verse a locomotora Sar, a primeira máquina de tren que circulou por Galicia.

A Pobra do Caramiñal editar

Está localizado na Torre de Bermúdez, do século XVI,[3] dedicada a conservar e promociona-la obra de Ramón del Valle-Inclán durante a súa vida na Pobra: primeiras edicións, manuscritos orixinais e unha colección fotográfica de Valle na Pobra, así como cadros, esculturas e diverso material relacionado co teatro.

As Pontes de García Rodríguez editar

Mostra a cría das abellas e a elaboración de mel. Dá tamén axuda técnica ós apicultores profesionais.
Colección dunhas 2.000 pezas expostas nas propias instalacións do centro escolar, relacionadas coas actividades rurais tradicionais no campo e na casa, como son os trebellos de diferentes oficios, útiles de cociña, maquinaria agrícola, ferramentas agrícolas e gandeiras, obxectos da vida cotiá etc. O obxectivo é que os alumnos lembren todos estes útiles, o seu uso e os seus nomes, logo de desapareceren do seu ámbito doméstico.

Sada editar

Museo en honra deste pintor que reúne, ademais da súa obra, unha importante colección de plástica galega contemporánea, como Castelao, Asorey, Laxeiro, Arturo Souto, Cristino e Maruja Mallo, Seoane, Lugrís, Granell etc., xunto a autores da última vangarda. Unha planta está dedicada ó debuxo humorístico.

Santiago de Compostela editar

Mostra o instrumental utilizado antigamente en medicina cirúrxica e, en menor grao, noutras especialidades. A colección está distribuída nas instalacións do Colexio de Médicos de Santiago e nas da Facultade de Medicina.
Colección de pezas arquitectónicas extraídas do antigo claustro, do século XIII, hoxe desaparecido na súa maior parte, e diversas esculturas relixiosas. Tamén mostra obxectos e ornamentos litúrxicos que amosan a vida desta comunidade ó longo dos séculos XVII ó XIX (como cruces procesionais ou cálices) e, noutra sala, unha ampla colección de traxes tradicionais galegos.
Reprodución dunha antiga pensión de estudantes de finais do XIX (sobre a que Alejandro Pérez Lugín -1870-1926- escribiu en 1915 a novela "La Casa de la Troya"). Mostra cadros, mobles, fotografías e obxectos pertencentes ós personaxes da novela. Alberga tamén obxectos e recordos das tunas da Universidade de Santiago, nunha sección coñecida como Museo da Tuna.
 
O coro do mestre Mateu, parcialmente reconstruído no Museo Catedralicio
Conxunto de obras arqueolóxicas e de espazos dentro do edificio da Catedral. No Museo-Claustro destaca o antigo coro pétreo do mestre Mateu, reconstruído recentemente. Na cripta baixo o Pórtico da Gloria móstranse restos e esculturas procedentes de zonas da catedral que foron derrubadas ou modificadas ó longo dos séculos. O Tesouro acolle unha ampla colección de ourivaría desde o século XI ata a actualidade. No Panteón Real están as laudas dos sepulcros en pedra de diferentes Reis e nobres galegos e casteláns. Tamén forma parte deste conxunto o Pazo de Xelmírez.
É a colección máis importante do patrimonio científico e natural de Galicia, con numeroso e variado material botánico (como o herbario de Baltasar Merino), zoolóxico e xeolóxico, ademais de obxectos e instrumentos de valor histórico e científico.
Museo antropolóxico galego por excelencia, contén unha completa mostra da nosa vida e cultura tradicionais como comunidade diferenciada. Distribúe os seus fondos en 7 salas: o mar, o campo, os oficios, a música, o traxe, as artes suntuarias e o hábitat e arquitectura, e dúas seccións, de arqueoloxía e pintura e escultura. Posúe ademais unha ampla biblioteca (na que conserva os fondos de fondos de Xaquín Lorenzo, Xesús Taboada Chivite, Antón Fraguas, Fermín Bouza-Brey e outros) e arquivo gráfico e sonoro de Galicia. Edita numerosas publicacións de carácter etnográfico.
Mostra pezas procedentes de Terra Santa, referentes ós lugares sagrados da Biblia, distribuídas nunha sección de Pasado remoto (desde o paleolítico ata a dominación romana) e Presente en Terra Santa (desde o século I ata a primeira guerra mundial). Nesta segunda sección pódense ver maquetas de edificios históricos de Xerusalén e unha valiosa selección numismática que vai desde Grecia ata hoxe.
 
Museo das Peregrinacións
Institución museística de titularidade pública definida como Museo Nacional e Centro de Documentación, Investigación e Interpretación da Peregrinación e de Santiago. O discurso expositivo xira derredor do fenómeno universal da peregrinación, da peregrinación xacobea en particular e do nacemento e evolución da cidade de Santiago de Compostela. Posúe importantes fondos escultóricos, pictóricos, artes decorativas, arqueolóxicos e fondos documentais. Dispón dunha importante biblioteca especializada.
Véxase Museo Casa da Troia.

Vimianzo editar

Mostra do traxe galego e a súa historia ó longo dos séculos. O propio museo acolle tamén mostras estacionais de artesanía relacionada co vestido (encaixe, liño, zocos, coiro, xoiería, acibeche etc.), así como cestería, cantería ou cerámica, en tódolos casos coa presenza dos artesáns realizando o seu traballo.

Zas editar

Pequeno museo do liño e do tear tradicional, creado pola Asociación Amigos do Liño, con tódolos apeiros necesarios para a súa elaboración. En ocasións, realízanse demostracións en vivo do proceso de fiado e tecido de diversas pezas.

Provincia de Lugo editar

Lugo editar

Amosa in situ os restos dunha necrópole da antiga Roma.
Museo adicado ao estudo e promoción da Muralla Romana de Lugo, situado na Praza do Campo, no centro da mesma cidade, moi preto da Catedral.
 
Sartego dobre procedente de Santa María de Zolle, Guntín (s. IX-X), no Museo Provincial de Lugo
Fundado no ano 1934 e trasladado en 1957 ó edificio actual, inspirado na estrutura dun típico pazo galego anexo ó convento de San Francisco. No claustro, do s. XV, expóñense aras e estelas romanas, sartegos e laudas sepulcrais medievais, así como unha completa colección de reloxos de sol. Na sección de arqueoloxía expóñense obxectos que van desde a prehistoria ata a romanización, destacando o torque de Burela e o carneiro alado de Ribadeo. Exponse tamén o mosaico de Dédalo e Parsífae procedente das escavacións realizadas na rúa Armañá nos anos 80 do pasado século. Completa o museo unha serie de salas dedicadas á arte sacra e á pintura e escultura galega máis representativa dos séculos XIX e XX.
Atópase dentro da catedral de Lugo. Accédese ao mesmo a través do claustro catedralicio. Expóñense máis de dúas mil pezas de diverso carácter e interese, a máis importante das cales, e máis coñecida, é o Crismón de Quiroga de comezos do século V.
Trátase dun museo e espazo cultural no que priman as novas tecnoloxías, o que lle supón ser unha infraestrutura pioneira en Europa coas últimas tecnoloxías. Foi inaugurado o 29 de novembro de 2012, coincidindo nas datas de conmemoración do nomeamento da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.

Begonte editar

 
Casa Museo de Víctor Corral
Conxunto de esculturas expostas no propio domicilio do escultor lucense Víctor Corral, aberto ó público. No interior mostra obras de madeira, bronce e marfil, así como cadros; no xardín, esculturas de pedra e bronce. Cómpre destaca-la imaxe dunha Virxe do Rosario tallada no tronco dun castiñeiro, xunto á igrexa parroquial de Baamonde.

Burela editar

O museo é un barco boniteiro real, o Reina del Carmen, de 25 metros de eslora e botado en 1968, que, en vez de ser desguazado foi acondicionado para lembra-la pesca do bonito, cos seus aparellos e tódolos útiles, algúns propios da pesca tradicional, como o corricán. Poden visitarse tódolos espazos do barco e observar como era a vida a bordo dos 14 tripulantes durante os 20-25 días que duraba unha marea.
 
Museo do Castro de Viladonga

Castro de Rei editar

Materiais procedentes das escavacións realizadas no castro (elementos arquitectónicos, ferramentas, ourivaría, cerámica, muíños de man, xogos e moedas etc.), cunha parte introdutoria á cultura castrexa e unha gran maqueta que reconstrúe o castro.

Cervo editar

Recolle pezas relacionadas coa evolución histórica das Reais Fábricas de Sargadelos –, industria siderúrxica creada a finais do XVIII e transformada a primeiros do XIX en fábrica de louza, ata desaparecer en 1875- sen esquece-la historia industrial galega máis destacada. Mostra antigas pezas de cerámica, útiles da fundición e os moldes orixinais, no que foi a casa da administración daquela fábrica.
Fai parte da rede provincial de museos de Lugo con temática relacionada co mar. Dende os seus comezos reflectiu a historia e a vida mariñeira da costa lucense, amosando a súa riqueza biolóxica e etnográfica.

A Fonsagrada editar

Museo etnográfico que mostra ferramentas agrícolas, domésticas e de distintos oficios tradicionais. Conta tamén cunha reprodución dunha forxa, unha adega e unha lareira e, nunha sección de arquitectura popular, distintas maquetas, planos e fotografías de vivendas e outras construcións tradicionais. O museo tamén mostra restos arqueolóxicos (das épocas castrexa e romana) e pezas de escultura contemporánea (Ignacio Basallo, Manolo Paz, Fernando Villapol etc.).

Foz editar

Conxunto de museo e parque sito no Caritel (San Martiño de Mondoñedo, Foz). Contén obras do artista plástico "Caxigueiro", Daniel Río Rubal, e tamén alberga o estudo do artista, máis un xardín, onde destaca unha colección de máis de cen variedades de camelia.

Friol editar

Inaugurado en 1983 na fortaleza do mesmo nome, como sección de etnografía do Museo Provincial de Lugo. No patio expóñense trebellos propios dos oficios tradicionais, cortes e adega, e na cociña, os elementos propios dunha cociña tradicional galega. Hai unha sala do tear dedicada ó traballo da la e do liño. Na torre da homenaxe reprodúcese o ambiente no que vivía a nobreza medieval, con armaduras e armas de distintos tipos.

Lourenzá editar

Colección de pezas de carácter relixioso formada por ourivaría, cadros, esculturas, cálices, mobiliario etc. Destaca un sarcófago do século V procedente de Terra Santa, un relicario de pedra e madeira policromada composto por 28 bustos-relicarios, do século XVII, e unha variada biblioteca monacal de máis de 4.000 volumes.

Mondoñedo editar

Monforte de Lemos editar

Importante colección de obxectos de arte sacra, unha das máis importantes de España, con roupa litúrxica e variada ourivaría relixiosa, como relicarios. Entre os seus fondos destacan as estatuas de Cristo xacente e da Inmaculada, obras de Gregorio Fernández. Hai tamén unha reprodución da Piedade, de Michelangelo, que se atribúe ó seu taller.
Tamén chamado Museo da Compañía (de Xesús). Recolle obras de pintura relixiosa entre as que destacan dous cadros de El Greco (únicas obras deste pintor en Galicia) e cinco do italiano Andrea do Sarto, así como ornamentos relixiosos e diversos documentos. O edificio é do mestre Juan de Herrera, polo que se coñece como o Pequeno Escorial de Galicia.
Situado nas antigas instalacións ferroviarias que no seu día albergaron un dos máis importantes depósitos de tracción vapor do norte de España. Estas instalacións dispoñen dunha nave circular cun deseño propio da arqueoloxía industrial de principios do século XX e unha praia con 40 vías que se enlazan a través dunha ponte xiratoria que se utiliza tamén para inverter a marcha da locomotora de vapor.

Pedrafita do Cebreiro editar

Palloza rehabilitada e dotada con tódolos útiles que empregaban os seus moradores ata mediados do século XX para a súa vida diaria (habitacións, roupa, enxoval, mobiliario, alimentación e cociña etc.) e nos traballos agrícola e gandeiro (cortes, apeiros, trobos, útiles de caza e pesca etc.).

Vilalba editar

Constitúe a colección máis completa de Galicia de restos dos períodos paleolítico e mesolítico, procedentes de escavacións realizadas polo Museo, se ben os fondos expostos chegan ata a dominación romana, en módulos sucesivos: Idade de Pedra (tallada e puída), Idade de Bronce, Idade de Ferro (o mundo castrexo) e a época romana. O museo compleméntase con maquetas e reproducións, así como con exposicións temporais.

Provincia de Ourense editar

Ourense editar

Mostra obxectos persoais de Ramón Otero Pedrayo e a súa biblioteca particular. O propio pazo, propiedade da súa familia e residencia de Otero Pedrayo nos últimos anos e ata a súa morte, reconstrúe a estrutura tradicional dun pazo galego de principios do século XX e conserva as dependencias nas que vivira (o despacho, a biblioteca, o dormitorio).
Colección de máis de 4.000 pezas que recolle a historia do ferrocarril no mundo, con reproducións de máquinas de tren desde a primeira máquina a vapor ata os últimos trens de alta velocidade.
Museo de arte sacra inaugurado en 1954 na chamada Claustra Nova, da Catedral de Ourense. Expón numerosos obxectos relixiosos entre os que destacan o Tesouro de San Rosendo, a lauda cristiá máis antiga de Galicia (do século VI, procedente de Baños de Molgas) ou as placas de esmalte do frontal dun relicario (de Limoges). Tamén, o Misal Auriense (o primeiro libro que se imprentou en Galicia, en 1494) e o Breviario Auriense.
Posúe unha sección de arqueoloxía (con pezas do mundo castrexo, como os Guerreiros, e das épocas romana, prerrománica e medieval) e unha sección de Belas Artes (con esculturas, como a Inmaculada de Juan de Juni ou os taboleiros do cadeirado de Montederramo, e pinturas dos séculos XIX e XX).
Tamén chamado Museo Internacional de Cornamusas, recolle variedades deste instrumento popular procedentes de diferentes países de Europa, Asia e África, ademais de modelos de gaitas galegas. Moitas son reproducións feitas por especialistas, unha vez desaparecidas no seu lugar de orixe.

Allariz editar

Colección de fondos documentais sobre a vida e obra do escritor Vicente Risco e do seu fillo, Antón (natural de Allariz e que foi quen fundou a casa museo en 1995 como homenaxe ó seu pai). Recrea o despacho que Risco tivera na súa casa de Ourense, coa súa biblioteca, e mostra numerosos debuxos, deseños e materiais da revista Nós, que fundara en 1920.
Museo de arte relixiosa, con notables pezas de marfil, entre as que destaca unha Virxe Abrideira de finais do século XII (doazón de Dona Violante, fundadora do convento e dona de Afonso X o Sabio); e de prata, entre as que destaca unha Cruz de cristal de rocha gótica.
Muíño hidráulico (de turbina, en lugar do rodicio tradicional) situado ó pé do Arnoia, restaurado e con tódalas pezas e ferramentas que se utilizan no proceso da moenda do millo, trigo e centeo. É posible ver funciona-lo muíño. Forma parte do Parque Etnográfico do Río Arnoia.
Vella fábrica de curtidos ó pé do río Arnoia, levantada no XVIII e reconstruída agora para mostra-los seus elementos e todo o proceso de curtido de peles (pilos para o lavado e encascado, coitelos e outras ferramentas para face-lo coiro). Nun obradoiro anexo hai un taller artesanal onde se traballa o coiro. Forma parte do Parque Etnográfico do Río Arnoia.
Reproduce todo o ciclo do cultivo e recolección do liño e mailos aparellos utilizados no seu procesamento para a obtención do fío (ripo, espadeleiro, restrelo, fusos, rocas etc.), continuando co tear tradicional, aínda en uso. Mostra tamén pezas elaboradas á man, como sabas, colchas ou roupa interior. Forma parte do Parque Etnográfico do Río Arnoia.
 
Museo do xoguete.
Colección de xoguetes desde principios do século XX ata a década dos setenta: coches, trens, arcos, pistolas, bonecas e casas de bonecas, cadeiras (miniaturas), xogos de mesa etc.
Colección de arte relixiosa, doada polo doutor Aser Seara Vázquez, con predominio de temas marianos (Virxes, Inmaculadas, Dolorosas) ou relacionados coa paixón de Cristo. Os fondos expostos abarcan desde finais do XIII ata finais do XIX, e entre eles destacan as esculturas en madeira e marfil e os relicarios.
Conxunto etnográfico relacionado coas industrias ligadas ó río Arnoia, recuperadas na década dos 90. Está formado polo Museo do Coiro "Familia Nogueiras" (nunha antiga fábrica de curtidos, cos seus pilos e os útiles necesarios), o Museo do Tecido "O Fiadeiro" (que revive o cultivo do liño e as ferramentas para fialo e tecelo) e o Muíño do Burato (muíño reconstruído e aínda en uso, con tódalas súas pezas).

Bande editar

Colección de iconas bizantinas, pinturas, cerámicas, reloxos etc. O museo está situado nas inmediacións da Igrexa de Santa Comba de Bande (do século VII), nunha antiga casa rehabilitada.

Baños de Molgas editar

Material etnográfico recopilado en boa parte por Elixio Rivas Quintas por terras ourensás que representa os aspectos máis representativos da cultura tradicional (polo que tamén se lle coñece como Museo de Devanceiros). Mostra tamén os numerosos obxectos relixiosos que albergaba desde vello o Santuario da Nosa Señora dos Milagres do Medo.

Barbadás editar

Chandrexa de Queixa editar

Pequeno museo etnográfico que recolle ferramentas e trebellos comúns na Galicia rural tradicional, co mobiliario típico (cama, berces), unha lareira completa, a cociña co seu enxoval, un tear, unha roda de afiar, os pupitres da vella escola etc.

O Carballiño editar

Completa mostra do fenómeno da emigración na comarca do Carballiño, a través de paneis, vídeos e diferentes obxectos, así como das súas consecuencias -sociais e económicas- en Galicia e, concretamente, nesta comarca.

Castro Caldelas editar

Mostra restos arqueolóxicos achados no propio castelo de Castro Caldelas e materiais relacionados coa construción de vivendas, mosteiros e outros elementos. A sección de etnografía recolle sobre todo os apeiros propios dos oficios tradicionais.

Lobios editar

Manzaneda editar

Pequeno museo aberto no lugar de Bidueira, dedicado a lembra-lo cultivo do liño (con mostras de sementes autóctonas e a planta nas súas distintas fases), o seu fiado e o tecido e a elaboración artesanal de roupa, de casa e de vestir, cunha ampla colección dos útiles tradicionais.

A Pobra de Trives editar

Centro de interpretación situado no que foi o colexio de La Salle, reproduce a historia local a través da escola e a infancia, mediante a exposición de xogos, mapas, libros, diverso material escolar etc. Os materiais expostos datan desde primeiros do XIX ata os nosos días.

Ribadavia editar

Espazo cultural para lembra-la presenza dos xudeus en Galicia, os seus oficios, a súa relixión e a inquisición. Ourense e, en concreto, Ribadavia, tiveron unha notable comunidade xudía (ata o 50% da poboación desta localidade) que deixou unha pegada histórica.
Reúne importantes coleccións etnográficas de distintas zonas da Provincia de Ourense, desde finais do século XIX ata os nosos días, como cerámica, útiles de oficios tradicionais, apeiros de labranza, artes de pesca fluvial etc. Mención á parte merece a colección de obxectos relacionados co viño e a vide, produción característica da Comarca do Ribeiro. Destaca tamén a biblioteca especializada en antropoloxía e etnografía e unha abundante documentación sobre tradicións orais, así como un fondo que supera as 350.000 imaxes fotográficas.

San Cristovo de Cea editar

Tamén chamado Museo da Pedra por consistir nunha colección de obxectos e restos pétreos obtidos durante as restauracións feitas no Mosteiro de Oseira e escavacións arqueolóxicas: lápidas, capiteis, columnas, elementos decorativos etc. Tamén pode visitarse o propio mosteiro e a biblioteca, do século XVII.
Completa colección etnográfica, que supera xa as 10.000 pezas, que mostra o traballo agrícola e as ferramentas dos vellos oficios, xunto a numerosos obxectos singulares da vida rural galega. O museo está a realizar un inventario e catalogación do patrimonio cultural galego, á vez que edita diversos traballos antropolóxicos e etnográficos.

A Teixeira editar

Conxunto de fotografías que ilustran o proceso de elaboración do viño e exposición dos principais viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, da que A Teixeira forma parte. No mes de novembro, o concello celebra a "Festa do Viño Novo", para proba-lo viño da colleita do ano.

Xinzo de Limia editar

Provincia de Pontevedra editar

Pontevedra editar

Na avenida de Santa María, atópanse os restos das antigas Torres Arcebispais que, na actualidade forman un museo no foso da antiga fortaleza, inaugurado en agosto de 2010.
A illa ten uns 130 000 m² que albergan esculturas de artistas internacionais e nacionais como Giovanni Anselmo, Ulrich Rückriem, Robert Morris, Dan Graham, Jenny Holzer, Fernando Casás ou Francisco Leiro.
 
Museo de Pontevedra, Edificio Castelao.
Museo pluridisciplinar : belas artes, arqueoloxía, etnografía, artes aplicadas. Está repartido en varios edificios espallados pola cidade. Os principais son os situados na rúa Pasantería, o pazo de Castro Monteagudo e o pazo de García Flórez onde ten a sede e na rúa Sarmiento o edificio Sarmiento. O último edificio construído, na rúa Padre Amoedo Carballo, o edificio Castelao, alberga unha importante colección arqueolóxica, amais dunha zona de exposicións temporais. Os edificios da rúa Pasantería albergan arte e arqueoloxía, onde se atopa a recreación do despacho do almirante Méndez Núñez. As ruínas do convento de San Domingos, na Gran Vía de Montero Ríos, albergaban todos os brasóns nobiliarios rescatados por Casto Sampedro e outras pezas, entre elas un miliario atopado a carón da ponte do Burgo. É o museo máis visitado da provincia de Pontevedra.[5]

Baiona editar

Inaugurado o 1 de marzo de 2015.
A carabela Pinta foi a que regresou a España tralo descubrimento de América, capitaneada por Martín Alonso Pinzón, arribando concretamente en Baiona o 1 de marzo de 1493. O museo consiste nunha reprodución da carabela Pinta coa distribución, mobiliario e tódolos utensilios utilizados polos seus tripulantes, así como os obxectos, froitas e animais que trouxeron do novo mundo.

Bueu editar

Material etnográfico relacionado coa pesca artesanal galega, coa industria (salga, conservas de peixe e caza da balea) e coa navegación (diverso instrumental, maquetas de distintos tipos de embarcacións, material utilizado na carpintería de ribeira etc.).

Cambados editar

Casa natal de Ramón Cabanillas, o Poeta da raza (1876-1959), rehabilitada nos anos 90 para reproduci-lo ambiente no que viviu. O museo recolle diversos obxectos do escritor, fotografías, testemuñas e obras que lembran a súa figura.
Muíño de mareas, construído en 1622, con toda a súa maquinaria: tres moas de gran groso (para o millo) e outra de gran fino, albeira (para trigo e centeo). Expóñense tamén diversos apeiros agrícolas relacionados co cultivo dos cereais, maquetas e reproducións de distintos tipos de maquinaria.
Situado na antiga casa reitoral de Santa Mariña Dozo, restaurada e ampliada. Mostra tódolos pasos da elaboración do viño, desde a viña ata a botella, especialmente no relacionado co viño albariño. Mediante maquetas, proxeccións e obxectos relacionados coa viña, o seu cultivo e as súas enfermidades, a colleita, a vinificación, o embotellado e a cata.

Cangas editar

Inaugurado en 2019.

Covelo editar

Casa soarega do século XVII con máis de 3.800 pezas (armas, instrumentos musicais, ferramentas, utensilios, mobles, enxoval etc.) A Casa Museo é tamén sede do Centro de Estudios de A Paradanta.

Forcarei editar

 
Centro Etnográfico Terra de Montes
Material etnográfico, recollido na Terra de Montes (Pontevedra), da vida cotiá na primeira metade do século XX: ferramentas usuais no medio rural (carro, xugos, arados etc.) e nos oficios comúns (canteiros, carpinteiros, ferreiros etc.). Tamén recrea un dormitorio e unha cociña tradicionais, con tódolos útiles necesarios.
 
Remates de torques no Museo de Santa Trega.

A Guarda editar

Colección das pezas arqueolóxicas atopadas nas escavacións do Castro (e mais nalgúns castros próximos). Complementa a visita ó propio castro e permite coñece-lo seu contexto histórico, as campañas arqueolóxicas e os obxectos extraídos: restos paleolíticos, neolíticos, da idade de bronce, da cultura castrexa e da ocupación romana.

A Illa de Arousa editar

É o resultado da musealización do antigo edificio da fábrica de conservas que fundara Juan Goday Gual en 1879, a primeira fábrica de conservas de Galicia, e que pechou en 1958. Consérvanse os mesados sobre os que recibían, preparaban e enlataban a sardiña e algunhas das máquinas que posuía, xunto outras procedentes do Museo Massó (Bueu), así como latas da época, ferramentas diversas e numerosas fotografías das mulleres traballando na fábrica.

Lalín editar

 
Fundación Laxeiro.
Expón unha ampla colección de máis de 1.800 pezas, cos utensilios propios dunha casa tradicional galega (mobiliario diverso, a cociña, o tear e a roupa), os apeiros necesarios na agricultura e gandería (carros, xugos e maquinaria) e as ferramentas características de máis de 85 oficios diferentes (canteiro, ferreiro, carpinteiro, zoqueiro, afiador etc).
Inaugurado en outubro do 2001, mostra unha ampla colección de marionetas da compañía de títeres Viravolta, ademais de biblioteca, vídeos e outros materiais. O Museo organiza talleres de iniciación, cursos e mostras de teatro de marionetas.

Marín editar

Recolle 77 obras do pintor, escultor e humorista Manuel Torres Martínez (cadros, debuxos e esculturas), que cedeu ó seu concello natal. Outras salas do museo dedícanse a exposicións temporais de pintura ou escultura contemporáneas ou de artesanía, fotografía etc.

As Neves editar

O Grove editar

Colección de artes de pesca e materiais relacionados coa historia mariñeira do Grove, tanto no que se refire á salga de peixe como no tocante á pesca e á industria conserveira. Ademais da nave principal pódese visitar unha fábrica de salga de 1790, reconstruída en tódolos seus elementos orixinais.

Marín editar

 
Museo da Batalla de Rande.

Redondela editar

Inaugurado o 9 de novembro de 2013.

Silleda editar

Inaugurado en 2019.
 
Detalle da fachada do Museo Diocesano de Tui.

Tui editar

Colección composta principalmente de obxectos relixiosos, como cálices, custodias, cruces procesionais e ornamentos. Contén tamén un ha sección arqueolóxica con pezas extraídas nas escavacións realizadas na Catedral, como sarcófagos, laudas, os escudos da porta da muralla de Tui e un antigo coro románico.
Situado no antigo Hospital para Pobres e Peregrinos, levantado en 1756. Aquí os peregrinos a Santiago de Compostela tiñan dereito a pasar tres noites. Na súa planta baixa estaba a alfóndega ou mercado da cidade. Consta dunha sección de arqueoloxía, outra de arte sacra e unha terceira de pintura e escultura. Na primeira destacan un sarcófago romano e un casco celta do século III-II a.C. A sección de arte sacra mostra obxectos e figuras procedentes de distintas igrexas da Diocese e unha colección única en España de Sambenitos (penitencias ditadas polo Santo Oficio, e na de escultura pódese contemplar unha Virxe atribuída a Juan de Juni.

Vigo editar

Centro principal de exposicións temporais do concello de Vigo e sede da Fundación Laxeiro e da colección Luís Torras. A primeira mostra 62 obras de Laxeiro e percorre tódalas épocas do pintor. A segunda mostra unha colección de 67 cadros do artista vigués Luís Torras. A Casa das Artes contén tamén o arquivo fotográfico Pacheco, con máis de 100.000 imaxes tomadas desde 1900 ata 1970.
Museo nacido para desenvolver, ademais das actividades propias de exposición permanente, traballos de investigación, conservación, e difusión da arte e da cultura contemporáneas nos eidos das artes plásticas, arquitectura, vídeo, deseño, cine etc. Desenvolve tamén frecuentes exposicións temporais dedicadas a autores ou movementos artísticos galegos de vangarda.
Colección de obxectos relacionados coa cultura material doméstica de Galicia xa desaparecida: ferramentas artesanais e agrícolas, o carro, roupa e tecidos, a vivenda tradicional etc. Recolle tamén pezas relacionadas coa relixión, a superstición e a medicina popular.
Fai un percorrido detallado da evolución da industria pesqueira galega: pesca, conservación e comercialización de moluscos, sardiña e pescada. Outra parte do museo mostra a pesca en xeral e as condicións oceanográficas e biolóxicas que explican a distribución das especies. Está construído nun contorno natural, que integra edificios e espazos ó aire libre abertos ó mar.
 
Pazo Quiñones de León, sede do museo homónimo.
Por unha banda, conta cunha sección arqueolóxica, con pezas representativas da historia de Vigo, desde o paleolítico á Idade media, e os restos achados no Monte do Castro. Por outra, expón unha completa colección de arte galega contemporánea, desde finais do XIX ata a actualidade: Avendaño, Maside, Torres, Colmeiro, Laxeiro, Lugrís etc, xunto a representantes do "Movemento Atlántica".
 
Pinacoteca Francisco Fernández del Riego.
Museo interactivo relacionado coa palabra e a comunicación humana, organizado en catro grandes bloques: linguaxe e comunicación, literatura, ciencias e tecnoloxía. Permite coñecer e experimentar coa lingua, os idiomas, as letras, sons, vista, oído, lectura e escritura etc. mediante 29 cubos –tantos como as letras do alfabeto- de distinto carácter interrelacionados.

Vila de Cruces editar

Colección de obras de diferentes artistas do Deza, como Laxeiro, Colmeiro, Sucasas e outros, xestionada polo tamén pintor Paco Lareo na súa casa natal, como lugar de encontro de artistas e de exposición permanente.

Vilanova de Arousa editar

Casa natal de Julio e Francisco Camba, rehabilitada para expoñer fotografías destes escritores, exemplares de primeiras edicións, artigos e outro material relacionado con eles.
Tamén chamada Museo do Cuadrante, por se-lo nome co que se coñecía a casa natal de Valle-Inclán, pretende recolle-la memoria do escritor, reproducindo o ambiente onde creceu e un percorrido pola súa vida, obra e contexto histórico. Mostra as primeiras edicións dun bo número das súas obras.

Notas editar

  1. "Museo de Belas Artes". museos.xunta.gal. Consultado o 10 de abril de 2023. 
  2. "Museo da Terra de Melide". Xunta de Galicia. Consultado o 4.3.2019. 
  3. "Casa Museo Valle Inclán". museos.xunta.gal. Consultado o 10 de abril de 2023. 
  4. "Museo numismático do Concello de Lobios". No sitio web oficial do Concello de Lobios.
  5. "El Museo de Pontevedra dobla en público a las salas de Vigo". Atlántico Diario (en castelán). 26 de agosto de 2022. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar