Moeda do reino de Bitinia
A moeda do reino de Bitinia é a cuñada a nome dos gobernantes do reino de Bitinia, situado nas costas do Mar Negro, desde as primeiras emisións de Nicomedes I (ca. 280 - ca. 250 a. de C.) ata a romanización do reino tras a morte de Nicomedes IV en 74 a. de C.
Historia editar
Expansión da moeda na rexión editar
As emisións monetarias dos reinos de Asia Menor en determinados períodos da súa historia foron moi habituais e abundantes. Logo da expansión de Pérgamo baixo a dinastía Atálida, os reinos máis pequenos aproveitáronse da situación política e aumentaron o seu poder na rexión. Bitinia, Capadocia e o Ponto son casos ben coñecidos e estudados polas súas abundantes emisións en certos momentos. O reino de Bitinia incorporou as áreas máis monetizadas baixo o seu dominio e os seus gobernantes cuñaron series de moedas de prata e bronce longas e constantes. Noutros lugares, os capadocios salientan principalmente polas súas emisións militares de moedas, e a rexión póntica, menos monetizada, cuñou moedas de ouro, prata e, moi abundantemente, de bronce. Coñécemnse tamén emisións de Bitinia e da Capadocia en bronce.[1]
Cuñaxes do reino de Bitinia editar
En tempos do primeiro rei de Bitinia, Cipetes I (ca. 298 - ca. 279 a. de C.) descoñécese calquera tipo de emisión monetaria.[2]
As primeiras moedas bitinias das que se ten constancia corresponden ao reinado de Micomedes I (ca. 280 - ca. 250 a. de C.). Este monarca é coñecido por levar os galos gálatas a Asia Menor en 277 a. de C. para loitar contra o seu irmán Antíoco I, o que ocasionou problemas ás poboacións gregas locais durante un século. A principios de 260 a. de C., probablemente en 264, segundo Eusebio, trasladou a capital a Nicomedia, cidade na que existía unha casa de moeda. Deste período coñécense tetradracmas e dracmas de prata do padrón ático, e sábese tamén que se levaron a cabo cuñaxes de bronce.[3] De feito, tanto os bitinios como os capadocios comezaron as súas emisións de moeda propia con pequenas series de bronce.[1]
Do seu sucesor, Cileas (ca. 250 - 230 a. de C.) chegaron aos nosos días unicamente emisións de bronce, aínda que se conservan moi poucos exemplares.[3]
Durante o reinado de Prusias I (ca. 232 - 182 a. de C.) regularizouse e sistematizouse a emisión de moeda de bronce e de prata no reino, e ao seu nome prodúcense as primeiras grandes emisións monetarias.[1] Nos catálogos numismáticos máis habituais que cobren esta época hai unha certa confusión, xa que non se fai a diferenza entre os bronces de Prusias I e de Prusias II (182 - 149 a. de C.), en tanto que algunhas moedas de Cileas poden aparecer como atribuídas a Prusias I.[3]
O máis salientable de Nicomedes II (149 - 127 a. de C.) é o comezo, baixo o seu reinado, dos primeiros estateros de ouro da historia do reino. Estas moedas amosan o retrato do rei nos seus anversos e un xinete ao galope nos reversos, e introducen o ano de emisión da era bitinia, en substitución da datación da era seléucida.[4][5]
Tanto Nicomedes III (ca. 127 - 94 a. de C.) como Nicomedes IV (ca. 94 - 74 a. de C) cuñaron tetradracmas similares aos do seu antecesor Nicomedes II.[2]
A fin do reino editar
Á morte de Nicomedes IV en 74 a. de C., o reino pasou a estar gobernado polo Imperio Romano. Logo reconstituíuse inicialmente como provincia romana e posteriormente pasou a formar parte da provincia de Bitinia e Ponto. A Administración romana trouxo consigo a introdución da que se coñece como moeda provincial romana, co que as emisións de Bitinia chegaron ao seu fin.[2][6][7]
Nesta etapa de administración romana, 29 cidades da provincia de Bitinia e Ponto emitiron moeda durante o século II d. de C.[6][7]
Notas editar
- ↑ 1,0 1,1 1,2 "The Last Hellenistic Kings (Bithynia, Cappadocia, Pontus)". En Metcalf, W. E. (2016). Páxina. 185.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Bithynia". En Snible.org
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Mørkholm, O. (1991). Páxina 130.
- ↑ Bilde, P. (1996).
- ↑ Højte, J. M. (2006). Páxinas 15-30.
- ↑ 6,0 6,1 Burnett, A.; Amandry, M.; Carradice, I. (1999). Páxinas 92-95.
- ↑ 7,0 7,1 Sayles, W. G. (1998). Páxinas 46-47.
Véxase tamén editar
Outros artigos editar
Bibliografía editar
- Bilde, P. (1996). Aspects of Hellenistic Kingship. Aarhus University Press. ISBN 978-87-7288-474-5
- Burnett, A.; Amandry, M.; Carradice, I. (1999). Roman provincial coinage: From Vespasian to Domitian: (AD 69-96). British Museum. ISBN 978-0-7141-0898-8
- Corsten, T. (1996). Katalog der Bithynischen Münzen der Sammlung des Instituts für Altertumskunde der Universität zu Köln. Band 2: Konige, Commune Bithyniae, Stadte (ausser Nikaia). Westdeutscher Verlag, Opladen. ISBN 9783531099415
- Metcalf, W. E. (2016). The Oxford Handbook of Greek and Roman Coinage. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-937218-8
- Mørkholm, O. (1991). Early Hellenistic Coinage from the Accession of Alexander to the Peace of Apamaea (336–188 BC). Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-39504-5
- Højte, J. M. (2006). "From Kingdom to Province: Reshaping Pontos after the Fall of Mithridates VI". En Tønnes Bekker-Nielsen (ed.). Rome and the Black Sea Region: Domination, Romanisation, Resistance. Aarhus University Press.
- Sayles, W. G. (1998). Ancient Coin Collecting IV: Roman Provincial Coins. F+W Media. ISBN 0-87341-552-3
- Weiser, W. (1983). Katalog der Bithynischen Münzen der Sammlung des Instituts für Altertumskunde der Universität zu Köln. Band 1: Nikaia – mit einer Untersuchung der Prägesysteme und Gegenstempel. Westdeutscher Verlag, Opladen. ISBN 978-3531099194