Minotauro

criatura mitolóxica, con corpo de home e cabeza de touro

Na mitoloxía grega, o Minotauro[1] (en lingua grega "Touro de Minos") era unha criatura con corpo de home e cabeza de boi. Vivía no labirinto construído polo rei Minos de Creta e deseñado polo arquitecto Dédalo para manter encerrado o Minotauro. Finalmente foi morto polo heroe Teseo. Tamén era coñecido como Asterio ou Asterión, derivado do nome de Asterión, o pai adoptivo de Minos.

Bicando o Minotauro (Bill Lewis, 2002).

Descrición do mito editar

Minos, xunto ós seus irmáns, Radamantis e Sarpedón, era fillo de Zeus e Europa. O home de Europa, Asterión, aceptounos e criounos como fillos propios, nomeando herdeiros os tres. Cando morreu Asterión, Minos quixo todo o poder para si e expulsou os seus irmáns, aducindo que foran os deuses os que lle concederan o reino. Para demostralo pediulle a Poseidón que fixese saír do mar un touro, prometendo que o sacrificaría no seu honor. Efectivamente, Poseidón enviou un touro espléndido, tan fermoso que Minos decidiu conservalo como semental nos seus rabaños e sacrificar outro no seu lugar. Pero Poseidón, ó verse enganado, vingouse, e fixo que o touro enfurecese e que a muller de Minos, Pasífae, enlouquecese espertando nela un amor apaixonado polo animal [2]. Este foi o Touro de Creta que, posteriormente, tivo que matar Heracles nun dos seus doce traballos.

Pasífae foi ata Dédalo para buscar a maneira de satisfacer as súas paixóns. Dédalo construíu unha vaca oca de madeira e cubriuna cunha pel de vaca para que Pasífae puidese introducirse dentro e que o touro puidese montar nela, e o resultado desa unión foi o Minotauro.

[Dédalo] construíu unha vaca de madeira con rodas, baleirouna por dentro, recubriuna coa pel dunha vaca que esfolara e, colocándoa no prado onde o touro adoitaba pastar, introduciu dentro dela a Pasífae. Cando o touro chegou xaceu con ela tomándoa por unha vaca de verdade. Pasífae pariu a Asterio, denominado Minotauro, que tiña o rostro de touro e o resto humano.
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 1, 4)

Minos estaba avergoñado de que a muller parise semellante monstro, pero ademais era unha criatura salvaxe, polo que Minos consultou co Oráculo de Delfos e mandoulle a Dédalo construír un labirinto xigante para contelo de xeito seguro para todos[3]. Porén ocorreu que Androxeo, fillo de Minos, foi morto polos atenienses, que envexaban as vitorias que el conseguía no festival panatenaico. Para vingar a morte do seu fillo, Minos declarou a guerra contra Atenas. Lanzou tal maldición contra a cidade que caeu sobre ela unha terrible peste, o que obrigou ós atenienses a renderse sen condicións. Minos esixiulles entón o envío dun tributo anual formado por catorce mozos de ámbolos sexos[4].

"Cando Minos... loitou contra os atenienses, o seu fillo Androxeo resultou morto na batalla. Despois de ser vencidos, os atenienses comezaron a ser tributarios de Minos, pero tamén determinou que cada ano enviaran a sete dos seus fillos como pasto do Minotauro".
(Hixino: Fábulas 41)
 
Teseo no momento de darlle morte ó Minotauro.

O terceiro ano, cando se ía celebrar o sorteo para escoller as vítimas, Teseo apuntouse voluntario coa intención de matar o monstro[5]. Ó chegar ó palacio de Minos, en Creta, Ariadna, filla de Minos e Pasífae, apaixonouse por el e axudouno (a cambio de casar con ela), entregándolle un nobelo de fío para que o fose soltando segundo entraba e así poder, logo, saír do labirinto[6]. Teseo matou o Minotauro (cunha espada máxica que Ariadna lle dera ou, simplemente, a puñadas). Pero a pesar da promesa feita, Teseo abandonou a Ariadna no regreso a Atenas, na illa de Día (hoxe, Naxos).

[Teseo] É incluído no terceiro tributo ó Minotauro ou, segundo din outros, ofreceuse voluntario... Por indicación súa [de Dédalo] [Ariadna] dálle un fío a Teseo no momento de entrar. Teseo, tras atalo á porta, entra e vaino soltando. Achou a Minotauro na parte máis recóndita do labirinto, matouno loitando a puñadas e saíu recollendo o fío.
(Pseudo-Apolodoro: Epítomes 1, 8-9)

Minos, irado porque Teseo conseguira escapar, encerrou a Dédalo e o seu fillo Ícaro no labirinto, aínda que logo conseguiron escapar construíndo ás para si mesmos. Porén Ícaro, na súa inconsciencia, aproximouse demasiado ó sol, que derreteu a cera coa que estaban pegadas as ás. Caeu e morreu. Outros din que Teseo, tras matar ó Minotauro, levou a Dédalo a Atenas.

Existe unha versión evemerista que di que Minotauro non era esta criatura monstruosa, senón un soldado de Minos, chamado Tauro, e que os sete mozos atenienses estaban destinados a ser ofrecidos como premio nos xogos fúnebres que se celebraban en memoria de Androxeo. Tauro sería o primeiro vencedor neste xogos e, pola súa crueldade cos outros mozos, Teseo emprendeu esa expedición de castigo. Minos encontrou en Teseo a ocasión para librarse de Tauro, que ademais mantiña relacións sexuais coa raíña Pasífae, e non só facilitou a expedición de Teseo senón que ademais lle deu de grado a man da súa filla Ariadna.

Iconografía editar

 
Teseo e o Minotauro, de Antonio Canova (Victoria and Albert Museum, Londres).

Os amores zoofílicos de Pasífae no se reflictirán na arte ata a Idade contemporánea, con Johann Heinrich Füssli ou Moreau.

Non é ata o Helenismo cando se representa a escena de Dédalo construíndo a vaca de madeira ou entregándolla a Pasífae, motivo que se volverá a ver no Renacemento (por exemplo, no Campanile de Gioto, entre outros artistas).

A figura do Minotauro queda xa fixada no século VII a.C., con escasas variantes posteriores, como a representación en forma de centauro con corpo e patas bovinos e torso e cabeza humanos. O momento predominante será o da súa loita e morte a mans de Teseo, por veces con Minos, Ariadna e algúns mozos a modo de espectadores. Teseo pode aparecer armado cunha espada ou cunha maza que arrebatou a Perifetes.

A imaxe arquetípica será a de Teseo vitorioso sobre o cadáver de Minotauro: pódese ver claramente na escultura de Canova (1804) [7]. Pero tamén se reflicte arrastrándoo fóra do labirinto, ou marchando mentres deixa atrás o corpo do animal. Gustav Klimt usará este motivo no cartel para a primeira exposición da Secesión vienesa, de 1898, simbolizando o triunfo da arte nova sobre a arte tradicional. E Jacques Lipchitz fixo o propio nunha escultura para prognosticar en 1942 a vitoria aliada sobre Hitler.

Recibe un tratamento diferente co Maestro di Tavarnelle (ou dei Cassoni Campana). A obra mostra o mito desenvolvido en distintas escenas sucesivas: Minotauro, con forma de centauro, causando estragos; Minotauro sendo capturado por Minos; Teseo, vestido de cabaleiro medieval, desembarcando e avanzando cara ao labirinto, ante cuxa porta agarda Ariadna; Teseo dando morte a Minotauro no centro do labirinto; e finalmente, ó fondo, Teseo regresando vitorioso no seu barco.

 
Teseo e o Minotauro (Maestro di Tavarnelle (ou dei Cassoni Campana) (c. 1515, Petit Palais, Louvre)

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Minotauro.
  2. Para Hixino, o problema veu de que Pasífae non celebraba ofrendas a Afrodita, e a deusa castigouna provocando nela esta paixón zoofílica (Fábulas, 40).
  3. E. Pottier suxire que este labirinto foi unha copia, en pequeno, do xigantesco labirinto que mandara construír o faraón Amenemhat III como palacio e como a súa futura tumba (Benavente e Ferro: O libro da vaca, 1399). Tamén se ten relacionado o mito cos inmensos -e enmarañados- palacios descubertos en Cnosos e outras cidades micénicas.
  4. Sete mozos e sete mozas (Pseudo-Apolodoro III, 15, 8). Tamén a periodicidade é variable segundo as fontes: cada ano, cada tres ou cada nove anos. Isto lembra a lenda do Tributo das cen doncelas que corre por Galicia, ou sete doncelas en Simancas (Valladolid). Na parroquia de Sarandós, en Abegondo, existe a chamada torre de Peito Bordelo ou Pazo das Torres de Bordel, torre na que, segundo a lenda, se concentraban as cen doncelas antes de envialas como tributo á corte do califato de Córdoba.
  5. A tradición máis estendida di que a selección se facía por sorteo, pero algunhas fontes din que era o propio Minos quen escollía as vítimas.
  6. Outras versións din que o que lle deu Ariadna era unha coroa luminosa que o guiara nas tebras do labirinto.
  7. Ficha en Arte-La Guía.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Diodoro Sículo I. I6, IV. 61.
  • Plutarco, Teseo, 15—19
  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, pp. 409-416.
  • BENAVENTE JAREÑO, P. e FERRO RUIBAL, X.: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún. Xunta de Galicia, 2010, pp. 105-106.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981, s. v. Minotauro, Ariadna, Teseo, Tauro.
  • HIGINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • Pseudo-Apolodoro: Epítomes. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, 1, 7-9 [a numeración segue a utilizada neste texto]