Milla

unidade de lonxitude

A milla é unha unidade de lonxitude que non forma parte do sistema métrico decimal. De orixe moi antiga, foi herdada da Antiga Roma e equivalía a mil pares de pasos camiñados por un home (en latín: mille passus, plural: milia passuum). Como os pasos eran dobres, a milla romana era aproximadamente igual a 1 467 m, e polo tanto un paso simple era duns 73 cm.

Antes de establecerse o Sistema métrico a milla foi unha das principais medidas de distancia en todo o mundo occidental, aínda que o seu valor variaba dun país a outro. Coa introdución do sistema métrico, os países latinos e outros moitos comezaron a usar o metro e os seus múltiplos para medir as distancias terrestres, e actualmente utilízase en todo o mundo, excepto nos países anglosaxóns e os do seu ámbito de influencia, onde aínda utilizan a milla.

Actualmente existen 2 tipos xerais de millas: Estatutaria (da que se empregan hoxe dous subtipos) e Náutica.

Milla estatutaria editar

Defínense dúas millas estatutarias de diferenzas case desprezables, a internacional e a de agrimensura.

Milla internacional editar

Chamada simplemente milla, séguese usando nos países anglosaxóns e equivale a 1 609,344 m. En inglés chámase statute mile. Nos países que utilizan o sistema métrico a milla aparece normalmente nos mapas a fin de que estes poidan ser estudados tamén polos anglosaxóns. Da mesma forma os países anglosaxóns van incorporando paulatinamente o quilómetro como dato adicional na súa cartografía.

Milla de agrimensura editar

Chamada survey mile en inglés. É usada a diario polo Servizo Público de Agrimensura de Terras dos Estados Unidos. É o equivalente 5.280 pés de agrimensura, aproximadamente 1 609 m.

Milla náutica editar

Artigo principal: milla náutica.

A milla náutica (NM, do inglés: Nautical Mile), tamén chamada milla marítima, introduciuse na náutica hai séculos, e foi adoptada, con moi lixeiras variacións, por todos os países occidentais. Aínda é utilizada por todos os navegantes do mundo, ata por aqueles que están afeitos ao sistema métrico. É igualmente usada para a navegación aérea. Equivale a 1 852 metros.