Micrófono inalámbrico

Un micrófono inalámbrico, como o seu nome indica, é aquel micrófono que non precisa de cable para ser conectado a un equipo ao que queiramos asociar. Captan as ondas sonoras e transmítenas como ondas electromagnéticas. Estas ondas electromagnéticas actúan como portadoras, moduladas a razón das ondas sonoras previamente convertidas en tensión. O tipo de modulación adoita ser en frecuencia (FM), aínda que tamén podería ser en amplitude (AM) ou outros. Os micrófonos inalámbricos adoitan traballar en VHF ou UHF. Cada aparello consta de dúas partes, un transmisor e un receptor, que traballan coa mesma frecuencia. Algúns modelos empregan infravermellos, pero estes non permiten a liberdade dos de radiofrecuencia.

Micrófono inalámbrico aberto para mostrar a batería interna.

Algúns modelos operan nunha única frecuencia fixa, mais os máis avanzados, permiten a escolla da frecuencia na que se quere transmitir para evitar interferencias, podéndose empregar varios micrófonos a un mesmo tempo.

O transmisor recollerá o sinal do micrófono, aumentarao para o seu tratamento, mediante un previo, e logo faralle unha pre-énfase, aumentando as frecuencias agudas (sobre 3 kHz), para contrarrestar o inevitable ruído de alta frecuencia que se produce na transmisión. Nótese que a amplitude do sinal de son determina a modulación da frecuencia, logo se o emisor non admite grandes rangos dinámicos, comprímese en emisión e descomprímese no receptor. A transmisión polo aire faina unha onda portadora producida por un oscilador, que pasa polo modulador (FM) dando lugar a un sinal modulado (en FM). Para que a antena dea transmitido o sinal, conta con amplificación RF, coa antena do receptor agardando por ela.

A banda de frecuencias na que emiten os micrófonos inalámbricos, como todo o espazo de radiofrecuencias, está administrado polo Estado.

Véxase tamén editar