Unha mesa de mesturas de son, mesa de son ou mesa de mesturas (de son), é un dispositivo capaz de combinar varias sinais de son sobre as que se pode actuar de xeito independente ou conxuntamente. Estes dispositivos teñen multitude de usos en relación ó son, como gravación en multipistas, reforzo sonoro de música en vivo, sonorización en platós de televisión etc. As mesas de mesturas, para ser útiles e acada-los obxectivos esperados, deben estar compostas de certos elementos, comúns a todas elas.

Consola SSL SL9000J de 72 canles no Cutting Room Recording Studio, Nova York.
Enxeñeiro de son axustando as mesturas mentres un grupo toca en directo.

Características editar

Canles de entrada e controis da mestura editar

Os diferentes sinais que son enviados á mesa entran nesta por canles, as cales están dotadas de entradas específicas de nivel liña ou nivel micrófono.

  • Os conectores de entrada a estas canles son de tipo XLR-3, TRS, TS ou RCA. Ademais, a entrada de liña pode ser balanceada (inmunidade ó ruído fronte a interferencias) ou non balanceada. As entradas de liña de alta impedancia son as preparadas para a conexión directa da saída de instrumentos de alta impedancia acústica (guitarras, por exemplo)
  • A entrada de micrófono está constituída por un previo de ganancia fixa, seguido doutro amplificador ó que o técnico ten acceso a través dun potenciómetro. Deste xeito, conseguimos que no interior da mesa se traballe a nivel liña en todo momento, unha vez superada a fase de amplificación microfónica.
  • O nivel de referencia ó que se traballa no interior da mesa está comprendido entre +4 e -10 dBm. Á saída da mesa, será un destes dous niveis os que se tomen como referencia, marcando se a mesa de mesturas é profesional (+4 dBm) ou semiprofesional (-10 dBm).

Un indicador de sobrecarga móstranos mediante un led se a entrada está recibindo máis sinal da que pode soportar sen producir distorsión. Aínda que o indicador se sitúa fisicamente xunto ó control de ganancia, electronicamente pode estar situado noutro punto da canle de entrada, como pode ser despois do módulo de procesado e ecualización.

  • A alimentación phantom ou pantasma é unha tensión de 48 V enviada desde a canle pola terra do conector XLR-3, de xeito que os micros de condensador poidan funcionar. Esta opción tráena a maioría das mesas e acciónase, normalmente, mediante un interruptor.

Nalgunhas mesas podemos inverte-la fase do sinal de micrófono de entrada. Isto pode resultar moi útil para cables mal conectados ou micrófonos invertidos.

  • O atenuador é un dispositivo que permite rebaixar o nivel dun sinal. Na entrada de moitas mesas atopámonos cun atenuador fixo de 20 dB´s, moi útil para micrófonos de baixa impedancia.

Moitas mesas inclúen na sección de entrada conectores femia tipo TRS que permiten a inserción de procesadores de son no sinal microfónico antes de mesturalo co resto de sinais da mesa. A estes conectores chámaselles insertos.

  • A sección de ecualización e procesado utilízase, sobre todo, en aplicacións en directo ou gravación, onde o técnico pode ver necesario o realce ou atenuación de certas frecuencias. A sección de ecualización máis básica ofrece o control sobre o espectro de son para as frecuencias graves, medias e agudas, podendo atenuar ou realzar en 12 dB´s. Ademais, existen filtros que atenúan as frecuencias máis baixas de certo punto (HPF), ou as máis altas (LPF). O tipo e calidade do ecualizador daranlle á mesa unha maior ou menor versatilidade.
  • O fader da canle é un potenciómetro deslizante, é dicir, unha resistencia eléctrica. O seu valor varía en función da posición do mando, estando comprendido entre +12 dB´s e menos infinito dB´s. A nosa escoita será post-fader ou pre-fader (despois ou antes do envío á saída principal), dependendo do tipo de mesa, e de se o podemos seleccionar ou non.
  • O control panorámico úsase para repartir a entrada mono cara saídas dos buses de subgrupos e as saídas principais L e R da mesa, situando o sinal mono dentro dunha imaxe estéreo virtual. Este panorama contrólase mediante un potenciómetro.

Módulos de subgrupo editar

Nestes módulos podemos agrupar simultaneamente máis dun sinal, podendo controla-lo nivel de varias canles baixo un só fader, entregando un único sinal de saída de grupo. Ademais de estar formados polos faders de subgrupo, tamén podemos atopar nestes módulos:

- Mute: silenciador de grupo. - PFL (Pre-Fader Listen): escoita previa ó fader. - Asignación ó bus da saída principal L/R.

Sección de envíos auxiliares editar

A misión dos auxiliares nunha mesa de mesturas é tomar derivacións das canles, sen que por iso afecte en absoluto ó sinal orixinal, e envialas ós seus respectivos buses de auxiliar, o que permite procesar unha mestura arbitraria de sinais para posteriormente usalos como saídas auxiliares independentes. Isto faise mediante envíos, controlados en cada canle por potenciómetros que toman o sinal e o envían polo seu bus.

Isto permítenos unha gran cantidade de aplicacións e mesturas dentro dunha mesma mesa; tantas, como auxiliares teña a mesa. Tamén, deste xeito, podemos enviar sinal a equipos exteriores, para logo retornala procesada, sen que por iso teñamos que variar a nosa mestura principal. O envío a auxiliares pode ser pre-fader ou post-fader, de xeito que o sinal se atenúe cando baixamos o fader ou non. Igual que se regula o nivel de sinal de envíos a equipos exteriores, tamén debe poder regularse o retorno destes equipos; así pois, existirán tantos envíos como retornos auxiliares.

Sistemas de medida editar

Na mesa de mestura podemos atopar varios sistemas de medida, aínda que principalmente son dous, o vúmetro e o picómetro.

  • O vúmetro ou VU-meter (Volume Unit Meter)é un medidor do valor rms do sinal. Habitualmente, o seu valor 0 corresponde a +4 dBu´s, polo que un maior valor provocaría distorsión. Ten un retardo con respecto ó momento en que sona o sinal en torno ós 0,3 segundos. A medida é bastante en referencia coa sensación de volume sonoro que percibe o oído.
  • O picómetro ten unha subida máis rápida (normalmente rolda os 0,1 segundos), xa que responde ós picos de sinal, e unha caída lenta (rolda os 3 segundos), de xeito que nos poidamos dar conta dos valores máis altos acadados en cada momento.

Marcas relevantes editar

 
Mesa de mesturas dixital marca Yamaha.

Algúns dos nomes máis relevantes que se poden citar:

  • Solid State Logic
  • Amek
  • Soundcraft
  • Mackie
  • Peavey
  • Neve
  • Yamaha
  • Midas
  • Harrison
  • Behringer
  • Audiophony
  • Stanton
  • Technics
  • Ecler
  • Formula Sound
  • Urei
  • Allen & Heath
  • Gemini
  • Numark
  • Vestax
  • Studer
  • Altair E-3
  • Pioneer
  • Rodec
  • Stagetec
  • LEM