Menstruación

fenómeno fisiolóxico das mulleres que se presenta nas mulleres sas desde a puberdade ata a menopausa

Menstruación, período ou regra é o fenómeno fisiolóxico que se presenta nun corpo san desde a puberdade até a menopausa. Consiste na expulsión dos óvulos non fecundados, en forma de fluxo hemático, ao final de cada ciclo menstrual.[1] O óvulo procede da cavidade uterina e sae pola vaxina. Son perdas de pequenas cantidades de sangue, mais continuas durante tres ou cinco días. Porén, considérase normal un período entre dous e sete días.[2] É común que os primeiros días o fluxo sexa máis abundante e vaia diminuíndo co paso dos días. A cantidade de sangue do ciclo menstrual é variábel, mais a media é duns oitenta mililitros. A menstruación está regulada polas hormonas femininas.[3]

Ciclo menstrual.

Normalmente o ciclo da menstruación dura uns 28 días, malia poder ser variábel. Coa idade, os ciclos menstruais vanse volvendo máis regulares. Non se adoita menstruar durante o embarazo ou a lactación.

A menarquía é a primeira regra, que se produce na puberdade, aproximadamente entre os 10 e 16 anos. Porén, esta pode verse afectada por múltiples factores, mesmo polo hábitat xeográfico. Por exemplo, en zonas de clima temperado chega antes a maduración sexual. Entre os 45 e os 55 anos,[4] o corpo deixa de producir óvulos e, xa que logo, de menstruar, o que se coñece como menopausa. [5]

Ciclo menstrual editar

Véxase tamén: Ciclo menstrual.

O ciclo menstrual é o proceso en que se desenvolven os óvulos. Prodúcense unha serie de cambios dirixidos ao estabelecemento dun posible embarazo. O ciclo iníciase o primeiro día da menstruación e remata o día anterior ao comezo da seguinte menstruación. A súa duración media é de 28 días.

Fase ovárica ou proliferativa editar

 
Un ovario a piques de expulsar un óvulo.
 
Esquema do ciclo ovárico: (2) maduración do folículo ovárico, que en (3) xa está maduro. En (4) expulsa o óvulo mentres que o que queda do folículo, en (5), forma o corpo lúteo, que se vai deteriorando (6)).
Artigo principal: Ovulación.

Esta fase ten como elemento fundamental o folículo. O seu desenvolvemento e maduración presenta tres características básicas:[6]

  • Selectividade: o folículo destinado a ovular procede dunha ampla gama de folículos en crecemento, que do mesmo xeito, procede doutro subconxunto de folículos primordiais que se atopan en repouso e que se formaron durante o proceso embrionario e fetal.
  • Continuidade: a posta en marcha do desenvolvemento folicular é un proceso continuo, até que as reservas están exhaustas.
  • Regularidade: o desenvolvemento folicular é un proceso regular e ordenado, cun índice constante de folículos que abandonan a reserva nunha unidade de tempo. Isto significa que o ovario é un sistema regulado e coordinado, de maneira que o inicio do crecemento folicular realízase en intervalos de tempo regulares.

Durante a primeira metade do ciclo menstrual, os niveis de estróxenos crecen e fan que o recubrimento do útero creza e se amplíe. Como resultado da hormona estimulante dos folículos un óvulo empeza a madurar nos ovarios. Ao redor do día 14 nun ciclo medio de 28 días, un aumento na hormona luteinizante fai que o ovo abandone o ovario. Este proceso chámase ovulación. A literatura científica asegura que a acción das gonadotropinas hipofisarias é fundamental.[7]

Fase uterina ou secretora editar

Durante a segunda metade do ciclo menstrual, o ovocito comeza a desprazarse a través da trompa de Falopio cara ao útero. Os niveis de proxesterona aumentan, o que axuda a preparar o recubrimento do útero para o embarazo. Se o óvulo é fecundado por un espermatozoide e se adhire á parede do útero, comeza un embarazo. No caso contrario, os niveis de estróxeno e proxesterona decrecen, e o recubrimento dilatado do útero é liberado durante o período menstrual.

Se o óvulo non é fecundado, este disólvese ou é absorbido polo corpo. Coa menstruación elimínase o endometrio ou a membrana mucosa que durante a fase proliferativa do ciclo menstrual recubría o útero para asegurar a aniñación do óvulo se se producise a fecundación.

Etapas editar

Baixo a sucesiva acción hormonal (estróxenos e proxesterona), o endometrio segue un ciclo coas seguintes etapas:

  • Do día 1 ao día 4: Etapa menstrual ou de disgregación. Os niveis hormonais diminúen e o recubrimento dilatado do útero no endometrio sepárase do resto do útero e desfaise.
  • Do día 5 ao 13: Etapa proxestacional ou secretora. Aumentan os niveis de proxesterona. O endometrio, completamente desfeito, é expulsado como un fluído similar ao sangue: a regra ou menstruación.
  • Do día 14 ao 28: Etapa estroxénica ou proliferativa. Aumentan os niveis de estróxenos. A capa de mucosa que recobre o útero vaise facendo cada vez máis grosa para acoller o feto no caso dun posíbel embarazo. Se o óvulo é fecundado, producirase un embarazo e comezará un ciclo diferente: o do embarazo, o parto e o posparto. O habitual é que o óvulo non consiga ningún espermatozoide. Nese caso, rematada esta fase, o útero volve á etapa inicial, a de disgregación.[8]

O fluxo vaxinal durante o ciclo menstrual editar

Artigo principal: Fluxo vaxinal.

A cantidade e o aspecto do fluxo vaxinal varían en coordinación coa menstruación. Xusto despois da menstruación, o fluxo é escaso, e vai aumentando conforme se achega o período de ovulación.[9] Neste período é elástico e cristalino, similar á clara de ovo. Na segunda parte do ciclo menstrual, é menos abundante, máis espeso, escuro e adherente. Trala ovulación, a cantidade comeza a diminuír até o inicio do novo ciclo.[10]

A literatura científica mostra que se manifestan fluxos vaxinais anormais e/ou patolóxicos de xeito exacerbado en certos momentos do ciclo. Antes da menstruación, cando diminúe o pH do fluxo, é especialmente propenso á proliferación de fungos. Ás veces, xa que logo, o momento do ciclo menstrual pode agochar a sintomatoloxía dun fluxo vaxinal patolóxico.[11][12]

Ciclo sexual, ciclo menstrual e ciclo ovárico editar

Un ciclo menstrual iníciase o primeiro día do sangrado e termina o primeiro día da seguinte regra. A maioría dos ciclos menstruais oscilan entre os 28 e os 32 días. A menstruación adoita durar entre 5 e 7 días, mais tanto esta como a duración do ciclo menstrual poden presentar unha gran variabilidade.[13]

A literatura científica mostra que, en condicións normais de madurez sexual, a vaxina sofre cambios baixo a acción hormonal. Estes repítense de forma periódica e permiten coñecer as diversas fases do ciclo. A colpocitoloxia é a técnica que permite unha fiel representación das oscilacións hormonais fisiolóxicas do ovario e un dos medios máis fáciles para seguir a cronoloxía do ciclo. A intensa actividade do epitelio da vaxina dá lugar a unha descamación constante, mais variábel, nos tipos celulares segundo o momento que se estuda, descamación que constitúe a base principal do contido vaxinal fisiolóxico.[14]

Os ciclos sexuais son un conxunto de cambios dunhas catro semanas de duración que dependen de dous ciclos interrelacionados: o ciclo ovárico e o ciclo uterino. O ciclo uterino, ou ciclo menstrual, está controlado polo ciclo ovárico a través das hormonas ováricas: o estróxeno 17β-estradiol, secretado polo folículo ovárico e polo corpo lúteo, e a proxesterona, secretada polo corpo lúteo ou corpo amarelo.[15]

Ciclo da fertilidade editar

Puberdade e primeiras menstruacións editar

 
Cambios físicos na puberdade: O estado I é aínda a infancia, antes da puberdade, que comeza en II, o III é o do estirón, que adoita preceder á menarquía ou primeira regra, e o V é xa a etapa adulta. A partir do III tamén adoita empezar a aparecer o acne.

A puberdade é o conxunto de cambios no corpo e na cabeza dunha crianza, co fin de que poida ser capaz de reproducirse.[16], Este feito ten especial relación coa cultura.

O obxectivo da puberdade é que o corpo estea completamente maduro desde o punto de vista fisiolóxico. As nenas chegan á puberdade antes cós nenos, malia teren un aparato reprodutor máis sofisticado. Para que se poida producir o embarazo, as cadeiras fanse máis anchas. A fecundación está ligada á sexualidade, polo que os cambios hormonais ou doutro tipo relacionados coa fecundidade e a sexualidade son os que forman parte da puberdade.[7]

A partir dos oito ou nove anos pode medrar pelo nas axilas, nas pernas ou no pube. As mamilas comezarán a sobresaír, e poden mancar. A medida que se fan estes cambios externos, tamén se están desenvolvendo os seus órganos sexuais. Se os nenos poden observar como cambia o seu pene, as nenas poden observar na roupa unha mancha da cor do sangue ou, se secou, de cor marrón.

A primeira menstruación, a menarquía, adoita aparecer entre os once e os quince anos. As primeiras regras adoitan ser irregulares e mesmo pode non producirse todos os meses. Os períodos de tempo entre elas e a súa duración poden ser máis curtos ou máis longos, porén, a menstruación vaise regularizando co tempo.

Menstruacións regulares editar

Entre a puberdade e a menopausa o corpo produce óvulos de xeito cíclico para que poidan ser fertilizados. Esta etapa da vida é rexida por ciclos do seu metabolismo, dos cales a regra é un dos poucos signos externos. Estes ciclos están regulados por hormonas, e poden incluír molestias como a síndrome premenstrual ou un conxunto de dores, a dismenorrea.

O total de fluxo menstrual en cada ciclo é duns 60 ml. Se é inferior a 40 ml fálase de hipomenorrea, e se supera os 80 ml é unha hipermenorrea. Nalgúns casos poden pasar seis ou máis meses seguidos sen menstruación, o que se coñece como amenorrea. As causas poden ser totalmente normais desde un punto de vista fisiolóxico, como un embarazo ou a lactación, ou por consecuencia de enfermidades, como a anorexia, entre outras.

Síndrome premenstrual editar

Artigo principal: Síndrome premenstrual.

A síndrome premenstrual é un conxunto de molestias previas a cada menstruación, relacionadas cos cambios hormonais. O tipo de molestias é variábel en cada corpo e tamén en función do período da vida. Coñécense máis dun centenar de síntomas físicos ou emocionais asociados a esta síndrome.

Estas molestias adoitan ser máis intensas entre a véspera e o inicio da menstruación. Poden ter relación con factores externos, como os anticonceptivos hormonais e estados psicolóxicos como a ansiedade ou o estrés.

Non se debe confundir a síndrome premenstrual coa disforia premenstrual, un trastorno depresivo que consiste na presenza de irritabilidade, cambios bruscos de humor, tristeza e sensación de tensión que aparecen aproximadamente unha semana despois de que baixe a regra e que se manteñen durante unha ou dúas semanas [17].

Tampouco debe confundirse coa dismenorrea, a dor intensa no abdome e nos riles que a muller pode sentir na menstruación ou nos momentos previos da mesma.

Como tratamento paliativo poden ser necesarios analxésicos ou antiinflamatorios. Unha boa hixiene pode paliar estes síntomas. Tamén poden contribuír hábitos como unha inxesta moderada de estimulantes, evitar o tabaco ou o exercicio físico moderado. É aconsellábel seguir unha dieta sa, alta en aceite de oliva, froitos secos e vexetais de folla verde como espinacas, acelgas ou leitugas, pois posúen unha elevada concentración de vitamina E. Está comprobada a eficacia de suplementos orais de vitamina E no tratamento da dor dos seos. O consumo de peixes enlatados como o atún ou as sardiñas, así como de xema de ovo e leite, ricos en vitamina D e calcio, permiten a adquisición de nutrientes que poden contribuír a aliviar a sintomatoloxía. O magnesio presente en alimentos como a carne, o marisco ou o leite, participa na relaxación muscular en xeral e do útero en particular, cuxa contracción produce dor durante a síndrome premenstrual. A asociación de vitamina B6 e magnesio demostrou ser eficaz contra a ansiedade, un dos malestares psicolóxicos da síndrome. Unha dieta pobre en sodio (sal) e rica en potasio combate a retención de líquidos.[18]

Dor menstrual editar

Artigo principal: Dismenorrea.

A dismenorrea é unha dor moi intensa localizada no abdome, os ovarios, a pelve e os riles. Persiste uns días durante a menstruación, un ou dous días antes desta ou até un ou dous días despois. É máis habitual nas primeiras regras, e tamén en regras moi irregulares. Pode ir acompañada de mareo, náuseas ou vómitos, trastornos estomacales como a diarrea ou o estrinximento e, en menor medida, de dor de cabeza. Outros síntomas inclúen tensión mamaria, dor de costas ou de abdome, cambios no apetito, acne, palpitacións, insomnio, rixidez muscular, asma, depresión, cansazo ou intranquilidade. Estes adoitan aparecer nos días previos á menstruación e desaparecen coa hemorraxia.

A causa de dismenorrea varía en función de se é primaria ou secundaria:

  • Dismenorrea primaria: As contraccións uterinas anormales son resultado dun desequilibrio químico no corpo.
  • Dismenorrea secundaria: Normalmente ten causas como a endometrite, aínda que pode ser debido a unha Enfermidade inflamatoria pélvica, fibromas uterinos, tumores ou pólipos na cavidade pélvica. Outras causas poderían ser un aborto, un embarazo anormal (ectópico), Mittelschmerz ("dor da metade do ciclo") ou malformacións xenitais (himen imperforado). Non se poden descartar causas gastrointestinais, músculo-esqueléticas ou psicolóxicas.[19]

Últimas menstruacións e menopausa editar

Artigo principal: Menopausa.

A menopausa defínese como unha crise endócrina e vexetativa. Caracterízase por unha serie de fenómenos que afectan a todo o organismo, debidos primordialmente á claudicación ovárica.[20]

A fertilidade da muller comeza a diminuír cara aos trinta anos, até que é practicamente nula ou se detén definitivamente. Por este feito, o propio corpo detén a produción de óvulos, xa que os ovarios son incapaces de responder ás gonadotropinas.[5] Posibelmente, como finalidade compensadora, dase un reforzo na actividade da hipófise, da tiroide e das glándulas suprarrenais. Clinicamente pódese considerar o comezo da menopausa coa desaparición fisioloxica da menstruación, entre os 45 e os 50 anos.[20] Porén, existe unha gran variabilidade, tanto individual como cultural.[5] Frecuentemente, a desaparición da menstruación vai precedida de trastornos como a oligomenorrea, a polimenorrea ou a hipermenorrea, aínda que preto dun 30% das mulleres presentan como único fenómeno a terminación da menstruación. Nesta fase da vida sexual distínguense dous cadros: o endócrino e o clínico.

  • Cadro endócrino: caracterízase, entre outros, polo hipertiroidismo, a hiperfunción suprarrenal con hipertricose, a tendencia á fraxilidade do cabelo e o aumento de excreción urinaria e da colesterolemia. A hipófise actúa cunha hiperfunción gonadotropa, demostrábel pola elevada excreción de gonadotropina pola urina.[20]
  • Cadro clínico: caracterízase, entre outros, por manifestacións vasomotoras como abafos ou suor, osteoporose, atrofia gradual dos órganos xenitais e sintomatoloxía psicolóxica como depresión clínica, ansiedade ou irritabilidade.[20]

O exercicio físico e unha dieta alta en calcio axudan a diminuír estes síntomas.[21]

A menstruación na sociedade editar

A UNFPA (Fondo de Poboación das Nacións Unidas) instaurou o 28 de maio como Día Mundial da Hixiene Menstrual co obxectivo de mostrar a menstruación como un proceso biolóxico absolutamente normal, para que as mulleres vivan este momento sen medos nin vergoñas, sen sentirse repudiadas ou excluídas e sen ser tratadas dunha maneira inferior. A data do 28 do 5 escolleuse porque o ciclo menstrual adoita ter unha duración de 28 días e a menstruación unha duración media de 5 días [22].

Hixiene editar

No mundo occidental moderno, as mulleres usan elementos externos para impedir que o fluxo hemático manche e se produzan derramamentos na roupa que levan posta. Algúns deles son as compresas, tanto de tea (lavábeis) como de papel ou plástico (descartábeis), os tampóns ou a copa menstrual.[23]

Sincronía menstrual editar

A sincronía menstrual é un coñecido fenómeno [24] que se adoita observar en grupos de mulleres que comparten moito tempo xuntas, como en internados ou en pisos compartidos. Consiste en que, pasados uns meses, esas mulleres tenden a ter a regra á vez.[25] Pode darse tanto en grupos grandes como pequenos, mais nos que haxa sempre as mesmas mulleres, independentemente da idade.[25]

Malia tratarse dun feito moi coñecido desde antigo, non existen referencias de estudos con base científica até 1971, cando Martha McClintock publicou un estudo sobre este tema na revista Nature.[26] Con todo, hoxe non se explica este fenómeno nin que función concreta poden ter os ciclos menstruais uniformes.[27] Algúns estudos confirman que unha causa son as feromonas emanadas polas mulleres e que son captadas polo olor.[28][29] Segundo unha teoría, a síncronía menstrual é un mecanismo relacionado coa maximización da reprodución, co fin de que a maior cantidade posíbel de mulleres poidan quedar convivir durante o embarazo, o parto e o posparto.[30]

Tabús sobre a menstruación editar

Co paso do tempo foise sabendo do seu funcionamento mediante feitos científicos. Con todo, os homes sempre se preocuparon sobre o estraño e misterioso fenómeno que é a menstruación, o que deu pé, e aínda o fai, a un gran número de tabús moi establecidos.[31]

Antigamente dicíase que a muller era impura e indigna durante a menstruación. En consecuencia, tiñan vetado o acceso a lugares de culto. Ademais prohibíaselles tocar alimentos e debían deitarse cos animais, separadas dos homes. [31] Mesmo se chegou á errónea suposición de que a lúa nova era motivo da regra nas mulleres virxes e a lúa minguante nas adultas e casadas.[32] Nalgunhas culturas, asocian a vulva cunha ferida e a menstruación co sangue que lembra periodicamente a existencia dela.[32]

En Cataluña, do mesmo xeito que na Galiza, algunha xente maior aínda recorda que se lles desaconsellaba elaborar alioli ou maionesa ás mulleres cando tiñan a regra, porque entón esta cortábase. Curiosamente, xusto estas tarefas que se realizan con morteiro (como a brandada), nos Países Cataláns ou en Occitania, asócianse á masculinidade, polo parecido que ten o movemento co da masturbación. No folclore catalán, tamén se consideraba que, durante a menstruación, a muller debía evitar os buracos dos sumidoiros ou os lugares onde houbese esterco, xa que era máis propensa a sufrir enfermidades.[33]

Na España do nacionalcatolicismo era tabú pronunciar palabras como regra ou compresa. Considerábase que unha muller menstruante non se podía lavar ou facer certas actividades, especialmente sexuais. Tamén se cría que as bragas debían ser de cor branca, e que os produtos de hixiene intravaxinais e os anticonceptivos eran obscenos ou estaban relacionados coa prostitución.[34]

Hoxe en día, moitas mulleres son educadas para que teñan vergoña de, por exemplo, estaren menstruando, de usaren compresas ou tampóns ou de teren "medo de mancharse".[31] Perviven ideas como que unha muller non pode ter sexo durante a regra. Mesmo na publicidade de produtos de hixiene feminina, o sangue da menstruación adóitase substituír por un líquido que pretende semellar limpo e puro.[35]

Por outra banda, o feito de que unha muller acade a menopausa é aínda hoxe un insulto a elas[Cómpre referencia]. Como consecuencia, tamén supón un feito fisiolóxico difícil de asumir.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para menstruación.
  2. govern EUA (ed.). "Menstruation (Menstrual Cycle)". medicinenet.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20/03/2012. Consultado o 15/12/2013. 
  3. Oliveira, Lucía (2007). Ediciones LEA, ed. Guía Sexual Para Adolescentes (en castelán). Bos Aires. ISBN 9789871257560. 
  4. Becerra-Fernández, Antonio (2003). Ediciones Díaz de Santos, ed. La edad de la menopausia (en castelán). Madrid. ISBN 9788479785642. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Chaby, Lucien (2001). Siglo XXI, ed. La menopausia (en castelán). Madrid. ISBN 9789682323331. 
  6. "Divisiones del ciclo sexual femenino". Fundamento de anatomía y fisiología. Ciclo sexual femenino y su regulación hormonal (en castelán). Consultado o 19/12/2013. 
  7. 7,0 7,1 Carlson, Neil R. (2006). Pearson/Addison Wesley, ed. Fisiología de la conducta (en castelán). Boston. ISBN 9788478290727. 
  8. E. Reece, Albert; John Hobbins (1 de febreiro de 2010). Ed. Médica Panamericana, ed. Clinical Obstetrics (en castelán). Madrid. ISBN 9789500614566. 
  9. Katz, VL; Lentz GM, Lobo RA, Gershenson DM (2007). Comprehensive Gynecology (en inglés). Philadelphia, PA: Mosby Elsevier. ISBN 9780323029513. 
  10. Kliegman, RM; Behrman RE, Jenson HB, Stanton BF (2011). Saunders Elsevier, ed. Nelson Textbook of Pediatrics (en inglés). Philadelphia, PA. ISBN 9781416040040. 
  11. Rakel, Robert; Behrman RE, Jenson HB, Stanton BF (2011). Saunders Elsevier, ed. Textbook of Family Medicine. (en inglés). Philadelphia, PA. ISBN 9781416024675. 
  12. FUNDAFER (ed.). "Fluido vaginal y menstruación". Fertilab. Enciclopèdia temàtica de ginecologia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de decembro de 2013. Consultado o 5 abril 2012. 
  13. Departament d'Ensenyament de la Generalitat de Catalunya (ed.). "Regla? Menstruació?". edu365.cat (en catalán). Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2015. Consultado o 5 abril 2012. 
  14. Carceller, C (22 de abril de 1965). "COMPORTAMENT DE LA BACTERIOLOGIA VAGINAL EN EL CICLE FEMENI" (en catalán). Consultado o 21/12/2013. 
  15. Col·legi Oficial d'Infermeria de Barcelona (ed.). "El sistema reproductor femení". La Infermera Virtual (en catalán). Consultado o 5 abril 2012. 
  16. Organización Mundial da Saude (1986). "La salud de los jóvenes: un desafío para la sociedad" (PDF) (en castelán). p. 11. Consultado o 12 de decembro do 2015. 
  17. Grupal Logistica Y Distribucion, ed. (2004). Vivir con trastorno disforico premenstrual/ Living With Premenstrual Dysphoric Disorder:Guia Para Identificar, Entender Y Aliviar El Pmdd (en castelán). Bos Aires. ISBN 9788495973108. 
  18. Fundación EROSKI, ed. (Novembro de 2007). "Alimentación contra as molestias da menstruación". Eroski Consumer. Consultado o 20/12/2013. Terapia nutricional 
  19. Botella Llusiá, José; José A. Claveo Núñez (1 de setembro de 1993). Ediciones Díaz de Santos, ed. Tratado de ginecología:fisiología, obstetricia, perinatología, ginecología, reproducción (en castelán). Madrid. ISBN 9788479780920. Consultado o 23 de decembro de 2013. 
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 Atención Médica Integral para la Mujer (atmin). "Signos y Síntomas del Climaterio" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29/07/2013. Consultado o 23/12/2013. 
  21. Pintanel Bassets, Mònica; Lluís Capdevila Ortís e Jordi Niñerola Maymí (2006). Documenta Universitaria, ed. Psicologia de la actividad física y salud (en castelán). Girona. ISBN 84-934959-1-3. 
  22. "Día Internacional de la Higiene Menstrual" (en castelán). .
  23. Sorrentino SA (2004). Fundamentos de enfermería práctica (en castelán). Barcelona: Elsevier España. ISBN 9788480868860. 
  24. Homo Sapiens, d'Antonio Vélez i Antonio Velez Montoya. Editorial Villegas Asociados, 2007 (en castelán)
  25. 25,0 25,1 Menstrual synchrony under optimal conditions, d'Aron Weller i Leonard Weller. Journal of Comparative Psychology, Volume 111(2), xuño 1997, 143-151. doi: 10.1037/0735-7036.111.2.143 (en inglés)
  26. Menstrual synchrony and suppression, de Martha McClintock. 1971, Nature nº 229 (5282): 244–5. doi:10.1038/229244a0. PMID 4994256. (en inglés)
  27. Nuestra sexualidad, de Robert Crooks i Karla Baur. Cengage Learning Editores, 2000 (en castelán)
  28. Human Axillary Secretions Influence Women's Menstrual Cycles: The Role of Donor Extract from Women. Hormones and Behavior Winnifred Cutler, 20:463-473 (en inglés)
  29. Cuerpo de mujer, campo de batalla, de Lilly Wolfensberger Scherz. Editorial Plaza y Valdes, 2001 (en castelán)
  30. Las sociedades paleolíticas de Europa, de Clive Gamble. Editorial Ariel, 2001 (en castelán)
  31. 31,0 31,1 31,2 Cherry, Sheldon H. (1992). Editorial Pax México, ed. Mujer, aprende a cuidar tu salud (en castelá). México. ISBN 9789688600665. 
  32. 32,0 32,1 "La menstruación según la historia, la antropología médica y la medicina popular (I)". Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2013. Consultado o 23 de decembro de 2013. 
  33. Amades, Joan (1980). Folklore de Catalunya: Costums i creences. Folklore de Catalunya 3 (Charlloteville city: University Of Virginia). ISBN 9788429804645. 
  34. Amades, Joan (2000). Joventud, ed. La menstruación: desmontando el último tabú femenino. Barcelona. ISBN 9788426131614. 
  35. Zaragoza, Joana (2002). Cossetània Edicions, ed. Mites i llegendes. Barcelona. ISBN 9788495684806. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Comparato, M. R. Ginecología en esquemas (11-12, 30-38, 99-110).
  • Debuse, M. Curso Crhas de Mosby: Lo esencial en aparato endocrino y reproductor (17-24, 77-88).
  • Else-Quest N, Hyde JS (2021). "Psychology, gender, and health: psychological aspects of the menstrual cycle". The Psychology of Women and Gender: Half the Human Experience + (10th ed.). Los Angeles: SAGE Publications. ISBN 978-1-544-39360-5. 
  • Gori y Laruss, A. Ginecología de Gori (49-87, 512-522).
  • Guyton-Hall Tratado de fisiología médica (1115-1129).
  • '"El Manual Merck, 10a. ed. (Edición del Centenario) (1938, 1948-1950).
  • Irusta R., Erika (2016). Diario de un cuerpo. Barcelona: Catedral. ISBN 978-84-16673-16-2. OCLC 978483558. 
  • Irusta R., Erika (2018). Yo menstrúo : un manifiesto (1ª ed ed.). Barcelona: Catedral. ISBN 978-84-16673-73-5. OCLC 1122951487. 
  • Prior JC (2020). "The menstrual cycle: its biology in the context of silent ovulatory disturbances". En Ussher JM, Chrisler JC, Perz J. Routledge International Handbook of Women's Sexual and Reproductive Health (1st ed.). Abingdon, Oxon: Routledge. ISBN 978-1-138-49026-0. OCLC 1121130010.  Erro no estilo Vancouver: wikilink (Axuda)
  • Rakel, P. (2005). Conn’s Current Therapy. 57th. ed. Philadelphia, PA: WB Saunders (1291-1293).
  • Stenchever, A. (2001). Comprehensive Gynecology. 4th. ed. St. Louis, MO: Mosby (1109-1119).
  • Valls-Llobet, Carme (2006). "La menstruación: de la invisibilidad a la abolición". DUODA. Estudis de la Diferencia Sexual. (31): 71–84. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar