Medalla Emperatriz da India
A medalla Emperatriz da India é unha medalla conmemorativa británica que foi concedida con motivo da proclamación da raíña Vitoria do Reino Unido como Emperatriz da India en 1877.
Medalla Emperatriz da India | |
---|---|
Medalla Emperatriz da India (ouro) | |
Outorgada por Vitoria do Reino Unido | |
Tipo | Recoñecemento |
Graos | Prata e ouro |
Lema | Empress of India |
Elixibilidade | Príncipes, e funcionarios civís e militares. |
Outorgada por | Servizos prestados na India Británica. |
Estado | Reino Unido |
Estadísticas | |
Establecida | 1 de xaneiro de 1877 |
Trátase da primeira medalla para conmemorar unha efeméride no Imperio Británico que se podía levar posta.
Caracterización editar
A medalla fabricouse en dúas versións, en ouro e en prata, con idéntico deseño. En ambos os casos, o seu diámetro é de 58 milímetros.[1][2][3]
No seu anverso represéntase un busto diademado e coroado da raíña Vitoria ollando cara á esquerda, cun velo que cae sobre a caluga e o pescozo. A ambos os lados amosa a inscrición VITORIA 1ST JANUARY, coa data de 1877 no exergo.[3][4]
O reverso está ocupado pola inscrición EMPRESS OF INDIA ("Emperatriz da India") en inglés, en hindustano e en persa, todo rodeado por un elemento decorativo xeométrico.[3][4]
Non é unha medalla nominativa, aínda que nalgúns dos casos se lle gravou posteriormente de xeito privado o nome da persoa receptora.[5]
A medalla vai acompañada por unha fita de 42 milímetros para a colocar arredor do pescozo.[6] Esta fita é de cor carmesí, con raias finas de cor amarela nos bordos.[3]
Concesión editar
A medalla concedeuse en dous graos, en ouro e en prata; a primeira para príncipes e altos funcionarios indios, e a segunda para oficiais militares e civís británicos e indios, así como a un soldado de cada rexemento británico e indio en servizo naquel territorio no momento das celebracións da proclamación na asemblea coñecida como Delhi Durbar, do 1 de xaneiro de 1877.[6][7][8]
Os oficiais e os soldados uniformados dos exércitos británico e indio non podían levar posta a medalla, en tanto que os príncipes e os civís indios si que a portaban adoito.[4][8]
Cerimonia editar
Durante o Delhi Durbar no que se proclamou a Vitoria como Emperatriz da India, o vicerrei, adobiado coas roupaxes do gran mestre da Orde da Estrela da India, recibiu por quendas a cada un dos 63 gobernantes da India:
Consonte relata o mariscal de campo Frederick Sleigh Roberts:[9]
“ | O vicerrei colocou arredor do pescozo do príncipe unha fita carmesí, á que estaba atada unha medalla de ouro moi fermosa coa cabeza da Raíña gravada nela, e engadía: "Condecórote por orde da Súa Maxestade; que leves esta medalla durante moito tempo e que a túa familia a conserve como unha reliquia en lembranza da auspiciosa data que leva. | ” |
Receptores editar
Estes son as 28 persoas que foron recoñecidas coa concesión da medalla Emperatriz da India:[10]
- Chandra Shumsher Jang Bahadur Rana (1863-1929).
- Ayilyam Thirunal (1832-1880).
- Renaudip Singh Bahadur (1825-1885).
- Ranbir Singh (1830-1885).
- Jayajirao Scindia (1835-1886).
- Sayajirao Gaekwad III (1863-1939).
- Sultá Jahan, Begum de Bhopal (1838-1901).
- Mahbub Ali Khan (1866-1911).
- Jashwant Singh de Bharatpur (1851-1893).
- Kaikhusrau Jahan, Begum de Bhopal (1858-1930).
- Vijaya Mohana Muktamba Bai (1845-1886).
- Hira Singh Nabha (1843-1911).
- Kalb Ali Khan (1834-1887).
- Bhagvat Singh (1865-1944).
- Rameshwar Singh Bahadur (1860-1929).
- Ramachandra Tondaiman(1829-1886).
- Khengarji III (1866-1942).
- Muhammad Mushtaq Ali Khan (1856-1889).
- Shivaji VI (1863-1883).
- Visakham Thirunal (1837-1885).
- Pratap Singh de Jammu e Kashmir (1848-1925).
- Jang Bahadur Rana (1816-1877).
- Kasturchand Daga (?-1917)
- Sarmal Rajput Clan.
- Shivaji VI (1863-1883).
- Nripendra Narayan (1862-1911).
- Lakshmeshwar Singh (1858-1898).
- Raghubir Singh Jind (1834-1887).
Notas editar
- ↑ "Empress of India Medal (Gold)". Orders & Medals Society of America.
- ↑ "Empress of India Medal (Silver)". Orders & Medals Society of America.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Empress of India Medal (1877)". Imperial War Museums.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Tancred, G. (1891). Historical Record of Medals and Honorary Distinctions Conferred on the British Navy, Army & Auxiliary Forces: From the Earliest Period. Spink & Son, Londres. Páxinas 295-296.
- ↑ Mussell, J. W. (2015). Medal Yearbook 2015. Token Publishing, Devon. Páxina 278.. ISBN 978-1-908-828-16-3
- ↑ 6,0 6,1 McCreery, C. (2012). Commemorative medals of the Queen's reign in Canada, 1952-2012. Dundurn Press, Toronto. Páxina 19. ISBN 9781459707566
- ↑ "Empress of India Medal". Orders & Medals Society of America.
- ↑ 8,0 8,1 Dorling, H. T. (1956). Ribbons and Medals. Baldwin & Son, Londres. Páxina 107.
- ↑ Roberts, F. S. (1898). Forty-One Years in India. Bentley, Londres. Páxina 333. Reedición de 2005. ISBN 978-1402177422
- ↑ "Recipients of the Empress of India Medal". Famousfix.com
Véxase tamén editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Medalla Emperatriz da India |