Masacre de Wounded Knee

O masacre de Wounded Knee foi a derradeira das grandes confrontacións entre os indios lakota e os Estados Unidos, no século XIX, descrita a posteriori como un masacre polo xeneral Nelson A. Miles nunha carta dirixida ó Comisionado de Asuntos Indios. Tivo lugar onda o regato de Wounded Knee (en lingua lakota: Čhaŋkpé Ópi Wakpála), na actual reserva india de Pine Ridge, no estado de Dacota do Sur.

Foxa común para os lakotas asasinados no masacre.
O xefe Big Foot xace morto na neve.

O 29 de decembro de 1890, cincocentos soldados do Sétimo de Cabalaría apoiados por algunhas forzas auxiliares e unha metralladora rodearon un campamento de lakotas miniconjou coa orde de escoltar os seus habitantes ata un tren que os deportaría a Omaha, Nebrasca. O comandante do Sétimo tiña ordes de desarmar os lakotas antes de deportalos, polo que posicionou as súas tropas moi preto deles. Na última fase do desarme iniciouse un tiroteo, cuxo inicio nunca foi aclarado, que tivo como resultado vinte cinco soldados e cento trinta e cinco lakotas mortos (deles, sesenta e dous eran nenos e mulleres).

Memoria nos séculos XX e XXI editar

En 1973, Marlon Brando decidiu posicionarse sobre o masacre ocorrido en Wounded Knee e contactou ó AIM para conseguir un membro que aceptase o Oscar no seu nome; a través deles contactou a Sacheen Littlefeather, que representou a Brando e o seu boicot ó premio Oscar de Mellor actor pola súa actuación de Don Vito Corleone en O padriño (1972) como protesta polos actos ocorridos en Wounded Knee e pola pouca representación por parte de Hollywood e da televisión do pobo indíxena norteamericano. Brando escribiu un discurso de 15 páxinas para que Littlefeather lese durante a cerimonia, pero cando o produtor a coñeceu no backstage, amenazouna con retirala fisicamente ou con ser arrestada se estaba en escena máis de 60 segundos. Case 50 anos despois do incidente, a Academia condenou o abuso que sufriu a actriz no pasado e eloxiouna por ser valente.[1]

No ano 2001, o Congreso Nacional de Indios Americanos aprobou dúas resolucións condenando a entrega da Medalla de Honor aos autores do masacre e pediu ao goberno estadounidense que as rescindise.[2] O lugar do masacre está declarado Fito Histórico Nacional (National Historic Site).[3]

En 2007 foi realizado un filme para HBO sobre o masacre, Enterrádeme o corazón en Wounded Knee, que está baseado na novela Bury My Heart at Wounded Knee de Dee Brown, que tivo como precursora a obra de Helen Hunt Jackson pioneira en varios masacres de indíxenas.[4]

 
Os soldados de Casey volvendo de Wounded Knee.

Notas editar

  1. "Academy Awards apologises to Sacheen Littlefeather for Oscars speech abuse". the Guardian (en inglés). 2022-08-16. Consultado o 2022-08-17. 
  2. "Lakota~WOUNDED KNEE: A Campaign to Rescind Medals: story, pictures and information". Footnote.com. 
  3. "OUR MISSION". wounded-knee (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2022. Consultado o 2022-08-17. 
  4. Hunt Jackson, Helen (2012). Century of dishonor. Digireads Com. pp. 298–335. ISBN 9781420944389. OCLC 940859637. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar