Marraxo

especie de peixe

O marraxo[1] ou marraxo sardiñeiro[2] (Lamna nasus) é unha especie de condrictio elasmobranquio da orde dos lamniformes (Lamniformeds) e familia dos lámnidos (Lamnidae)[3] que vive en augas temperadas e frías de ambos os hemisferios.

Marraxo sardiñeiro
Lamna nasus
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Chondrichthyes
Subclase: Elasmobranchii
Orde: Lamniformes
Familia: Lamnidae
Xénero: Lamna
Especie: L. nasus
Nome binomial
Lamna nasus
Bonnaterre, 1788
Distribución do marraxo
Distribución do marraxo

Distribución do marraxo
Debuxo dun marraxo.
Cabeza de marraxo.
Dentes de marraxo.
Marraxo cortado transversalmente nunha peixaría.

Características editar

As principais características do marraxo, que o distinguen de especies semellantes, como o marraxo azul (Isurus oxyrhichus) son as seguintes:[4]

  • Corpo fusiforme, moi robusto, especialmente no medio, de até 3 m de lonxitude ou algo máis.
  • Fociño moderadamente cónico, rematado en punta e de lonxitude media.
  • Boca grande e parabólica, con diastemas detrás do terceiro dente superior e na unión das hemimandíbulas dereita e esquerda, tanto superiores como inferiores.
  • Dentes medianos, coa cúspide moderadamente ancha, recta e de bordos lisos; na base e a cada lado da cúspide principal hai unha pequena cúspide (característica das dúas especies do xénero Lamna; o terceiro dente superior é diminuto.
  • Ollos arredondados, negros e grandes.
  • Fendeduras branquiais (5 pares) grandes e altas.
  • Primeira aleta dorsal grande, co extremo superior arredondado e coa marxe posterior apuntada, que ten a súa orixe xusto por riba da axila das aletas escapulares. Este saínte é abrancazado (característica da especie).
  • Segunda aleta dorsal e aleta anal enfrontadas, ambas as dúas diminutas e pivotantes.
  • Aletas pectorais relativamente curtas, co extremo arredondado.
  • Aleta caudal en forma de media lúa crecente (característica dos tiburóns da familia dos lámnidos, co lóbulo superior lixeiramente máis grande que o inferior.
  • Pedúnculo caudal moi groso e deprimido, ensanchado por quillas laterais; debaixo destas, na base do lóbulo inferior da caudal, hai unha pequena quilla secundaria a cada lado (característica das dúas especies do xénero Lamna).
  • Coloración gris azulada no dorso e nos flancos; o ventre é abracazado. Non existe unha liña que delimite claramente a coloración das partes superiores e do ventre, se non que hai un esvaecido.

Historia natural editar

  • Potente nadador, peláxico e epipeláxico, nada só ou en grupos,
  • Vive tanto en augas próximas ao litoral como nas oceánicas, separándose os cardumes por sexos e idades, movéndose desde a superficie até os 370 m de profundidade. Prefire as augas frías. En verán acércase moito á costa, chegando a penetrar en praias e portos.
  • Madura sexualmente a partir dos 5 anos de idade (2,20 m de lonxitude nos machos e 1,50 m nas femias).
  • Ovovivíparo, é caníbal uterino.
  • camadas de 1 a 5 crías, que miden ao nacer entre 60 e 72 cm.
  • Poden vivir até os 20-30 anos.[5]
  • Aliméntase de luras e peixes (xardas, arenques, sardiñas, bacallaus, peixes planos, túnidos etc) e tamén caza a outros tiburóns. Os espécimes de gran tamaño (3 metros ou máis) pénsase que poidan dar caza a presas maiores (atún vermello, peixe espada e, ocasionalmente, toniñas e golfiños).
  • Este tiburón está considerado como perigoso para o ser humano debido ao seu tamaño e posíbel agresividade, aínda que non se confirmou ningún dos ataques que se lle atribuíron.

Interese comercial editar

O marraxo soportou durante décadas unha forte explotación pesqueira debido a que a súa carne é de gran calidade, estando considerada en moitos países como unha delicia culinaria. Debido a esta intensa sobrepesca a poboación do Atlántico norte sufriu un acusado descenso nos últimos anos;[Cómpre referencia] se comparamos a poboación actual da especie coa de hai 40 anos vemos que sufriu un descenso de até o 89 %.[Cómpre referencia] Debido a isto hoxe en día é pouco abundante, e os exemplares capturados son cada vez máis pequenos.[Cómpre referencia]

A poboación de marraxo do norte do océano Atlántico (e en particular a das augas europeas) está en perigo crítico de extinción,[Cómpre referencia] cousa que levan anos advertindo os científicos que vixían as pescarías europeas deste tiburón.[Cómpre referencia]

Comercialmente captúrase con palangre de superficie, en menor número, con artes de arrastre.[Cómpre referencia]

Status de conservación editar

Debido á sobrepesca, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UINC) cataloga esta especie dentro do grupo VU (vulnerábel).[6]

Notas editar

  1. "marraxo no dicionario da [[RAG]].". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 25 de novembro de 2012. 
  2. marraxo sardiñeiro segundo a listaxe de denominacións comerciais de especies pesqueiras e de acuicultura admitidas en España (BOE nº 143, de 15.06.2019).
  3. FishBase Lamna nasus. 7 de xaneiro de 2010. (en inglés) Consultada o 25/11/2012.
  4. Rodrígez Villanueva (1992), pp. 46-48.
  5. Rodrígez Villanueva (1992), p. 48.
  6. Stevens, J., S. L. Fowler, A. Soldo, M. McCord, J. Baum, E. Acuña, A. Domingo e M. Francis (2006): Lamna nasus. Lista Vermella da IUCN. Versión xaneiro de 2010. (en inglés) Consultada o 25/11/2012.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Compagno, Leonard; Marc Dando & Sarah Fowler (2005): Sharks of the World. New Jersey: Princeton University Press. ISBN 0-691-12072-2.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (I) Lampreas raias e tiburóns. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar