Mario Soriano

futbolista español

Mario Soriano Carreño, nado en Alcalá de Henares o 22 de abril de 2002, é un futbolista español, que xoga de centrocampista no Eibar, da Segunda División.

Soriano
Información persoal
Nome Mario Soriano Carreño
Nacemento 22 de abril de 2002
Lugar de nacemento Alcalá de Henares
Altura 1,63 m
Posición Centrocampista
Información de club
Club actual Eibar
Número 30
Carreira xuvenil
2007–2020 Atlético de Madrid
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2019–2021 Atlético de Madrid B 23 (1)
2021–2022 Atlético de Madrid 0 (0)
2021–2022 Deportivo da Coruña 31 (5)
2022– Deportivo da Coruña 38 (8)
2023– Eibar 1 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 15 de agosto de 2023.
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Ingresou na canteira do Atlético de Madrid con cinco anos, no 2007, e foi subindo por todas as categorías do club.[1] En 2019 debutou co Atlético de Madrid B na Segunda División B, nun partido contra o Peña Deportiva no Cerro del Espino, no que entrou como substituto de Sanabria.[2]

Na tempada 2019/20 gañou un posto no filial adestrado por Nacho Fernández, disputando 21 partidos e marcando o seu primeiro gol, contra o Villarrubia.[3] Ademais, o 6 de xaneiro de 2021 debutou co primeiro equipo do Atlético de Madrid na Copa do Rei, no partido no que o seu equipo caeu eliminado contra o Cornellà. Diego Simeone deulle entrada na segunda parte, substituíndo a João Félix.[4]

En agosto de 2021 saíu cedido ao Deportivo da Coruña para a tempada 2021/22, na nova Primeira División RFEF.[1] Aínda que comezou como suplente no equipo de Borja Jiménez, acabou facéndose coa titularidade na segunda metade da tempada, e acabou sendo o xogador máis destacado do equipo na promoción de ascenso.[5] Marcou un gol nas semifinais contra o Linares e puxo por diante ao Deportivo na final contra o Albacete, antes de que os goles de Alberto e Jordi Sánchez lle desen a volta ao marcador e deixasen ao club galego sen ascenso.[5]

O seu bo rendemento na parte final da tempada, así como a súa vontade de continuar no club galego, fixo que o Deportivo chegase a un acordo co Atlético de Madrid para o traspaso definitivo do xogador, a pesar de contar con ofertas de categorías superiores.[6] Asinou un contrato por dúas tempadas e cambiou o dorsal número 8 polo 10.[7]

Foi un fixo nas aliñacións dos tres adestradores que pasaron polo banco do Deportivo na tempada 2022/23 (Borja Jiménez, Óscar Cano e Rubén de la Barrera), acabando como o xogador de campo con máis minutos durante a campaña, superado só polo porteiro Ian Mackay.[8] Disputou un total de 38 partidos, nos que marcou 8 goles e repartiu 6 asistencias. Foi titular nos dous partidos da promoción de ascenso a Segunda, na que o Deportivo caeu eliminado diante do Castellón.

O seu bo rendemento fixo que recibise ofertas de superior categoría, e tras non conseguir o ascenso co Deportivo decidiu xogar en Segunda División, aceptando a proposta do Eibar, ao que marchou cedido.[9] Debutou na categoría de prata na primeira xornada da tempada 2023/24, nunha derrota por 4-0 ante o Racing de Santander no Sardinero.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Mario Soriano, nuevo jugador del Deportivo" (en castelán). 31 de agosto de 2021. Consultado o 1 de setembro de 2021. 
  2. "Derrota ante el Peña Deportiva" (en castelán). 1 de setembro de 2019. Consultado o 1 de setembro de 2021. 
  3. "Soriano y Forcén firmaron un gran triunfo en Villarrubia de los Ojos" (en castelán). 10 de abril de 2021. Consultado o 1 de setembro de 2021. 
  4. Cornago, Eduardo (7 de xaneiro de 2021). "Mario Soriano, un debut esperanzador". As (en castelán). Consultado o 1 de setembro de 2021. 
  5. 5,0 5,1 De la Cruz, Luis (18 de xuño de 2022). "Mario Soriano un poco más cerca, Doncel un poco más lejos". As (en castelán). Consultado o 1 de agosto de 2022. 
  6. "Mario Soriano llega en propiedad al Deportivo" (en castelán). 19 de xullo de 2022. Consultado o 1 de agosto de 2022. 
  7. De la Cruz, Luis (19 de xullo de 2022). "Ahora sí: Mario Soriano es nuevo jugador del Deportivo". As (en castelán). Consultado o 1 de agosto de 2022. 
  8. Palleiro, Armando (15 de agosto de 2023). "Análisis de la plantilla: 10. Mario Soriano, el jugador de campo con más minutos en el Depor". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 15 de agosto de 2023. 
  9. "Es oficial: Soriano abandona el Deportivo por una cesión al Eibar" (en castelán). 14 de xullo de 2023. Consultado o 15 de agosto de 2023. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar