Marinho Chagas

futbolista brasileiro

Francisco das Chagas Marinho, máis coñecido como Marinho Chagas, nado en Natal o 8 de febreiro de 1952 e finado en João Pessoa o 31 de maio de 2014, foi un futbolista brasileiro. Irreverente e polémico, está considerado un dos mellores laterais esquerdos da súa época e un dos maiores ídolos da historia do Botafogo, club co que disputou 183 partidos, marcando 39 goles. Tamén destacou noutros clubs como o Fluminense ou o São Paulo, e foi internacional coa selección brasileira, coa que tivo unha destacada actuación no Mundial de 1974, no que Brasil quedou cuarto.

Marinho Chagas
Información persoal
Nome Francisco das Chagas Marinho
Nacemento 8 de febreiro de 1952
Lugar de nacemento Natal
Falecemento 31 de maio de 2014
Lugar de falecemento João Pessoa
Altura 1,78 m.
Posición Lateral esquerdo
Carreira xuvenil
1967–1969 Riachuelo
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1969 Riachuelo
1969–1970 ABC 25 (4)
1970–1972 Náutico do Recife 60 (8)
1972–1977 Botafogo 74 (10)
1977–1978 Fluminense 28 (10)
1979 New York Cosmos 24 (8)
1980 Fort Lauderdale Strikers 19 (3)
1980–1983 São Paulo 54 (2)
1983–1984 Bangu, [[]], [[]]) e polo [[]] 6 (0)
1984–1985 Fortaleza 14 (1)
1985–1986 América de Natal 7 (0)
1986–1987 Los Angeles Heat 16 (2)
1987–1988 Harlekin Augsburg
Total 327 (48)
Selección nacional
1973–1977 Brasil 28 (4)
Na rede
FIFA: 44351 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Naceu na cidade de Natal, no estado brasileiro de Río Grande do Norte. Comezou a súa carreira como futbolista no Riachuelo, pasando logo polo ABC, co que gañou o Campionato Potiguar de 1971, e polo Náutico do Recife.

En 1972 fichou polo Botafogo, no que militou durante os seguintes cinco anos. Lateral esquerdo hábil e innovador, foi considerado un dos mellores xogadores do mundo na súa posición, e foi un dos primeiros laterais que subían de xeito habitual ao ataque, en vez de limitarse só ás tarefas defensivas.[1] Converteuse nun ídolo do Botafogo,[2] sendo galardoado en dúas ocasións coa Bola de Prata, e xogando co club carioca recibiu as súas primeiras convocatorias para a selección brasileira. Disputou un total de 183 partidos co club, marcando 39 goles, moitos deles de falta.[1]

Durante a súa estancia no club alvinegro, despois do Mundial de 1974, foi probado polo Schalke 04 alemán nun partido ante o Bayern de Múnic. A continuación o club de Gelsenkirchen levou a cabo unha votación entre os seus afeccionados para decidir se contrataban ou non ao xogador, pero nunca se deu a coñecer o resultado da mesma, e o futbolista continuou no Río de Xaneiro.[3]

Entre 1977 e 1978 xogou no Fluminense, co que marcou outros 39 goles, en só 93 partidos.[1] A continuación chegou á North American Soccer League, disputando unha primeira tempada nas filas do New York Cosmos, onde compartiu equipo con xogadores como o seu compatriota Carlos Alberto Torres, a lenda alemá Franz Beckenbauer, o italiano Giorgio Chinaglia, o histórico centrocampista neerlandés Johan Neeskens ou o defensa galego Santiago Formoso. Rematou a liga no primeiro posto da Conferencia Leste e caeu nas semifinais do play-off polo título ante os Vancouver Whitecaps. Marcou 8 goles nos seus 24 partidos co club, e foi elixido no segundo mellor equipo ideal da tempada.

Ao ano seguinte militou nos Fort Lauderdale Strikers de Florida, onde tivo como compañeiros entre outros ao dianteiro alemán Gerd Müller e ao centrocampista peruano Teófilo Cubillas. Xogou 19 encontros co equipo, anotando 3 goles, e os Strikers remataron a tempada como subcampións tras perder na final dos play-offs diante do Cosmos por 0-3 ante o Cosmos. Marinho non xogou a final.

De regreso a Brasil gañou co São Paulo o Campionato Paulista de 1981, o título máis destacado da súa carreira, superando na final ao Ponte Preta por 1-1 e 2-0. A súa actuación persoal nesa tempada valeulle unha terceira Bola de Prata. Despois de pasar por varios equipos brasileiros máis (Bangu, Fortaleza, América de Natal) e polo Los Angeles Heat estadounidense, puxo fin á súa carreira como xogador cunha breve etapa en Alemaña, onde xogou no BC Harlekin de Augsburgo, da división afeccionada máis baixa do país, a "C-Klasse". O club fora creado polo empresario Peter Eiba, que fichou, ademais de a Marinho Chagas, a algunhas antigas celebridades menores da Bundesliga co obxectivo de levar o equipo ata a elite do fútbol alemán, cousa que nunca aconteceu.[3]

Trala súa retirada regresou a Natal, onde se presentou como candidato á alcaldía da cidade polo Partido Liberal, sen éxito. Uns anos antes tivera unha pequena incursión no mundo da música, publicando o sinxelo Eu Sou Assim.

En 1991 foi contratado como adestrador do El Paso Patriots, un equipo afeccionado da Southwest Independent Soccer League dos Estados Unidos.[4]

Selección brasileira editar

Foi internacional coa selección brasileira en 24 partidos oficiais (ademais doutros 8 non oficiais) e marcou catro goles. Debutou nunha derrota nun amigable ante Suecia en xuño de 1973. Foi convocado por Zagallo para o Mundial de 1974, onde disputou todos os partidos como titular, formando xunto a Luís Pereira, Marinho Peres e Nelinho (substituído por Zé Maria nos partidos finais) unha defensa moi sólida que só encaixou catro goles en sete partidos. O equipo brasileiro acabou cuarto.

Xogou o seu último partido co Brasil en xuño de 1977 ante Iugoslavia.

Vida persoal e morte editar

Despois de anos batallando contra o alcoholismo, o que lle provocou varias doenzas, faleceu o 31 de maio de 2014 en Coronel João Pessoa, por unha hemorraxia dixestiva.[5] No momento da súa morte, traballaba como comentarista deportivo nunha emisora de Natal. Tiña 62 anos de idade.

Foi pai de tres fillos, dous homes e unha muller.

Palmarés editar

São Paulo

ABC

Brasil

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Marinho Chagas". lendasdofutebol.com (en portugués). Consultado o 13 de outubro de 2022. 
  2. "Marinho Chagas". Botafogo de Futebol e Regatas (en portugués). Consultado o 13 de outubro de 2022. 
  3. 3,0 3,1 Redelings, Ben (9 de marzo de 2019). "So bizarr scheiterte Marinhos Wechsel zu S04" (en alemán). Consultado o 13 de outubro de 2022. 
  4. "Renegades' Sunbelt Outdoor Slate Set". Tulsa World (en inglés). 7 de abril de 1991. 
  5. "Lateral da seleção de 74, Marinho Chagas morre aos 62 anos em João Pessoa" (en portugués). 1 de xuño de 2014. Consultado o 13 de outubro de 2022. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar