Mapamundis antigos

Os mapamundis antigos abarcan as representacións do mundo desde a antigüidade clásica á época dos descubrimentos e o nacemento da xeografía moderna.

O mapamundi de Tolomeo editar

 
O mapamundi de Tolomeo (arredor de 150).

O mapamundi de Tolomeo é un mapa que se baseou na descrición do mundo recollida no libro Geographia de Tolomeo, escrito cara ao ano 150. A pesar de que nunca se atoparon os auténticos mapas de Tolomeo, a Geographia contén miles de referencias a varias partes do mundo antigo con coordenadas para a maior parte del, o cal permitiu que os cartógrafos puidesen reconstruír a visión ptolomeica do mundo cando os seus manuscritos foron redescubertos arredor do ano 1300.

O mapamundi do Beato de Liébana (1050) editar

 
Copia do mapamundi do Beato de Liébana con orientación leste-Oeste.

O Beato de Liébana (730 - 798) foi un frade e teólogo cántabro. Hoxe en día é sobre todo lembrado por ser o autor do Comentario á Apocalipse, publicado en 776. Ese Comentario contén tamén un dos máis antigos mapamundis da historia. Malia a que o manuscrito orixinal, así como o mapa, non chegou aos nosos días, algunhas copias do mapa quedaron en varios dos manuscritos existentes.

O mapa non ten un carácter exclusivamente xeográfico, aínda que si representa unha visión xeográfica do mundo -orixinada por Tolomeo-, senón que está feito para indicar graficamente o lugar que corresponde a cada un dos Apóstolos cristiáns no seu labor misional entre os pobos.

Mantivo correspondencia con Alcuino de York e tomou partido na controversia adopcionista, criticando as opinións de Félix de Urgell e Elipando de Toledo.

O mapamundi de Al-Idrisi (1154) editar

 
O mapamundi de Al-Idrisi con orientación Sur-Norte

O mapa do xeógrafo árabe Al-Idrisi incorporou os coñecementos que os comerciantes e exploradores árabes compilaran sobre África e o océano Índico aos que xa tiñan (herdados dos xeógrafos clásicos), creando así un dos mapas do mundo máis exactos realizados ata o momento. Nótese que o Polo Norte se atopa na parte inferior do mapa.

O mapamundi de Vinlandia editar

 
O mapa de Vinlandia

O mapa de Vinlandia probablemente se trate dun mapamundi do século XV redebuxado dun orixinal do século XIII. A súa importancia radica en que, ademais de mostrar África, Asia e Europa, o mapa representa un sector de terra no océano Atlántico chamada Vinlandia. O mapa deixa ver que esa terra foi visitada no século XI. Crese que o mapa demostra que os exploradores viquingos descubriron e cartografaron o Novo Mundo antes de que o fixese Cristovo Colón en 1492 .

O mapamundi de Hereford (1300) editar

 
O mapamundi de Hereford orientado ó leste.

O mapamundi de Hereford é un mapa de T en O que data de aproximadamente o ano 1300. O mapa está asinado por un tal Richard de Holdingham ou Lafford.

Está debuxado nunha soa folla de pergamiño de 158 por 133 centímetros. Escrito en tinta negra con engadido de vermello e ouro, e azul ou verde para a auga (co Mar Vermello pintado de vermello).

O mapamundi Kangnido (1402) (Mapa ou Carta Kangnido) editar

 
A Carta Kangnido (1402).

A carta Kangnido ("Mapa histórico de países e cidades") realizouse en Corea con material chinés no ano 1402 por [[Gim Sa-hyeong (김사형:金士衡), Li Mu (이무:李茂) e Li Hoi (이회). Describe a totalidade do Vello Mundo, desde Europa e África ao Oeste, a Corea e o Xapón ao Leste, cunha China de tamaño desproporcionado no centro. Realizouse nunha época anterior ás primeiras viaxes de exploracións europeas e ata ás famosas viaxes do almirante chinés Zheng Hei, o cal deixa entrever un profundo coñecemento xeográfico e campañas de exploración desde datas moi temperás.

O mapamundi de De Virga (1411-1415) editar

 
O Mapamundi de De Virga (1411-1415).

O mapamundi de De Virga foi realizado por Albertino de Virga entre 1411 e 1415. A Albertino de Virga, veneciano, coñéceselle tamén por un mapa do Mediterráneo de 1409, feito tamén en Venecia. O seu mapamundi é circular, debuxado nunha peza de pergamiño de 69,9 por 44 centímetros. Está formado polo propio mapa en si e por unha ampliación que contén un calendario e dúas táboas.

O mapamundi de Bianco (1436) editar

 
O atlas de Andrea Bianco, (1436) orientado ó Leste.

O atlas de Andrea Bianco, de 1436 comprende dez follas de pergamiño e mide 29 por 38 centímetros, cunha encadernación do século XVIII. O primeiro folio contén a descrición da Regra de Marteloio para determinar o rumbo, co círculo e cadrado, dúas táboas e outros dous diagramas. As oito follas seguintes conteñen varias cartas náuticas. A novena conta cun mapamundi circular de 25 centímetros de circunferencia. E o folio final contén un mapamundi baseado na primeira proxección de Tolomeo.

Algúns autores cren que os mapas de Bianco foron os primeiros en retratar fielmente as costas da Florida (como unha gran península unida a unha grande illa etiquetada como Antillia. Bianco tamén colaborou con Frei Mauro no mapamundi de Frei Mauro do ano 1459.

O mapamundi de Frei Mauro (1459) editar

 
O Mapamundi de Frei Mauro (1459).

O Mapamundi de Frei Mauro creouse entre 1457 e 1459 polo monxe veneciano Frei Mauro. É un planisferio circular debuxado en pergamiño e enmarcado en madeira, de arredor de 2 metros de diámetro. O mapamundi orixinal fíxoo Frei Mauro e o seu asistente Andrea Bianco, un mariñeiro cartógrafo ao servizo do rei Afonso V de Portugal. O mapa completouse o 24 de abril de 1459 e enviouse a Portugal, pero non se conservou ata os nosos días. Frei Mauro morreu ao ano seguinte mentres realizaba unha copia do mapa para o señorío de Venecia, e a copia foi completada por Andrea Bianco.

O planisferio de Cantino (1502) editar

 
O planisferio de Cantino, (1502)

O mapamundi ou planisferio de Cantino é o mapa máis antigo que mostra os descubrimentos portugueses de oriente e occidente. Recibe o seu nome de Alberto Cantino, un axente do duque de Ferrara que conseguiu introducilo ás agachadas en Italia desde Portugal en 1502. Este mapa é particularmente notable polo feito de que rexistra un (aínda fragmentario) anaco da costa do Brasil, descuberto accidentalmente en 1500 polo explorador portugués Pedro Álvares Cabral e subsecuentemente explorado por Gonçalo Coelho e Amerigo Vespucci.

Mapa de Piri Reis (1513) editar

 
O mapa de Piri Reis

O mapa de Piri Reis é un famoso mapa do mundo premoderno creado no século XVI polo almirante e cartógrafo turco-otomán Piri Reis. O mapa mostra parte das costas occidentais de Europa e do norte de África cunha notable exactitude; a costa do Brasil é tamén recoñecible. Varias illas atlánticas, incluídas os Azores e as Canarias aparecen tamén representadas, así como a mítica illa de Antillia. O mapa é digno de mención pola representación dunha masa de terra austral, que moitos tomaron como evidencia dunha antiga conciencia da existencia da Antártida.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar