Manuel Cordeiro Lestón

futbolista español

Manuel Cordeiro Lestón, nado en Vigo o 29 de febreiro de 1928 e finado na Coruña o 10 de maio de 2012, foi un futbolista galego. Xogaba de porteiro e militou durante case toda a súa carreira no Deportivo da Coruña, onde foi suplente de Juan Acuña e Otero.

Lestón
Información persoal
Nome Manuel Cordeiro Lestón
Nacemento 29 de febreiro de 1928
Lugar de nacemento Vigo
Falecemento 10 de maio de 2012
Posición Porteiro
Carreira xuvenil
Atlético Matamá
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1945–1946 Racing de Ferrol
1945–1946 Galicia
1946–1957 Deportivo da Coruña 40 (0)
1948–1949 Orensana 24 (0)
1953 Xuvenil
1957–1959 Espinho
1959–1960 Xuvenil
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Comezou a xogar ao fútbol en equipos infantís vigueses, fichando anos despois polo Atlético Matamá.[1] Destinado en Ferrol para realizar o servizo militar, ingresou na Mariña e xogou nos torneos que alí se realizaban. Fichouno entón o Racing de Ferrol, que o cedeu na tempada 1945/46 ao Galicia, equipo da Terceira División, onde comezou a destacar. As súas actuacións chamaron a atención do Deportivo da Coruña, que o fichou a finais de agosto de 1946.[2]

No club coruñés foi suplente de Juan Acuña durante varias tempadas. Debutou o 24 de novembro de 1946 fronte ao Sabadell na Creu Alta, aproveitando unha lesión nun ombreiro de Acuña.[3] Xogou só 9 encontros nos seus tres primeiros anos na Coruña, e para a tempada 1949/50 foi cedido á Orensana, que militaba na Segunda División, nun intercambio polo que o tamén porteiro Pita pasou ao Deportivo.[4] No equipo adestrado por Cuqui Bienzobas foi titular durante case toda a tempada, rematando na oitava praza final.

De regreso no Deportivo, volveu ser suplente de Acuña, nos seus últimos anos deportivos, e máis tarde de Otero, trala retirada do histórico gardameta coruñés. Na tempada 1953/54 xogou uns meses cedido no Xuvenil, que lograría nesa campaña o ascenso á Segunda División. A tempada na que máis encontros xogou co Deportivo foi a 1954–55, disputando 14 partidos tras unha lesión de menisco de Otero.[5] Esa tempada produciuse unha das súas actuacións máis brillantes, o 27 de marzo de 1955 en Riazor contra o Real Madrid CF, cando lle detivo un penalti a Alfredo Di Stéfano, rematando o partido con empate (3–3).[1]

Disputou co Deportivo un total de 47 partidos oficiais en 11 tempadas. Deixou o club en 1957, fichando polo Espinho portugués, que estaba adestrado polo vedrés Alfonso Pintos, e onde coincidiu con outros futbolistas galegos como Seijas e Milucho.[6] Volveu á Coruña en 1959, e xogou unha tempada no Xuvenil antes de retirarse en 1960.

Despois de deixar o fútbol traballou en Emesa.[1] Faleceu na Coruña o 10 de maio de 2012, aos 84 anos.[7]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Guillín, Pepe. ""Lestón, el meta que le paró un penalti a Di Stéfano"" (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de decembro de 2011. Consultado o 24 de novembro de 2021. 
  2. "El guardameta Lestón firmó ayer por el deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de setembro de 1946. p. 7. 
  3. "Accidentado encuentro el jugado en la Creus Alta entre el Deportivo y el Sabadell". La Noche (en castelán) (7976). 25 de novembro de 1946. p. 4. Consultado o 24 de novembro de 2021. 
  4. "Mesa revuelta". El Pueblo Gallego (en castelán) (8163). 1 de setembro de 1949. p. 3. Consultado o 24 de novembro de 2021. 
  5. "El Deportivo sin guardameta". El Progreso (en castelán) (14781). 9 de febreiro de 1955. p. 4. Consultado o 24 de novembro de 2021. 
  6. "5 minutos de charla con Alfonso Pintos". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de xullo de 1958. p. 8. 
  7. "Muere Manuel Cordeiro Lestón, el portero del Deportivo que le paró un penalti a Di Stefano". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de maio de 2012. Consultado o 24 de novembro de 2021. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar