Malinalli Tenépatl, tamén coñecida como Malintzin, e a Malinche, nada en Copainalá (Chiapas) en 1502 e finada contra 1529, foi unha tradutora mexica.[1][2]

Malinche
Nacementopost. 1500
Lugar de nacementoMurcia
Falecementopost. 1529
Lugar de falecementoCoroa de Castela e Cidade de México
NacionalidadeVicerreinado de Nova España
Ocupaciónintérprete, tradutora e conselleira
CónxuxeJuan Jaramillo de Andrade
FillosMartín Cortés e María Jaramillo Malintzin
Na rede
WikiTree: Tenépatl-1
editar datos en Wikidata ]
Figura de cera de Malinche.

Traxectoria editar

Naceu quizais na clase alta da sociedade mexica. Segundo Bernal Díaz del Castillo, os pais de Malintzin eran señores e caciques dun pobo chamado "Painala".[3] O historiador Gómez de Orozco supón que o nome do seu pai era o que sinala como "Chimalpain", ou sexa, "Malintzin Tenepal". Este era un cacique nobre señor que casou, segundo o costume, cunha "señora de vasalos e Estados", tamén de nobre orixe, chamada "Cimatl", cacique de Xaltipa, a cal segundo se di era "nova e fermosa".

Foi cedida como escrava aos caciques maias de Tabasco despois dunha guerra entre os maias e os aztecas da zona. Malintzin foi parte dun tributo cedido ao partido gañador, pois esa era a tradición entón. Foi dada como tributo sendo aínda nena, polo que falaba con fluidez a súa lingua materna, o náhuatl, e a lingua dos seus novos amos, a maia. Segundo o relato de Díaz del Castillo, Malintzin reencontrouse coa súa nai e o seu medio irmán despois da conquista de México, cando estes xa foran convertidos ao cristianismo e utilizaban os nomes de Marta (a nai) e Lázaro (medio irmán). O pai de Malintzin faleceu sendo ela aínda nena, polo que a súa nai casou co irmán do pai de Malinche e Lázaro foi froito deste matrimonio.

Como tal escrava foi regalada a Hernán Cortés o 15 de marzo de 1519 polos caciques de Tabasco, [4]xunto con outras 19 mulleres, algunhas pezas de ouro e un xogo de mantas, despois de que Cortés derrotase os tabasqueños na chamada "Batalla de Centla". Tras bautizala e imporlle o nome de "Marina" foi regalada á súa vez a Alonso Hernández Portocarrero, un dos seus capitáns, Cortés descobre que Malintzin fala náhuatl e empeza a utilizala como intérprete náhuatl-maia, ocupándose Jerónimo de Aguilar (náufrago español que estivera cativo e que foi rescatado por Cortés en Cozumel) da tradución maia-español. Así, co uso de tres linguas e dous intérpretes, levaron a cabo todos os contactos entre españois e aztecas, ata que Malintzin aprendeu castelán.

Coñécese polos nomes Malintzin, Malinalli (transliteraciones ao castelán do nome orixinal; o sufixo tzin engadíase ao nome para indicar xerarquía e nobreza), ou ben A Malinche, que é a forma máis común de referirse a ela. Tamén como Marina, sempre expresado como dona Marina.

É indubidábel que, máis aló do seu servizo como intérprete, Malintzin asesorou os españois sobre os costumes sociais e militares dos nativos, e posibelmente realizou tamén tarefas do que hoxe chamariamos "intelixencia" e "diplomacia", xogando un papel importante durante a primeira parte da conquista. Tivo un fillo de Cortés, Martín, primoxénito pero ilexítimo; logo daría Cortés o mesmo nome de Martín ao seu primeiro fillo lexítimo, que tivo con Juana de Zúñiga. Cortés posteriormente en Orizaba casou a Malintzin cun fidalgo, Juan Jaramillo, de quen se sabe que ela tivo outra filla, María Jaramillo. Hai constancia de que Malintzin morrera xa en 1529, por documentos das xestións do seu viúvo para volver casar.

Ao parecer Malintzin faleceu enferma de vexigas por unha epidemia que houbo en 1528 ou 1529. Tivo un papel relevante na conquista de México. Bernal Díaz del Castillo encomia repetidamente o seu compromiso cos conquistadores e o seu valor na batalla. Lembra tamén a alegría dos españois cando souberon que Marina sobrevivira á Noite Triste.

En 1960, empezaron as intervencións feministas cara á figura da Malinche. A obra de Rosario Castellanos foi particularmente significativa e, no seu posterior poema, a Malinche, describiuna non como traidora, senón como vítima. En xeral, as feministas mexicanas defenderon á Malinche véndoa como unha muller atrapada entre dúas culturas, forzada a facer decisións complexas, e que, en última instancia serviu como nai dunha nova raza.[5]

Notas editar

  1. "Persona - Malinche (ca.1502-ca.1529)". PARES. Consultado o 2022-08-30. 
  2. "The First Interpreter in the New World.". The Professional Interpreter (en inglés). 2012-08-13. Consultado o 2022-08-30. 
  3. Romero, Rolando; Harris, Amanda Nolacea (2005-04-30). Feminism, Nation and Myth: La Malinche (en inglés). Arte Publico Press. ISBN 978-1-61192-042-0. 
  4. "La desafiante vida de la mujer más despreciada de la historia de México". BBC News Mundo (en castelán). Consultado o 2022-08-30. 
  5. Coerver, Don M.; Pasztor, Suzanne B.; Buffington, Robert (2004). Mexico: An Encyclopedia of Contemporary Culture and History (en inglés). ABC-CLIO. ISBN 978-1-57607-132-8. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Cristina Oñoro (2022). Las que faltaban. Una historia del mundo diferente". Editorial: Taurus. ISBN: 978-84-306-2441-6

Ligazóns externas editar