Makemake, tamén escrito Make-Make, é un deus polinésico presente na mitoloxía rapanui[1] da Illa de Pascua. É o creador da humanidade, o deus da fertilidade e o deus xefe de "Tangata manu" ou do home-paxaro (esta seita sucedeu á era máis famosa dos Moais da illa). Parecía ser a forma local, ou nome, do antigo deus polinesio Tāne. Non tiña cónxuxe.[2]

Makemake
Deus creador, da fertilidade
Membro da mitoloxía rapanui
Figura de Make-Make esculpido en pedra.
Outros nomesMake-make
XéneroMasculino
RexiónIlla de Pascua
Grupo étnicoPobo rapanui

Makemake, representado como unha cara con ollos grandes ou quizais unha caveira con grandes concas dos ollos e un nariz fálico, é un tema frecuente dos petróglifos da Illa de Pascua.[3]

Descrición editar

 
Icona que representa Makemake.

Na mitoloxía de Rapa Nui era considerado como o creador do mundo. Ó ser unha illa moi afastada, co paso do tempo, as peticións do pobo rapanui cara ós deuses, estaban moi ligadas á adquisición de alimentos. Debido a iso, Make Make, a lendaria deidade de orixe guerreira (matato’a), desprazaría ó case esquecido Haua, así como tamén a Tangaroa, a maior divindade polinésica. Por iso Makemake está igualmente relacionado coa fertilidade.

Posteriormente os conflitos internos, no cal foron destruídos a gran maioría dos moais, fixeron que xurdise como resposta, un diferente culto a Makemake; agora presente na cerimonia do Tangata Manu (home-paxaro), na que os distintos clans competían anualmente polo poder político na illa.

Lenda editar

A lenda di que logo de que Makemake crease a Terra sentía que lle faltaba algo. Pero sucedeu que un día tomou unha cabaza que contiña auga, e abraiado decatouse de que ó ollar na auga vía a súa faciana nela. Makemake saudou á súa imaxe mentres un paxaro se pousaba no seu ombreiro. Observando a gran semellanza entre a súa imaxe e a do paxaro, tomou o seu reflexo e mesturouno co do paxaro, xurdindo así o seu primoxénito.

Pero a pesar diso, Makemake igualmente pensou en crear un ser que tivese a súa imaxe, que falara e pensara como el o desexaba. Primeiramente fecundou as augas do mar, e produto diso apareceron os peixes. Pero como o resultado non foi o agardado, posteriormente procedeu a fecundar unha pedra na que había terra colorada, e dela xurdiu o home.

Make-Make estaba moi ledo ó crear o home como a criatura que el desexaba; e como observou que este víase moi só, posteriormente crearía tamén á muller.

Moito tempo despois, Makemake apareceríaselle en soños a Hau-Maka, e indicaríalle como chegar a unha illa inhabitada (a Illa de Pascua), para que nese lugar tivesen o seu novo fogar o Rei Hotu Matu'a e o seu pobo.

Posteriormente, Makemake xunto a Haua, levarían as aves ata os motu (illotes) fronte a Rano Kau; para que así se lles rendese culto mediante a cerimonia anual de Tangata Manu (o home-paxaro).

Obxecto astronómico editar

Recentemente, a Unión Astronómica Internacional asignou a denominación Makemake (planeta anano) ó obxecto transneptuniano coñecido anteriormente como 2005 FY,[4][5] sendo o cuarto planeta anano recoñecido como tal, e o primeiro que se corresponde cun deus da mitoloxía rapanui.

Notas editar

  1. Robert D. Craig (2004). Handbook of Polynesian Mythology. ABC-CLIO. p. 63. ISBN 978-1-57607-894-5. 
  2. Metraux 1940, p. 312
  3. Metraux 1940, p. 313
  4. Blue, Jennifer (14 de xullo de 2008). "Dwarf Planet 136472 2005 FY9 Named Makemake". Consultado o 2016-08-14. 
  5. Mike Brown (2008). "Mike Brown's Planets: What's in a name? [part 2]". Caltech. Consultado o 2008-07-14. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar