Major League Baseball

Competición deportiva de béisbol

A Major League Baseball (MLB, do inglés: Grandes Ligas de Béisbol ou Ligas Maiores de Béisbol) é unha organización de béisbol profesional con equipos nos Estados Unidos e o Canadá, a máis antiga do deporte profesional norteamericano. Un total de trinta equipos forman parte da organización, o cales compiten na Liga Americana (AL) e na Liga Nacional (NL). A NL e a AL foron fundadas como competicións independentes en 1876 e 1901 respectivamente. Aínda que a partir do ano 1903 comezaron a cooperar entre elas, mantivéronse como entidades legamente diferenciadas até a súa fusión no ano 2000 liderada polo Comisionado do Béisbol.[1][2] A organización tamén supervisa a Minor League Baseball (Ligas Menores), competición que comprende 256 equipos afiliados aos clubs das Grandes Ligas, a World Baseball Softball Confederation e o Clásico Mundial.

Major League Baseball
Fundación1903 (hai 121 anos)
(Liga Nacional en 1876)
(Liga Americana en 1901)
RexiónEstados Unidos de América Estados Unidos (29 equipos)
Canadá (1 equipo)
ComisionadoRobert D. Manfred Jr.
Equipos30
Actual campiónHouston Astros (2º título)
Máis laureadoNew York Yankees (27 títulos)
TelevisiónFox/FS1
ESPN/ESPN2
TBS, MLB Network
Sitio webmlb.com

Aínda que xa había equipos de béisbol que pagaban en segredo aos seus xogadores, o primeiro equipo abertamente profesional foi fundado en Cincinnati en 1869. As primeiras décadas do béisbol profesional caracterizáronse pola rivalidade entre ligas e xogadores, os cales mudaban habitualmente dunhas a outras. O período anterior a 1920 foi coñecido como a "dead-ball era", xa que a consecución de home runs durante estes anos era moi rara. Neste período de tempo o propio béisbol profesional correu perigo de desaparecer debido ás conspiracións para o amaño de partidos, o cal estourou co escándalo dos Medias Negras nas Series Mundiais de 1919. Porén, durante os anos seguintes a popularidade deste deporte medrou considerablemente, sobrevivindo á Gran Depresión e á segunda guerra mundial. Pouco despois da guerra o béisbol axudou a romper a berreira da cor coa chegada de Jackie Robinson, xogador afroamericano, á Liga.

As décadas de 1950 e 1960 foron tempo de expansión das ligas. Chegaron novos equipos e estadios, o que levou a unha mudanza no xogo coa chegada céspede artificial (o primeiro parque de béisbol en utilizalo foi o Astrodome). Nos anos 1990 os home runs dominaban a liga, levando aos medio á sospeita polo uso de esteroides anabólicos, finalmente destapada a mediados da década dos 2000. De feito, unha investigación de 2006 implicou a gran cantidade de xogadores polo consumo destas substancias, incluíndo polo menos un xogador de cada equipo.

Hoxe, a MLB está composta por trinta equipos: vinte e nove estadounidenses e un canadense. Cada equipo xoga 162 partidos por temporada, clasificánose cinco equipos de cada liga aos Playoffs, onde se xogan catro roldas que culminan nas Series Mundiais, unha eliminatoria ao mellor de sete partidos que enfronta aos campión de cada liga desde 1903. Hoxe en día os partidos de béisbol son retransmitidos por radio, televisión e internet en Norteamérica e en moitos outros países todo o mundo. A MLB é a competición deportiva mundial con maior número de espectadores nos estadios, cun total de 73 millóns de asistentes en 2015.[3]

Organización editar

Administración editar

A MLB está rexida pola Major League Baseball Constitution. Este documento, que ten pasado por diferentes versións, foi creado no ano 1876.[4] Baixo a dirección do Comisionado do Béisbol, a MLB xestiona e mantén ao colexio de árbitros, alén de negociar os contratos de traballo, márketing e televisión. Ao contrario que noutros deportes nortemaericanos, a MLB matén unha relación de control única sobre o deporte, incluíndo moitos aspectos das Ligas Menores. Isto é debido en gran parte á sentenza do Tribunal Supremo dos Estados Unidos de 1922 no caso "Federal Baseball Club v. National League", a cal sostiña que o béisbol non é un comercio interestatal e, por tanto, non está suxeito á lexislación federal antimonopolio. Esta sentenza, porén, foi perdendo poder ao longo dos anos, o cal outorgou máis estabilidade aos donos dos equipos. Ao longo dos anos houbo varios desafíos á suprmacía da MLB, por exemplo a Liga Federal de 1961 ou a Liga continental de 1960.

Actualmente, o xefe executivo da MLB é o comisionado Rob Manfred. Alén de Manfred hai outros seis executivos: o director de operación, o presidente (negocios e medios), o director de comunicacións, o director xurídico, o director financeiro e o director do béisbol.[5][6] Cómpre destacar tamén a rama multimedia da organización, MLB Advanced Media, a cal ten a súa sede en Manhattan, Nova York. Esta sección supervisa MLB.com e cada unha das trinta páxinas webs dos equipos. Os seus estatutos estipulan que MLB Advanced Media posúe independencia editorial da liga, aínda estando baixo o mesmo control que a organización. Outra rama importante é MLB Productions, que se centra nos medios de difusión tradicionais. A MBL tamén posúe o 67 de MLB Network, unha canle de audivisual adicada ao béisbol. O outro 33 porcento da propiedade está reparido entre múltiples operadoras de televisión por cable e satélite.[7] A MLB Network ten os seus estudos centrais en Secaucus, Nova Jersey, e conta tamén con independecia editorial da liga.[8]

Competición editar

Desde 1901 até 1960, a Liga Nacional e a Liga Americana contaban con oito equipos cada un. Para xestionar a relación entre ambas ligas, foi creada unha Comisión Nacional. Con escaso éxito, esta débil comisión foi substituída en 1920 polo moito máis poderoso Comisionado do Béisbol, o cal foi dotado do poder de toma de decisións de forma unilateral sobre todos os xogadores do béisbol profesional.[9] En 1960 a MLB incorporou oito novos equipos, incluíndo o primeiro equipo non estadounidense (os Montreal Expos). Na década de 1970 chegaron outros dous novos equipos, os Seattle Mariners e os Toronto Blue Jays. Entre 1969 e 1993, cada unha das ligas estaba constituída por unha División Leste e outra Oeste. A terceira división, a Central, foi creada en 1994. Até 1996, as dúas ligas tan só se reunían no mesmo campo durante as Series Mundiais e o All-Star. De feito, os primeiros partidos de liga regular entre equipos das Ligas Nacional e Americana foron introducidos en 1997.

En marzo de 1995, a MLB outorgou dúas novas franquías, os Arizona Diamondbacks e os Tampa Bay Devil Rays (actualmente Tampa Bay Rays), para comezar a xogar en 1998. Esta adición elevou o número total de franquías a trinta. A principios de 1997 a MLB decidiu asignar un novo equipo a cada liga: Tampa Bay uniuse á Liga Americana e Arizona uniuse á Liga Nacional. O plan orixinal era ter un número impar de equipos en cada liga (quince por liga, con cinco en cada división), mais para que cada equipo puidese xogar diariamente houbo que programar partidos interligas durante toda a tempada Con todo, non estaba claro nese momento se o xogo interliga continuaría despois da tempada de 1998, xa que tiña que ser aprobado polo sindicato de xogadores. Por esta e outras razóns, decidiuse que ambas as ligas deberían continuar tendo un número par de equipos, polo que un club tería que mudar de liga. Así, os Milwaukee Brewers acordaron en novembro de 1997 pasar da Liga Americana á Nacional, o que converteu a esta última nunha liga de 16 equipos. En 2013, cando os Houston Astros mudaron de propietario, o equipo trasladouse da NL Central á AL West, o que resultou en que ambas as ligas tivesen tres divisións de cinco equipos cada unha e permitisen que todos os equipos tivesen un calendario máis equilibrado.

No ano 2000, a Liga Americana e a Liga Nacional disolvéronse como entidades legais e a MLB converteuse nunha única liga de jure, similar á National Football League (NFL), á National Basketball Association (NBA) e á National Hockey League (NHL). Con todo, a diferenza destas últimas, as subdivisións da competición reciben o nome de "ligas" en lugar de "conferencias". Actualmente ambas ligas teñen o mesmo regulamento salvo unha excepción, a existencia do bateador designado unicamente na Liga Americana. Esta diferenza é única entre o resto de competicións deportivas norteamericanas, as cales manteñen as mesmas regras para todos os seus equipos.

Equipos editar


División Equipo Cidade Estadio Capacidade Fundación Ingreso
Liga Americana
Leste Baltimore Orioles Baltimore, Maryland Oriole Park at Camden Yards 45.971 1894 1901
Boston Red Sox Boston, Massachusetts Fenway Park 37.949 1901
New York Yankees Nova York, Nova York Yankee Stadium 49.638 1901
Tampa Bay Rays St. Petersburg, Florida Tropicana Field 31.042 1998
Toronto Blue Jays Toronto, Ontario Rogers Centre 49.282 1977
Central Chicago White Sox Chicago, Illinois Guaranteed Rate Field 40.615 1894 1901
Cleveland Guardians Cleveland, Ohio Progressive Field 35.225 1894 1901
Detroit Tigers Detroit, Míchigan Comerica Park 41.297 1894 1901
Kansas City Royals Kansas City, Missouri Kauffman Stadium 37.903 1969
Minnesota Twins Minneapolis, Minnesota Target Field 38.871 1894 1901
Oeste Houston Astros Houston, Texas Minute Maid Park 41.676 1962 [NL] 2013 [AL]
Los Angeles Angels Anaheim, California Angel Stadium 45.957 1961
Oakland Athletics Oakland, California Oakland Coliseum 46.847 1901
Seattle Mariners Seattle, Washington T-Mobile Park 47.943 1977
Texas Rangers Arlington, Texas Globe Life Field 40.300 1961
Liga Nacional
Leste Atlanta Braves Atlanta, Xeorxia SunTrust Park 41.084 1871 1876
Miami Marlins Miami, Florida Marlins Park 36.742 1993
New York Mets Nova York, Nova York Citi Field 41.922 1962
Philadelphia Phillies Filadelfia, Pensilvania Citizens Bank Park 43.651 1883
Washington Nationals Washington, D.C. Nationals Park 41.313 1969
Central Chicago Cubs Chicago, Illinois Wrigley Field 41.268 1870 1876
Cincinnati Reds Cincinnati, Ohio Great American Ball Park 42.319 1869 1890
Milwaukee Brewers Milwaukee, Wisconsin Miller Park 41.900 1969 [AL] 1998 [NL]
Pittsburgh Pirates Pittsburgh, Pensilvania PNC Park 38.362 1882 1887
St. Louis Cardinals St. Louis, Missouri Busch Stadium 43.975 1882 1892
Oeste Arizona Diamondbacks Phoenix, Arizona Chase Field 48.519 1998
Colorado Rockies Denver, Colorado Coors Field 50.398 1993
Los Angeles Dodgers Os Ánxeles, California Dodger Stadium 56.000 1883 1890
San Diego Padres San Diego, California Petco Park 40.162 1969
San Francisco Giants San Francisco, California Oracle Park 41.915 1883

Estrutura da temporada editar

Spring Training editar

O Spring Training ou Adestramento de Primavera é unha serie de prácticas e partidos amigábeis que se xogan antes do comezo da liga regular. Os equipos das Grandes Ligas posúen campos de adestramento situados nos estados de Arizona e Florida, zonas dos Estados Unidos onde chegan antes as altas temperaturas que permiten adestrar sen os inconvenientes do frío do inverno. O Spring Training permite a novos xogadores postularse para obter o seu oco nos equipos da MLB, así como aos actuais xogadores adestrar para a temporada. Os equipos que realizan os adestramentos de primavera en Arizona están agrupados baixo a coñecida como Cactus League (do inglés: Liga do Cacto), mentres que os de Florida compiten na Grapefruit League (Liga do Pomelo).

Estes adestramentos duran tipicamente uns dous meses, desde mediados de febreiro até o inicio da liga a comezos de abril. Cómpre destacar que os pitchers e os catchers comezan a adestrar antes que os seus compañeiros. O Spring Training adoita atraer a moitos seareiros, que aproveitan para viaxar a climas máis cálidos e ver xogar aos seus equipos favoritos. De feito, estes adestramentos coinciden coas vacacións de primavera dos estudantes universitarios. Tamén soi moi transitados polos fans dos autógrafos, xa que teñen máis acceso aos xogadores que durante o resto do ano.

Temporada regular editar

A actual Regular Season ou temporada regular da MLB consiste en 162 partidos por equipo. Habitualmente, a temporada comeza o primeiro domingo de abril e finaliza o primeiro domingo de outubro. O calendario de partidos de cada equipo está usualmente deseñado para xogar series de tres partidos en días consecutivos, aínda que ás veces poden ser dous ou catro. Excepcionalmente, e no caso de suspensións de partidos, poden chegar a cinco. Estas series de partidos organízanse de forma que coincidan varias seguidas. Así, os equipos adoitan xogar entre cinco e sete veces por semana, sendo os días libres normalmente os luns e os xoves. Estas series de partidos normalmente son xogadas contra a noite, menos as dos domingos que adoitan ser cara ao mediodía para permitir aos equipos viaxar ao seu seguinte destino. Outros partidos que son habitualmente xogados de día son os Opening Days (día da inauguración da temporada) ou os que coinciden en períodos de vacacións.

Cada equipo xoga 19 partidos contra cada un dos seus catro rivais divisionales. Contra os outros dez equipos da súa liga xoga unha serie en casa e unha fóra, sumando un total de seis ou sete partidos. Ademais, xoga contra equipos dunha das tres divisións da outra liga, rotando cada ano. Así, xoga contra dous dos equipos da división unha serie de tres partidos na casa e tres fóra, e unha serie de catro partidos, dous como local e dous como visitante, contra outro. Por último, cada equipo ten un "rival natural" interliga (en moitos casos equipos situados na mesma área metropolitana) co que xoga dous partidos en casa e dous partidos fóra cada ano.

Como o número de equipos de cada liga é impar (15), é necesario que un equipo de cada liga participe nun encontro interliga e case todas as xornadas da competición. As xornadas nas que isto non sucede é cando coinciden dous o máis equipos gozando dun día libre. Cada equipo xoga vinte partidos de interligas durante a temporada. En xeral só hai un partido destas características por día, a excepción é unha fin de semana de maio onde todos os partidos son destas características. O uso da regra do bateador designado está determinado polas regras da liga do equipo local. Antes de 2013, o xogo de interligas estruturábase de maneira diferente: alén da fin de semana de maio, había outro período que consistía normalmente nos dous últimos terzos de xuño, nos que todos os equipos xogaban estes partidos de interligas (excepto dous equipos da Liga Nacional cada día). Fóra destas datas non había partidos de interligas. Antes de 2013, o xogo de interligas durante toda a tempada non era necesario, porque cada liga tiña un número par de equipos.

Durante a temporada, os equipos compiten por acadar unha das cinco prazas que dispón cada liga para xogar os playoffs. Estas prazas pódense conseguir gañando a súa división ou conseguindo a wild card, unha invitación que se entrega aos mellores equipos que non conseguiron gañar a súa división. No caso de que haxa equipos empatados ao final da temporada regular, xoganse partidos adicionais para determinar que equipo participará nas eliminatoiras. Estes enfrontamentos constan dun único partido eliminatorio, ficando eliminado o equipo perdedor.

All-Star Game editar

Entre principios e mediados de xullo, xusto en metade da temporada e durante un paro de catro días, xógase o All-Star Game ou Xogo das Estrelas da MLB. Este partido enfronta a un equipo formado polos mellores xogadores da Liga Americana contra outro cos mellores da Liga Nacional. Ambos conxuntos están dirixidos polos adestradores dos equipos que xogaron as Series Mundiais da anterior temporada. Anteriormente, entre 1959 e 1962, o All-Star consistía en dous encontros, un en xullo e outro en agosto. En canto á regra do bateador designado, que se comezou a utilizar no All-Star en 1989, até 2010 era utilizada segundo se o partido se xogaba nun estadio da Liga Nacional ou da Liga Americana. Actualmente o uso do bateador designado está en vixencia independentemente do lugar.[10] En canto aos uniformes, as estrelas de cada equipo levan os dos seus equipos, sendo a única excepción a edición de 1933 no que os compoñentes da Liga Nacional levaron un uniforme gris coa lenda escrita de "National League" en azul escuro.

O primeiro All-Star foi xogado en 1933 como parte da Exposición Universal de Chicago de 1933. A idea xurdiu do xornalista deportivo Arch Ward, naquela altura xefe de redacción de deportes do Chicago Tribune.[11] Aínda que a intención inicial era que este evento fose único, o grande suceso do mesmo levou a convertelo nun evento anual. Esta contribución de Ward foi recoñecida pola Major League Baseball en 1962 coa creación do trofeo Arch Ward ao mellor xogador do xogo (All-Star Game's Most Valuable Player). Entre 1970 e 1985 o trofeo recibiu o nome de Trofeo do Comisionado, entre 1985 e 2002 volveu chamarse Trofeo Arch Ward, e desde 2002 até a actualidade recibe o nome de Trofeo Ted Williams (Ted Williams Most Valuable Player Award)

Os oito xogadores de posición titulares que compiten por cada equipo, e desde 1947, son escollidos por votación popular dos seareiros.[12] A única excepción a este forma de selección foi entre 1957 e 1970. Esta excepción debeuse a un escándalo sucedido en 1957 en Cincinnati, onde sete dos oito xogadores escollidos pertencían ao equipo local, os Cincinnati Reds. Finalmente, dous deses xogadores foron retirados para facer sitio a Willie Mays e Hank Aaron. Tras o regreso da votación en 1970, esta foise modernizando até o sistema actual de votación por medio de Internet.

Un dos partidos máis polémicos do All-Star foi o celebrado no ano 2002 en Milwaukee. Este partido finalizou en empate tras 11 entradas despois de que os adestradores quedasen sen ptichers. Como resposta, no ano 2003 decidiuse que a liga que vencese no xogo do All-Star recibiría vantaxe como local nas Series Mundiais. Desta meneira, o campión da Liga vencedora no Xogo das Estrelas acollía os dous primeiros partidos das Series Mundiais no seu estadio, así como os dous últimos (se fosen necesarios). Desde a instauración da norma, o equipo da Liga Nacional non conseguiu gañar o xogo até o ano 2010, partindo os seus equipos en desvantaxe nas sete Series Mundiais xogadas entre 2003 e 2009. Con todo, no ano 2016 deixou de estar en vigor esta normativa.

Postemporada editar

Cando finaliza a temporada regulada despois do primeiro domingo de outubro (ou o último domingo de setembro), dez equipos pasan a xogar as eliminatorias de postemporada. Eses dez equipos consisten nos seis campións de división, os cales son equipos con mellor balance de vitorias-derrotas de cada unha das súas respectivas divisións, e en catro equipos "wild card", que son os dous equipos de cada liga con mellor balance sen teren sido campións de divisións. Unha vez coñecidos os dez equipos participantes, para decidir ao campión dispútanse catro rodlas eliminatorias:

  • O Xogo Wild Card (Wild Card Game), un encontro a partido único entre os dous wild cards de cada liga.
  • As Series Divisionais da Liga Americana (American League Division Series) e da Liga Nacional (National League Division Series), cada unha ao mellor de cinco xogos.
  • As Series de Campionato da Liga Americana (American League Championship Series) e a Liga Nacional (National League Championship Series), disputadas ao mellor de sete partidos. Os campións de cada Liga son referidos informalmente como pennant winners.
  • As Series Mundiais (World Series), disputadas ao mellor de sete partidos entre os campións de cada liga.

Dentro de cada liga, os campións de división son os cabezas de serie 1, 2 e 3, ordenados en función do seu balance de vitorias e derrotas. O equipo con mellor récord non campión de división será o 4 e o equipo co segundo mellor o 5. Na rolda Wild Card enfróntase o equipo 5 no estadio do equipo 4 nunha eliminatoria a partido único. Nas Series Divisionais enfróntase o 1 contra o gañador da rolda Wild Card e o 2 contra o 3. Os gañadores desta rolda disputan as Series de Campionato, onde se decide o campión de cada liga e, por tanto, os participantes nas Series Mundiais. Desde o ano 2017 a vantaxe de campo nas Series Mundiais determínase en función do balnce de vitorias e derrotas dos equipos participantes. Con anterioridade a esa data, a vantaxe de campo era para o equipo da Liga que gañase o enfrontamento do All-Star.

Debido a que cada serie de postemporada se divide entre os campos locais dos dous equipos, a vantaxe como local xeralmente non é importante a non ser que a serie chegue ao número máximo de partidos, o que dá a un equipo un xogo adicional en casa. Porén, os dous primeiros encontros dunha serie sempre se disputan no mesmo estadio, o que pode dar ao equipo unha maior probabilidade de alzarse con dúas vitorias e de tomar pulo para o resto da serie. En canto á regra do bateador designado sempre se aplica a normativa da Liga do estadio que acolle o encontro.

Medios de comunicación editar

Contratos televisivos editar

Os xogos das Grandes Ligas son televisados por múltiples canles de televisión, entre elas a Fox, ESPN e MLB Netwok. Desde o ano 2008 e durante toda a temporada, Fox Sports retransmite encontros os sábados de tarde baixo o nome de Fox Saturday Baseball. Antes de 2008 tan só emitía xogos desde maio até setembro. A Fox tamén ten os dereitos de emisión do All-Star, das Series de Campionato, emitindo nos anos impares as da Liga Americana e nos pares as da Liga Nacional, e das Series Mundiais. En canto á ESPN, emite xogos desde o ano 2013, dando cobertura ao Opening Day e emitindo o Monday Night Baseball, Wednesday Night Baseball e Baseball Tonight. Esta última compañía tamén ten os dereitos de emisión do Home Run Derby do All-Star. A TBS, por outra banda, retransmite a nivel nacional os partidos de domingo ao mediodía que non teñen algún tipo de exclusividade con outras canles. Desde o ano 2007 tamén posúe os dereitos de emisión exclusivos das eliminatorias de desempate, da Rolda Wild Card e das Series Divisionais. Ademais, emite as Series de Campionato non emitidas pola FOX, así, emite as Series de Campionato da Liga Nacional en anos impares e da Liga Americana en anos pares.

En xaneiro de 2009 a MLB lanzou a MLB Network, unha plataforma que ofrece novas e cobertura de todo o relacionado coa liga, así como algúns partidos en directo. Alén diso, cada equipo ten contratos para emitir os seus encontros no ámbito local, excepto os dos sábados da FOX e os dos domingos da ESPN. No caso do Canadá, como só ten un equipo, Sportsnet emite todos os xogos dos Toronto Blue Jays a nivel nacional. A propietaria desta canle é Rogers Communications, tamén propietaria do propio equipo. Sportsnet tamén emite no Canadá os partidos de sábado da Fox, o All-Star, os partidos de playoff e as Series Mundiais. Ademais, desde abril de 2001, TSN2 comezou a emitir os encontros de domingo da ESPN.

Notas editar

  1. "Year In Review: 2000 National League". Baseball-Almanac.com. Consultado o 13 de marzo de 2019. 
  2. Chass, Murray (16 de setembro de 1999). "BASEBALL; League Presidents Out As Baseball Centralizes". The New York Times. Consultado o 29 de maio de 2019. 
  3. Brown, Maury. "MLB Sees Nearly 73.8 Million In Attendance For 2015, Seventh-Highest All-Time". Forbes.com. Forbes. Consultado o April 19, 2016. 
  4. Berg, Ted. "Someone is selling MLB's original 1876 constitution, and it's expected to fetch millions". USAToday.com. Consultado o 12 de marzo de 2019. 
  5. "Manfred promoted; Jimmie Lee Solomon resigns". ESPN. 7 de xuño de 2012. Consultado o 12 de marzo de 2019. 
  6. "MLB Executives". MLB.com. 2013. Consultado o February 23, 2017. 
  7. "MLB Network". MLB.com. Consultado o 12 de marzo de 2019. 
  8. "About MLB Network". MLB.com. Consultado o 12 de marzo de 2019. 
  9. "The Commissionership: A Historical Perspective". MLB.com. Major League Baseball Advanced Media. Consultado o November 30, 2013. 
  10. "Rosters Expanded For the All-Star Game". The New York Times. 28 de abril de 2010. Consultado o 21 de marzo de 2019. 
  11. "All-Star Game History". Baseball Almanac. Consultado o 21 de marzo de 2019. 
  12. "All-Star Game". baseball-almanac.com. Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2000. Consultado o 21 de marzo de 201. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar