Madrigal

forma musical
Para a revista de título similar véxase Madrygal. Revista de estudios gallegos.

O madrigal é un xénero vocal propio da Italia renacentista, escrito a catro ou máis voces, baseado nun poema de alta calidade literaria. Cómpre diferencialo do madrigal do Trecento. Baséase nun texto libre que non responde ao esquema tradicional retrouso-estrofa, e empregáronse poemas de autores coma Petrarca, Tasso ou Ariosto e a música trata de adaptarse ao sentido do texto, de ser posible frase por frase e palabra por palabra tratando de poñer en evidencia todo o seu contido descritivo e sentimental.

Palestrina.

Dada a liberdade formal da que gozaba, este xénero converteuse nun campo experimental da música do XVI influenciando á chanson francesa. Podemos falar basicamente de tres períodos na evolución do madrigal renacentista:

a) Etapa primitiva (1530-1550). É aínda sinxelo, alterna seccións homofónicas e polifónicas, escríbese a catro voces sendo a superior a condutora da melodía. As partes vocais podían ser interpretadas ou dobradas por instrumentos. Salientan as composicións de Jacques Arcadelt e de Philippe Verdelot.

b) Etapa de esplendor (1550-1580). Está escrito xeralmente a cinco ou seis voces. Hai un claro predominio da polifonía sobre a homofonía, introdúcese unha maior variedade rítmica e harmónica, así coma elementos descritivos de sons da natureza. É a etapa de Orlando di Lasso, Palestrina ou Adrian Willaert.

c) Etapa serodia (1580-1620). De transición cara ao Barroco. Aumenta o virtuosismo e o cromatismo, búscanse efectos dramáticos ou emocionais de grande intensidade. Estes elementos chamaranse “madrigalismos”. Pertencen a este período as obras de Carlo Gesualdo, Claudio Monteverdi ou Luca Marenzio.

O madrigal foi moi imitado noutros países europeos, particularmente na Inglaterra do XVI e do XVII por compositores coma William Byrd ou Thomas Morley.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar