Longa noite de pedra

obra literaria de Celso Emilio Ferreiro

Longa noite de pedra é unha obra poética de Celso Emilio Ferreiro, publicada en 1962 por Editorial Galaxia dentro da Colección Salnés. É a obra máis coñecida e representativa da lírica galega de posguerra, constituíndo un libro chave para entender a literatura galega contemporánea e unha referencia obrigada de toda unha xeración de autores e lectores.[1] Para Xesús Alonso Montero[2] "o libro converteuse axiña na voz da resistencia, no catecismo da contestación e na biblia dos cantares de protesta"

Longa noite de pedra
Autor/aCelso Emilio Ferreiro
OrixeGalicia Galicia
LinguaGalego
ColecciónColección Salnés
Xénero(s)poesía
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.1962
ISBNISBN 978-84-7507-452-8
editar datos en Wikidata ]
Celso Emilio Ferreiro

Contexto histórico editar

O tempo de Longa noite de pedra son os anos da posguerra e da ditadura franquista, quedando mesmo o título do libro fixado coma un dos nomes desa época, adverso para todo o que fose galeguismo, esquerda ou literatura galega. O galeguismo político sufriu unha represión sistemática, trasladándose a súa forza principal ao exterior, especialmente a Buenos Aires. No país, os herdeiros do galeguismo abandonan a loita política e centran os seus esforzos na recuperación cultural. Porén, este cambio de dirección propiciou a aparición dun galeguismo revolucionario, marxista, que tomou forma no 1964 coa fundación da Unión do Povo Galego, na que participaría o propio Celso Emilio.

A poesía galega de posguerra desenvólvese na dirección de continuar co paisaxismo e ruralismo de Noriega Varela, o neotrobadorismo de Fermín Bouza Brey e o hilozoísmo de Amado Carballo, ou ben tende a unha humanización que anova as tendencias anteriores por un lado, e por outro crea unha poesía grave e introspectiva na liña do existencialismo.

Celso Emilio, na base deste novo humanismo desenvolve a súa vertente máis social, en parentesco con poetas como Blas de Otero ou Gabriel Celaya, dando lugar ao que el denominaba poesía belixerante.

Temática editar

 
Fachada do mosteiro de Celanova.

Longa noite de pedra está ligada ao período do franquismo e, moi probablemente, foi composto (polo menos parcialmente) estando no cárcere en 1937: Celso Emilio Ferreiro, que fora chamado á guerra no 1936, foi detido por facer comentarios políticos en público en 1937, estando de permiso na súa terra. Nunha cela de pedra, no Mosteiro de Celanova, pasou varias noites.

Gonzalo Navaza[3] distingue os seguintes núcleos temáticos:

  • A denuncia do presente. Para os lectores contemporáneos representou a temática fundamental. Entre as realidades que o poeta denuncia, ademais do franquismo, están a Igrexa Católica, a burguesía ou o conformismo.
  • A solidariedade cos que sofren. Estreitamente ligado co anterior, Ferreiro proclama a súa solidariedade cos oprimidos, conectando así o seu eu confesional e íntimo co nós colectivo. Este argumento serve tamén para a defensa no idioma no célebre poema Deitado frente ao mar[4]:
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo
  • A liberdade e a esperanza. Fronte ao presente desgarrador, Celso Emilio soña coa posibilidade dun futuro redentor. Achamos un bo exemplo na composición Aire puro[5]:
...Pensa nas albas
que han de vir, ponlle cerco ás lembranzas
que te atan.
Deixa entrar a mañá crara
na túa casa
  • A guerra e o antibelicismo. A denuncia da inutilidade e crueldade das guerras percorren o libro obsesivamente, constituíndo o tema único de poemas enteiros, como en Soldado[6]:
Xorxe, meu vello amigo,
ti que estás cos que sofren a historia
i en contra dos que a escriben
¿como fuches parar á tropa?
  • A infancia como paraíso perdido. Como oposición ao presente deplorable, a infancia é presentada coma un espazo mítico no que estaban ausentes todos os trazos negativos que caracterizan o presente. Ademais, esta infancia represéntase como un mundo natural en contraposición ao presente urbano.
  • A terra. Celso Emilio concíbea como unha realidade uterina da que nacen os sinais de identidade e a forza para se arrepoñer ao presente histórico, así como o lugar de regreso tras a morte. A terra, Galiza, como patria positiva e maternal, convive cunha visión da mesma chea de dor.

Estrutura e estilo editar

A unidade estrutural é unha das características distintivas dos textos de Longa noite de pedra. Na obra, acaba por rachar coa linguaxe poética tradicional, labor que iniciara en O soño sulagado, adaptando fórmulas do prosaísmo crítico da poesía social española do seu tempo. Con respecto á métrica, utiliza preferentemente o hendecasílabo, combinado con heptasílabos. A rima, cando é usada, adoita ser asonante.

Como figuras estilísticas emprega anáforas e paralelismos, ás veces próximos ás fórmulas empregadas polo neotrobadorismo. Outra característica importante é o simbolismo e o emprego de metáforas, de xeito que moitos poemas están artellados na base de encadearen imaxes dando lugar a estruturas alegóricas. O simbolismo ferreirán é dual, case que maniqueo: un lado positivo, o da liberdade, a inocencia, a natureza e a serenidade, simbolizado con imaxes asociadas á luz, ao aire, ao ingrávido; e un lado negativo, o do medo, a represión e a crispación, simbolizados a través da pedra e da gravidade.

A lingua editar

Segundo Gonzalo Navaza[7], e se tomamos como referencia o estándar actual do galego, as características máis salientables da lingua de O soño sulagado (e, en xeral, de toda a poesía de Celso Emilio) son as seguintes:

  1. Vacilación perante as diferentes solucións ortográficas, morfolóxicas ou léxicas (árbores / albres; impasíbel / inmobre; e / i).
  2. Presenza de trazos característicos do galego central ourensán (unhos; il; iste, ise, aquil; eiquí; maus).
  3. Fidelidade á lingua popular (da iauga; iñoto; piedá; olláime, faláime; pra).

Á parte do emprego dalgún castelanismo e hiperenxebrismo, cómpre salientar a introdución que fai Ferreiro dalgúns campos léxicos pouco comúns na poesía galega daquel tempo, como os relacionados cos ámbitos urbanos ou con terminoloxías burocráticas ou tecnolóxicas.

Edicións e traducións editar

Edicións en galego editar

O libro foi incluído na Biblioteca Básica da Cultura Galega da Editorial Galaxia, na Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia e na Biblioteca Galega 120 de La Voz de Galicia.

En 2021 Xerais publicou unha edición ao coidado de Ramón Nicolás. ISBN 978-84-9121-937-8.[8]

Traducións editar

  • Ao castelán hai varias traducións:
    • En 1967 por Basilio Losada unha edición bilingüe co título de Longa noite de pedra/Larga noche de piedra publicada por Los libros de la Frontera, colección El Bardo.
    • En 1978 outra edición bilingüe co título de Longa noite de pedra/Larga noche de piedra publicada pola Editorial Akal[9].
    • En 2007 por Moisés Barcia Rodríguez e Penélope Pedreira Rodríguez co título de Larga noche de piedra publicada por Rinoceronte Editora[10].
    • En 2012 por Ramón Nicolás outra edición bilingüe co título de Longa noite de pedra/Larga noche de piedra publicada por Auga Editora[11].
  • Ao italiano en 1985 por M. Francisca Cruz unha escolma co título de Celso Emilio, dieci poesie, publicada pola Università degli studi di Trieste[12].
  • Ao inglés en 2012 por Jack Hill co título de Long Night of Stone publicada por Small Stations Press, Col. Galician Classics[13].

Notas editar

  1. "Ficha do libro na web de Edicións Xerais". Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2012. Consultado o 30 de agosto de 2010. 
  2. Alonso Montero, Xesús (1989). "A poesía civil de Celso Emilio Ferreiro". Encrucillada - Revista galega de pensamento cristián (62): 106. 
  3. Navaza, G. (1992). Introdución en Ferreiro, C. E. Longa noite de pedra, 2ª ed., Edicións Xerais, páxs. 27-34
  4. Ferreiro, C. E. Longa noite de pedra, 2ª ed., Edicións Xerais, páx. 152
  5. Ferreiro, C. E. Longa noite de pedra, 2ª ed., Edicións Xerais, páx. 79
  6. Ferreiro, C. E. Longa noite de pedra, 2ª ed., Edicións Xerais, páx. 57
  7. Navaza, G. (1992). Introdución en Ferreiro, C. E. Longa noite de pedra, 2ª ed., Edicións Xerais, páx. 37
  8. "Ficha do libro Editorial Xerais". www.xerais.gal. Consultado o 2021-09-07. 
  9. Ficha Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine. en BiTraGa.
  10. Ficha Arquivado 19 de abril de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
  11. Ficha Arquivado 19 de abril de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
  12. Ficha Arquivado 19 de abril de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
  13. Ficha Arquivado 19 de abril de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar