Locucións galegas sobre o cabalo

Ter forza coma un cabalo
  • A cabaleiro: montado sobre as costas doutro. Tamén se di ó cabaleiro [1].
  • A cabaliño: ver a cabaleiro.
  • A cabalo, de cabalo: montando sobre un cabalo [2].
  • Agora que ten poldro, parece outro: aplícase ó presumido.
  • A uña de cabalo: fuxir a todo correr [2][3].
  • Alma de cabalo: dise dunha persoa que fai o mal sen sentir escrúpulos [4].
  • Andar polos pés dos cabalos: dise das cousas que son tan baratas que ninguén as aprecia.
  • Arrancada de cabalo e parada de burro: dise dos que acometen un traballo con moito ímpeto para abandonalo ó pouco.
  • Bailar como un cabalo: dise da muller que brinca máis do debido ó bailar.
  • Bate-lo cabalo: ferilo coas esporas para que apure máis.
  • Cabalo de batalla: o punto principal dunha controversia, o argumento principal que se repite continuamente [2][5].
  • Caer/ cair da súa besta en baixo: Facerse cargo dunha cousa e ceder ante quen sostén o contrario, recoñecendo o erro [6].
  • Camiño de ferradura: dise do camiño que resulta apto para andar a cabalo pero non para carros.
  • Coma o cabalo do mesquiño, farto de auga, mal mantido e ben corrido: dise de quen é tratado mal, que non se lle dá nada pero que se lle esixe moito.
  • Como poldros: dise das persoas inquietas, nada xuízosas, especialmente dos rapaces [7].
  • Dar unha no cravo e outra na ferradura.
  • Ergue-los candeeiros: bota-las cabalarías as patas traseiras por alto para dar couces.
  • Estar a dente como egua galega: pasar fame e penalidades.
  • Ida sen volta, coma os poldros á feira.
  • Levar ás cabaliñas/ ó cabalete: levar sobre os ombros.
  • No cabalo de san Francisco: a pé; corre cos verbos andar, ir, etc.[2].
  • Non deixarse ferrar sen aceal: dise do que non obedece, ou das mozas que non se deixan meter man.
  • Non ser besta cega: dise de quen non ten un pelo de parvo [8].
  • Ó cabaleiro, ó cabaliño: ver a cabaleiro.
  • Ollos de cabalo: ollos saíntes e empenados.
  • Pasar de cabalo regalado a cabalo barrufeiro: dise cando se cae da prosperidade á desgraza [2].
  • Pasar [algo a alguén] por vez coma o fachuco ao cabalo: pasar unha cousa por outra sen que valla o mesmo, servir unha cousa por outra, conformarse cunha cousa peor da que se esperaba.
  • Sempre foi un besta!: dise de quen é un groseiro, rudo, burrán [8].
  • Ser unha besta negra: dise da persoa ou cousa que constitúe a principal dificultade para algo [9].
  • Ser máis besta que un burro: indica a ignorancia en grado sumo.
  • Ser unha besta brava/ ser unha besta do monte: dise da persoa groseira e ruda.
  • Ser unha moza como unha poldra.
  • Sopas de cabalo canso/cansado: pan mollado en viño, xeralmente tinto.
  • Ter forza coma un cabalo.
  • Ter un cabalo no pescozo: sufrir unha contractura no pescozo [10]. Tamén, ter un cabaleiro.

Notas editar

  1. Eladio Rodríguez González, s. v. cabaleiro.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Eladio Rodríguez González, s. v. cabalo.
  3. Real Academia Galega 1913, s. v. cabalo.
  4. Juan Sobreira Salgado: Papeletas.
  5. Real Academia Galega 1913.
  6. Juan Sobreira Salgado: Papeletas. No orixinal: Caer ou cair da sua besta en bayxo.
  7. Eladio Rodríguez González, s. v. poldro.
  8. 8,0 8,1 Eladio Rodríguez González, s. v. besta.
  9. Real Academia Galega: Dicionario.
  10. Constantino García González.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar