Literatura anglosaxoa

A literatura anglosaxoa (ou literatura en inglés antigo) abarca a literatura escrita en anglosaxón (inglés antigo) durante os seiscentos anos de período anglosaxón na Gran Bretaña, dende a metade do século V ata a Conquista Normanda de 1066. Estes traballos inclúen xéneros tales como a poesía épica, haxiografía, sermóns, traducións da Biblia, traballos legais, crónicas, adiviñanzas e outros. Entre todos forman unha escolma de catrocentos manuscritos do período, un importante corpus para a investigación especialista e de interese popular.

Páxina inicial da Crónica de Peterborough, probablemente escrita darredor do 1150, é unha das principais fontes da Crónica Anglosaxoa.

Algúns dos traballos máis importantes deste período inclúen o poema Beowulf, que conseguiu o status de épica nacional na Gran Bretaña. A Crónica Anglosaxoa é unha escolma dos acontecementos máis importantes da historia temperá inglesa. O poema Cædmon's Hymn do século VII é un dos textos máis vellos escritos en inglés.

A literatura anglosaxoa pasou por diferentes períodos de investigación. No século XIX e a comezos do século XX a investigación centrábase nas raíces xermánicas do inglés, posteriormente fíxose fincapé nos méritos literarios, e hoxe a investigación está centrada na paleografía e nos propios manuscritos físicos: os filólogos debaten asuntos como a datación, lugar de orixe, autoría, e as conexións entre a cultura anglosaxoa e o resto de Europa na Idade Media.

Os textos máis antigos en inglés datan do século V d.C e son de carácter epigráfico. Trátanse de pequenas inscricións escritas co alfabeto rúnico anglosaxón ou fuþorc e sen intencións literarias. O alfabeto latino foi introducido polos primeiros misioneiros cristiáns e canda el o cultivo literario do inglés. Os primeiros traballos literarios datan do século VII d.C e foron escritos nos diferentes dialectos anglosaxóns: os dialectos anglos de Mercia e Northumbria e os dialectos saxóns de Wessex e Kent, actualmente coñecidos como (inglés antigo). A tradición oral era o método de transmisión literaria nas sociedades anglosaxoas, cumprindo unha importante función a figura do scope ou poeta que, cultivado no coñecemento da historia e a lei, viaxaba dunha tribo a outra transmitindo cancións, lendas, poemas e outro tipo de informacións. A súa función social máis importante era a de perpetuar valores heroicos como a lealdade, a forza ou a coraxe a través das súas composicións literarias. Coa chegada do cristianismo e tras a súa aceptación polos líderes anglosaxóns construíronse numerosos mosteiros por toda Inglaterra nos que os primeiros cristiáns recolleron en manuscritos a literatura oral anglosaxoa, incorporando aos textos alusións ao cristianismo coa intención de predicaren a súa doutrina.

Lírica editar

Principalmente foron cultivados catro xéneros: a poesía épica, a poesía elexíaca, a poesía gnómica, e en menor medida, a prosa por mor de ser o latín a lingua da Igrexa. Os catro xéneros forman parte do rico corpus da literatura anglosaxoa que se agrupa en catro manuscritos principais:

Dentro da poesía épica destaca o poema coñecido, que non titulado, como "Beowulf". Trátase do primeiro poema épico escrito nun dialecto anglo por volta do século VI ou VII d.C. nalgunha corte cristiá ou mosteiro de Mercia ou Northumbria. A autoría do texto é anónima. Só se especula coa posibilidade de que o autor fose un cristián debido ás numerosas alusións relixiosas que se atopan no texto. O tema principal está centrado na figura de Beowulf, clásico heroe xermánico, que derrota dous inimigos mortais: Grendel e a súa nai. Beowulf é finalmente derrotado por un dragón e o poema remata traxicamente. O texto está escrito dende un punto de vista documental. Esta composición poética recolle simbolicamente a batalla entre os anglosaxóns e os viquingos no ano 991. Beowulf representa o pobo anglosaxón loitando honorablemente ata o derradeiro momento.

Him þa ellenrof andswarode,

wlanc Wedera leod word aefter spraec,
heard under helme: 'We synt Higelaces
beodgeneatas; Beowulf is min nama.
Wille Ic asecgan sunu Healfdenes,
maerum þeodne, min aerende,
aldre þinum, gif he us geunnan wile
þaet we hine swa godne gretan moton.

Wulfgar maþelode -þaet waes Wendla leod;

waes his modsefa manegum gecyðed,
wig ond wisdom: 'Ic þaes wine Deniga,
frean Scildinga, frinan wille,
beaga bryttan, swa þu bena eart,
þeoden maerne, ymb þinne sið,
ond þe þa andsware aedre gecyðan
ðe me se goda agifan þenceð.

-- "Beowulf", liñas 340-355.

A poesía épica e elexíaca anglosaxoas constitúense formalmente a través da liña anglosaxoa, que consiste na división do verso en dúas metades separadas por unha cesura ou pausa; e o verso aliterativo, que consiste na repetición de sons consonánticos nas sílabas semanticamente máis importantes. Esta estrutura dálle unidade a cada liña, dálle ritmo ao poema e faino máis sinxelo de lembrar, tendo en conta que esta literatura transmitíase de maneira oral. A maioría dos textos son anónimos e, malia a súa temperá produción, a literatura anglosaxoa presenta unha ampla riqueza estilística. Destacan entre estes recursos os "kenning", que consisten en locucións poéticas compostas que substitúen o nome usual dunha persoa ou dun obxecto.

Exemplo dun kenning no poema elexíaco "The Wanderer" (O errante):

Orixinal anglosaxón:

Swa cwaeð eardstapa, earfeþa gemyndig,
wraþra waelsleathta, winemaega hryre:

Tradución:

Así falou o errante, mente chea de sufrimentos,
das crueis batallas, as mortes dos familiares:

-- "The Wanderer", liñas 5-6.

A unión da palabra eard (terra) con stapa (camiñante) forma un kenning que alude ao título do poema.

Canda á poesía épica é a poesía elexíaca o outro xénero literario máis cultivado durante o período anglosaxón. A poesía elexíaca anglosaxoa expón a filosofía fatalista da súa civilización. O ton dos poemas acada un nivel altamente melancólico resaltando sentimentos como a soidade, o abandono, a inseguridade, o exilio e o sufrimento. O patrón tende a ser sempre o mesmo: a voz lírica lamenta a desaparición dun glorioso pasado e adopta unha postura de resignación. Resultan poemas moi persoais nos que se afonda nos sentimentos dos personaxes.

Entre os poemas elexíacos anglosaxóns cabe destacar os seguintes que se encontran no Libro de Éxeter:

  • "The Wanderer" (O errante), trátase dun poema de soidade, exilio e sufrimento no que se atopa a figura dun home solitario que perdeu a protección do seu Lord. O poema remata cun parágrafo onde se expón unha filosofía de vida cristiá que dá solución aos seus problemas. Probablemente, este derradeiro parágrafo do poema foi introducido polo escritor anónimo cristián e non estaría presente na versión oral orixinal do poema.
  • "The Seafarer" (O mariñeiro), consiste nun monólogo que relata os sentimentos dun vello guerreiro e mariñeiro anglosaxón. A voz lírica expón dun xeito moi dramático os seus sufrimentos no mar e contrástaos cos praceres da vida na terra. Este poema é o máis evocador dos poemas curtos escritos en inglés antigo.
  • "The Deor's Lament" (O lamento de Deor), comeza nomeando varios heroes de orixe xermánica e relata os seus problemas e o seu sufrimento. Logo desta introdución comeza a narrar a súa propia historia. Deor era un exitoso poeta que foi substituído por outro e lamenta a perda desta posición social privilexiada.
Maeg Ic be me syfum soðgied wrecam,

siþas secgan, hu Ic geswincdagum
earfoðhwile oft þrowade. Brite breostceare gebiden haebbe, gecunnad in ceole cearselda fela, atol yþa gewealc, þaer mec oft bigeat nearo nihtwaco aet nacan stefnan þonne he be clifum cnossað.

Calde geþrungen

waeron mine fet, forste gebunden caldum clommum, þaer þa ceare seofedun hat ymb heortan. Hungor innan slat merewerges mod. þaet se mon ne wat þe him on foldan faergrost limpeð:

-- "The Seafarer", liñas 1-13.

Prosa editar

Finalmente, con respecto á prosa, en inglés antigo non se escribiu moita por mor de ser o latín a lingua oficial da Igrexa. Cabe facer mención á Crónica Anglosaxoa (Anglo-Saxon Chronicle) escrita polo rey Alfred o Grande e o seu círculo de eruditos. Este códice consiste nun arquivo anual dos acontecementos históricos e culturais máis importantes de Inglaterra dende a antigüidade ata os seus propios días. Data do século IX e, analizando o dialecto empregado para a narración, pénsase que foi escrito en Wessex.