A listeriose é unha denominación xenérica dun grupo de enfermidades de orixe alimentaria causadas por distintas especies do xénero Listeria, sendo a L. monocytogenes a máis frecuente e característica.

Listeriose
Clasificación e recursos externos
Microfotografía electrónica de Listeria monocytogenes
ICD-10A32
ICD-9027.0
DiseasesDB7503
MedlinePlus001380
eMedicinemed/1312 1319
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Etioloxía editar

As listerias son bacterias grampositivas, flaxeladas, anaerobias facultativas. A L. monocytogenes está presente no aparato dixestivo humano e non se valorou suficientemente a súa patoxenicidade ata finais do século XX. Tamén está presente habitualmente no medio ambiente (home e animais domésticos e silvestres, auga, vexetais e no chan).

Unha particularidade da Listeria que a fai especialmente perigosa é a súa capacidade de crecer a baixas temperaturas (4-6 °C), polo que non é inhibida polos sistemas de conservación habituais nos alimentos: sobrevive e multiplícase sen problemas a temperaturas de refrixeración. Polo contrario, os tratamentos térmicos culinarios ou na elaboración de conservas destrúen a bacteria.

Patoxenia editar

A transmisión prodúcese por contaminación fecal dos alimentos ou dos útiles e superficies empregados na manipulación dos alimentos. Crece tamén nas superficies máis agochadas das máquinas utilizadas na industria alimentaria, nas paredes e esquinas das cámaras de conservación e nos canos de condución de auga.

Entre os alimentos potencialmente susceptibles de estar contaminados por listerias destacan o leite e os produtos lácteos, os peixes e mariscos, as aves de curral (e ovos e derivados), as hortalizas e as verduras.

O consumo de calquera destes alimentos en cru ou tras un cociñado lixeiro, é dicir, sen un tratamento térmico suficiente (superior a 65 °C) contribúe á difusión da enfermidade. É o caso dos queixos frescos, os patés ou o peixe cru. Outro factor predispoñente é a limpeza inadecuada dos produtos vexetais.

Cadro clínico editar

A listeriose ten un período de incubación moi irregular, desde unha a varias semanas. A enfermidade maniféstase con febre, dores musculares e, ocasionalmente, náuseas e diarrea. Existe unha forma nerviosa que cursa con cefalea, confusión, alteracións motoras e perda do equilibrio.

No caso das mulleres embarazadas adquire unha especial perigosidade xa que, aínda que elas manifestan normalmente síntomas semellantes ós dunha gripe, a infección do feto pode causar malformacións, un parto prematuro ou a morte do neonato.

A mortalidade global por causa da listeriose en adultos estímase entre o 33 e o 62%.

En 2011 diagnosticáronse 115 casos en España [1].

Notas editar

  1. Centro Nacional de Epidemiología. Instituto de Salud Carlos III: Resultados de la vigilancia epidemiológica de las enfermedades transmisibles. Informe anual 2011. Madrid 2013 .

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar