A lingua ojibwa ou anishinaabemowin (ᐊᓂᔑᓈᐯᒧᐎᓐ no silábico do ojibwa oriental) é o segundo máis falado dos idiomas amerindios no Canadá (tralo cree), e o terceiro máis falado en norteamérica (tralo navajo e o cree).[2] Fálano os anishinaabe: un grupo composto dos algonquinos, os nipissing, os ojibwa, os saulteaux, os mississaugas, e os ottawa. Unha lingua moi estreitamente relacionada, e frecuentemente incluída nese grupo, son o anishininimowin e o potawatomi. Debido ao seu papel de grande importancia no comercio de pel cos franceses, a lingua anishinaabe converteuse no idioma de comercio na rexión ao redor dos Grandes Lagos, e por centos de anos tivo unha presenza moi importante no norte dos Estados Unidos e no Canadá.

Ojibwa
Anishinaabemowin
ᐊᓂᔑᓈᐯᒧᐎᓐ
Outros nomes:Chippewa
Falado en: Canadá e Estados Unidos de América (Montana)
Rexións: Ontario, Manitoba, e até Saskatchewan, con grupos periféricos tan lonxe cara ao oeste como Columbia Británica; nos Estados Unidos, dende Alto Míchigan cara ao oeste a Dacota do Norte
Total de falantes: 44.000 (citados entre 1990–2001)
Familia: Álxico
 Algonquino
  Ojibwa–Potawatomi
   Ojibwa
Escrita: Alfabeto latino, alfasilabarios nativos canadenses
Códigos de lingua
ISO 639-1: oj
ISO 639-2: oji
ISO 639-3: oji
Mapa
Status

O ojibwa está clasificado como en perigo severo polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

Clasificación editar

Anishinaabemowin, a miúdo chamado "o idioma ojibwa", é unha lingua algonquina, da familia álxica, e descende do idioma proto-algonquina. As súas irmás inclúen os idiomas blackfoot, cheién, cree, fox, menominee, potawatomi, e shawnee. A familia álxica consta das linguas algonquinas e as linguas chamadas ritwan, wiyot e yurok.

A miúdo o ojibwa clasifícase como lingua algonquina central; con todo o algonquino central é un agrupamento xeográfico máis que un grupo xenético. Entre as linguas algonquianas, soamente as linguas orientais constan un subgrupo xenético verdadeiro. Este artigo trata principalmente do dialecto do ojibwa suroeste que se fala no norte dos Estados Unidos, ao redor de Minnesota e Wisconsin. Por iso, algunhas das descricións que se dan aquí non serán necesariamente correctas para outros dialectos do idioma ojibwa, a menos que se dea un exemplo específico.

Distribución xeográfica editar

A lingua ojibwa fálase por aproximadamente 10.000 persoas nos Estados Unidos e ata 45.000 no Canadá, o que significa que é unha das linguas álxicas máis grandes, en canto ao número de falantes. Os distintos dialectos fálanse no norte de Montana, o norte de Dacota do Norte, o norte de Minnesota, o norte de Wisconsin, Míchigan, e Indiana nos Estados Unidos, e ao norte ata o leste da Columbia Británica, o sur de Alberta, o sur de Saskatchewan, o sur de Manitoba, Ontario, e o medio e o oeste do Quebec no Canadá.

Dialectos editar

Hai varios dialectos do ojibwa bastante diverxentes. Os máis importantes son:

  • Nipissing e algonquino (anicinàbemowin/omàmiwininimowin)
  • Ojibwa llaneño (saulteaux/bungee) (anihšināpēmowin/nakawēmowin)
  • Ojibwa oriental (mississaugas)
  • Ojibwa setentrional (ojibwa do noroeste/saulteaux de Ontario)
  • Odaawaa (ottawa) (nishnaabemwin/jibwemwin/daawaa)
  • Ojibwa severn (oji-cree/ojibwe setentrional) (anishininiimowin), e
  • Ojibwa do suroeste (chippewa/chipeva) (anishinaabemowin/ojibwemowin).

Algúns opinan que o algonquino non é un dialecto do grupo ojibwa, senón unha lingua distinta que está moi estreitamente relacionada ao mesmo, pero outros din que si é un dialecto do anishinaabemowin. Igualmente, algúns din que o potawatomi é un dialecto do anishinaabemowin aínda que outros din que é unha lingua distinta.

Fonoloxía editar

As linguas do grupo ojibwa en xeral teñen 18 consoantes. As obstruintes teñen un contraste que a miúdo se chama "lenis/fortis", no que os obstruintes escritos como consoantes xordas pronúncianse máis fortes, máis longas de duración, e frecuentemente con aspiración ou preaspiración, mentres que eses escritos coma consoantes sonoras pronúncianse menos fortes, e máis curtos de duración. Con todo, en moitas comunidades a distinción converteuse nunha de consoantes xordas e sonoras.

Hai tres vogais breves, /i a o/, e tres vogais longas correspondentes, /iː aː oː/, e ademais unha cuarta vogal longa que non ten unha vogal curta correspondente, /eː/. As vogais breves tamén son distintas das vogais longas con respecto á calidade, e fonéticamente están máis preto de [ɪ], [ə]~[ʌ], e [o]~[ʊ]. Moitos falantes pronuncian /oː/ coma [uː], e tamén moitos pronuncian /eː/ coma [ɛː]. Ademais, hai vogais nasais, pero son bastante infrecuentes.

En canto ao acento, o idioma ojibwa divide as palabras en "pés metricais", e cada pé ten unha sílaba "forte" e (se dura dúas sílabas) unha sílaba "débil." Tódalas sílabas fortes reciben polo menos tensión secundaria. En xeral, a sílaba forte que hai no terceiro pé desde o final dunha palabra recibe a tensión principal. En moitos dialectos, vogais que non teñen tensións a miúdo pérdense, ou cambian de calidade.

Gramática editar

Como moitos idiomas indíxenas, o idioma anishinaabe é polisintético, o que significa que ten moita síntese e unha gran cantidade de morfemas nunha soa palabra. É unha lingua aglutinante, así que constrúe as súas palabras engadindo morfema tras morfema, no canto de ter poucos afixos, cada un dos cales que leva moita información.

Hai unha distinción entre dous tipos da terceira persoa, o "próximo" (a terceira persoa dunha oración que se supón que sexa a máis importante ou enfocada), e o "obviativo" (a terceira persoa que se supón que sexa menos importante ou enfocada). O nome pode ser singular ou plural, e hai dous xéneros, animado ou non animado. Existen distintos pronomes persoais, pero como en espalol ou galego, normalmente úsase só por énfase. Os pronomes distinguen entre a primeira persoa do plural inclusiva e exclusiva.

A categoría de palabras máis complicada son os verbos. Os verbos declínanse pola súa orde (o indicativo; o conxuntivo, similar ao subxuntivo en español, e que soamente se usa en oracións subordinadas; e o imperativo), por polaridade (negativo ou afirmativo), e pola persoa, número, animación, e posición de aproximado/obviativo tanto do seu suxeito como do seu obxecto, e tamén por algúns modos diferentes (que inclúen o dubitativo e pretérito) e tempos.

Vocabulario editar

Aínda que hai algunhas palabras no idioma ojibwa que veñen do inglés (gaapii, "café", de coffee; maam(aa), "nai", de mom) e do francés (naapaane, "a fariña", de la farine; ni-tii, "o té", de le thé), en xeral, a lingua é notable pola súa falta de palabras de orixe estranxeira. No seu lugar, os falantes prefiren crear palabras para novos conceptos usando vocabulario que xa existe. Por exemplo, en ojibwemowin, "avión" é bemisemagak, literalmente "cousa que voa" (de bimisemagad, "voar"), e "pila" dise ishkode-makakoons, literalmente "caixiña de fogo" (de ishkode, "fogo", e makak, "caixa"). Ata "café" chámase makade-mashkikiwaaboo ("medicina de líquido negro") por moitos falantes, no canto de gaapii.

Escrituras editar

Escríbese ojibwemowin usando un silabario, que foi inventado probablemente polo misioneiro James Evans ao redor de 1840 e que el baseou na Taquigrafía Pitman. Nos Estados Unidos de América a lingua normalmente escríbese fonéticamente con caracteres latinos. O silabario xeralmente úsase no Canadá. O alfabeto máis novo que usa caracteres latinos é o "Sistema de Vogais Dobres" concibido por Charles Fero. Aínda que polo de agora non hai unha ortografía estándar, o Sistema de Vogais Dobres vólvese máis e máis popular entre educadores dos Estados Unidos e o Canadá, debido ao seu fácil manexo.

Sistema de vogais dobres editar

O sistema de vogais dobres consiste en tres vogais breves, catro vogais longas, 18 consoantes e un nasal, representadas cos seguintes caracteres

a aa b ch d e g ' h i ii j k m n ny o oo p s sh t w y z zh

Este sistema chámase o sistema de "Vogais Dobres" porque as vogais longas que corresponden ás vogais breves <a>, <i> y <o> escríbense dobres: <aa>, <ii> e <oo>. Neste sistema, escríbese a nasal "ny" como "nh" se termina a palabra. Os grupos consonánticos permitidos son <mb>, <nd>, <ng>, <n'>, <nj>, <nz>, <ns>, <nzh>, <sk>, <shp> e <shk>.

Exemplos editar

Este texto en ojibwemowin tómase con permiso das primeiras catro liñas de Niizh Ikwewag, un conto escrito orixinalmente por Earl Nyholm, na páxina web do profesor Brian Donovan da Universidade Estatal de Bemidji (Minnesota):

Texto editar

  1. Aabiding gii-ayaawag niizh ikwewag: mindimooyenh, odaanisan bezhig.
  2. Iwidi Chi-achaabaaning akeyaa gii-onjibaawag.
  3. Inashke naa mewinzha gii-aawan, mii eta go imaa sa wiigiwaaming gaa-taawaad igo.
  4. Mii dash iwapii, aabiding igo gii-awi-bagida'waawaad, giigoonyan wii-amwaawaad.

Tradución editar

  1. Unha vez, había dúas mulleres: unha vella, e unha das súas fillas.
  2. Eran de alá, cara a Inger.
  3. Bo, ves, facía moito tempo; elas soamente vivían alá nun wigwam.
  4. E entón, alá naquel tempo, unha vez pescaron; pensaban comer peixe.

Glosa editar

Aabiding gii-ayaawag niizh ikwewag: mindimooyenh, odaanisan bezhig.
aabiding gii- ayaa -wag niizh ikwe -wag mindimooyenh, o- daanis -an bezhig.
unha vez PAS- estar nun lugar -3PL dous muller -PL vella, 3SG.POS- filla -OBV unha.
Unha vez estaban nun lugar dúas mulleres: vella, súa filla unha.
Iwidi Chi-achaabaaning akeyaa gii-onjibaawag.
iwidi chi- achaabaan -ing akeyaa gii- onjibaa -wag.
alá grande- corda de arco -LOC por alá PAS- vir de -3PL.
Alá en Inger
(lit: no [o río da] Corda de Arco Grande)
por alá de alá víñan.
Inashke naa mewinzha gii-aawan, mii eta go imaa sa wiigiwaaming gaa-taawaad igo.
inashke naa mewinzha gii- aawan mii eta go imaa sa wiigiwaam -ing gaa- daa -waad igo.
ves entón fai moito tempo PAS- haber así soamente ENF ENF wigwam -LOC PAS.CONJ- vivir -3PL.CONJ ENF.
Ves entón fai moito tempo era que, soamente así nun wigwam que viviran naquel entón.
Mii dash iwapii, aabiding igo gii-awi-bagida'waawaad, giigoonyan wii-amwaawaad.
mii dash iw- -apii aabiding igo gii- awi- bagida'waa -waad, giigoonh -yan wii- amw -aawaad.
é que CONTR eso- -logo unha vez ENF PAS- ir e- pescar cunha rede -3PL.CONJ peixe -OBV DESD- comer -3PL/OBV.CONJ
E entón logo, unha vez naquel entón que foran e pescaran cunha rede eses peixes que elas vaian a comelos

Abreviaturas:

3 terceira persoa
SG singular
PL plural
PAS Pretérito imperfecto
POS posesivo
OBV obviativo
LOC locativo
ENF partícula enfática
CONJ orde modo subxuntivo
CONTR contraste
FUT futuro
DESD desiderativo

Notas editar

  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. Ou o cuarto, diferentes fontes non están de acordo.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Mithun, Marianne. 1999. The Languages of Native North America. Cambridge: University Press.
  • Nichols, John D. e Earl Nyholm. 1995. A Concise Dictionary of Minnesota Ojibwe. Minneapolis: University of Minnesota Press.
  • Picard, Marc. 1984. On the Naturalness of Algonquian ɬ. International Journal of American Linguistics 50:424-37.
  • Rhodes, Richard A. 1985. Eastern Ojibwa-Chippewa-Ottawa Dictionary. Berlin: Mouton de Gruyter.
  • Valentine, J. Randolph. 2001. Nishnaabemwin Reference Grammar. Toronto: University of Toronto Press.

Ligazóns externas editar