En Botánica, denomínase laticífero a unha estrutura que segrega látex, un líquido mesto, cremoso, xeralmente de aspecto branco-leitoso (como en Euphorbia) ou outras veces transparente (como en Allium) ou coloreado (amarelo en Argemone). A función dos laticíferos non está clara, pero podería ser un sistema interno de excreción, ou de defensa. A secreción é intracelular. A natureza do látex é moi variada; a matriz acuosa pode conter carbohidratos, ácidos, sales, alcaloides, lípidos, taninos, mucilaxes, gomas, proteínas, vitaminas, grans de amidón, cristais etc.

Látex de Euphorbia.
Extracción de látex dunha árbore de Hevea brasiliensis (árbore do caucho).

Hai laticíferos nun xénero de Pteridophyta (Regnellidium) e nunhas 12.500 especies de 900 xéneros de dicotiledóneas e monocotiledóneas. Son característicos de varias familias, tales como: Asclepiadaceae, Apocynaceae, Caricaceae, Euphorbiaceae e Papaveraceae.

Os laticíferos liberan o látex ao cortalos, xa que están turxentes e en equilibrio osmótico co parénquima que os rodea, e flúen cara a zona do corte, onde se perdeu a turxencia.

Distribución na planta editar

Xeralmente están distribuídos por toda a planta, pero poden quedar limitados a certos tecidos. Son moi freceuntes nos talos, pero tamén nas follas, e algunhas veces poden aparecer na raíz e froitos.

Nos laticíferos non artículados xeralmente os tubos principais están na parte externa do cilindro vascular, pero poden ramificarse á medula, cótex e chegar á epiderme. Nas follas seguen os tecidos vasculares e ramifícanse no mesofilo ata a epiderme.

Os laticíferos articulados están asociados ao floema. Aos pelos epidérmicos dos invólucros florais das cicoriáceas chegan laticíferos. Os laticíferos de Papaver somniferum están asociados ao floema e desenvólvense tamén no mesocarpo do froito, de onde se extrae o seu látex (opio). En monocotiledóneas como Musa están asociados ao tecido vascular e tamén no córtex, pero en Allium están separados do tecido vascular e están preto da superficie de follas e escamas.

Clasificación editar

Son un grupo moi heteroxéneo, non só desde o punto de vista metabólico, senón tamén desde o punto de vista da súa anatomía e ontoxenia. Clasifícanse en dous tipos: os que están feitos dunha soa célula, que se chaman non articulados, e os que están formados por moitas células, denominados articulados.

Laticíferos non articulados editar

Son células normalmente moi longas, estendidas desde a raíz ás follas, xeralmente en tecidos parenquimáticos, aínda que poden atravesar o xilema e floema. En Ficus poden chegar ata a cutícula. As súas paredes son celulósicas, con hemicelulosas e substancias pécticas. Frecuentemente son multinucleadas, e manteñen un metabolismo activo mentres os tecidos que as rodean permanezan vivos. O citoplasma forma unha delgada capa parietal, que pode conter grans de amidón de diversas formas. Necesitan permanecer vivas para poder crecer e invadir novos tecidos. O látex está nun gran vacúolo central ou en varios; a secreción é écrina. Nalgunhas especies os laticíferos son non ramificados: Cannabis (Moraceae), Urtica (Urticaceae), Vinca (Apocynaceae). O ápice das células chega ata a veciñanza dos meristemas, e decote invade os tecidos acabados de formar, por crecemento intrusivo. Xeralmente non presentan comunicacións intercelulares. Unha vez instaladas nos tecidos, o seu crecemento é simplástico co resto das células. Noutras especies os laticíferos son ramificados, formando unha extensa rede: Asclepiadaceae, Ficus (Moraceae), Nerium (Apocynaceae), Euphorbia e Jathropha (Euphorbiaceae). En Asclepias syriaca e Nerium oleander comprobouse que os laticíferos conteñen pectinase; crese que este encima se excreta nos ápices da célula, para abrandar a lámina media da parede celular nos tecidos que serán invadidos. As células iniciais destes laticíferos pódense ver xa no embrión, como en Cryptostegia, Nerium oleander e Euphorbia. Nalgunhas plantas fórmanse novas iniciais en tecidos novos; así unha planta adulta terá máis laticíferos ca unha plántula.

Laticíferos articulados editar

Son cadeas de células laticíferas, conectadas entre si. En Allium cada célula conéctase coas veciñas por plasmodesmos; noutros casos como en Musa hai verdadeiras perforacións na parede común, de maneira que o laticífero maduro se parece a un vaso do xilema. Cando a parede terminal está completamente ocupada pola perforación pódense confundir con laticíferos non articulados. En moitos laticíferos articulados, o protoplasma dexenera no estadio final de desenvolvemento, ou sexa que a secreción é holócrina. Nalgunhas especies, os laticíferos son articulados non anastomosados, como en Allium (Alliaceae), Musa (Musaceae), Manilkara zapota (Sapotaceae), Ipomoea (Convolvulaceae). O seu desenvolvemento ten lugar pola continua desdiferenciación de células parenquimáticas en células laticíferas nos extremos. A medida que as novas células se diferencian en laticíferas fórmanse as perforacións que as comunican coas células máis vellas. Primeiro, a parede transversal primaria engrosa e incha, logo disólvese a lámina media, e por último establécese unha verdadeira perforación que comunica o citoplasma das dúas células veciñas.

Noutras especies os laticíferos son articulados anastomosados, porque os laticíferos se fusionan uns con outros, formando unha rede tridimendional que atravesa a planta enteira: Argemone, Papaver (Papaveraceae), Carica (Caricaceae), Cichorium, Lactuca, Taraxacum kok-saghyz (Compositae), Hevea, Manihot (Euphorbiaceae). A fusión entre laticíferos veciños ocorre tamén por diferenciación de células parenquimáticas en laticíferas, formando unha ponte. En Hevea brasiliensis, a árbore da cal se extrae o caucho, os máis importantes están no floema e córtex. A extracción realízase por sangrado facendo cortes oblicuos cun coitelo especial, nun ángulo de máis ou menos 30°, de esquerda a dereita. O caucho está presente no citoplasma, en glóbulos complexos chamados lutoides, de 1-5 µm de diámetro e rodeados por unha membrana. Constitúe ata un 30% do látex de Hevea.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar