Land and Freedom

filme de 1995 dirixido por Ken Loach

Land and Freedom é un filme de 1995 dirixido por Ken Loach e escrito por Jim Allen. Obtivo o Premio Internacional da Crítica da FIPRESCI e o premio do Xurado Ecuménico en Cannes.

Land and Freedom
Ficha técnica
DirectorKen Loach
ProdutorRebecca O’brien
GuiónJim Allen
IntérpretesIan Hart, Rosana Pastor, Icíar Bollaín, Tom Gilroy, Marc Martínez, Frédéric Pierrot
MúsicaGeorge Fenton
FotografíaBarry Ackroyd
MontaxeJonathan Morris
Estrea1995
Duración109 minutos
OrixeInglaterra Inglaterra España España Alemaña Alemaña Italia Italia
Xénerodrama/bélica
Na rede
IMDB: tt0114671 Filmaffinity: 262389 Allocine: 12916 Rottentomatoes: m/land_and_freedom Mojo: landandfreedom Allmovie: v134658 TCM: 443412 Editar o valor em Wikidata

Narra a historia de David Carr, un desempregado membro do Partido Comunista de Gran Bretaña, que decide loitar no bando republicano na Guerra Civil española. A película está inspirada en Homage to Catalonia, libro de George Orwell no que narra a súa experiencia durante a Guerra Civil e a Revolución Española.

Sinopse editar

A narrativa do filme desenvólvese nun longo flashback. David Carr, xa ancián, morreu, e a súa neta descobre vellas cartas, periódicos e outros documentos na súa habitación: a trama da película son as vivencias de David.

Convencido da necesidade de axudar ós republicanos españois na súa loita contra os nacionais fascistas, Carr, un mozo traballador sen emprego e membro do Partido Comunista, deixa Liverpool e viaxa a Barcelona para unirse ás Brigadas Internacionais. Logo de cruzar a fronteira polos Pireneos acaba por casualidade alistado nunha milicia do POUM na fronte de Aragón. A súa milicia, formada por angloparlantes, está comandada por Lawrence, e nela como en tódalas milicias do POUM, homes e mulleres, como a nova e entusiasta Maite, loitan xuntos. Nas seguintes semanas e meses faise amigo doutros voluntarios estranxeiros, como o francés Bernard, e namora de Blanca, unha membro e ideóloga do grupo.

Tras ser ferido accidentalmente e recuperarse nun hospital de Barcelona, únese, como tiña previsto no plan orixinal e contra a opinión de Blanca, ás Brigadas Internacionais respaldadas polo goberno, e é testemuña de primeira man da propaganda stalinista e a represión exercida contra os membros do POUM e os anarquistas; regresa entón á fronte, á súa antiga compañía, onde son rodeados por unha unidade do goberno ordenado a súa rendición: nun breve enfrontamento Blanca é asasinada. Tralo seu funeral volve a Gran Bretaña cun pano vermello cheo da terra coa que enterraron a Blanca, terra que fora colectivizada polos habitantes da súa vila natal.

Finalmente a película volve ó presente, no funeral de Carr, no que a súa neta bota a terra dentro da súa tumba tras ler unhas liñas dun poema de William Morris. A continuación ela e outros membros da familia realizan un saludo socialista, suxerindo que Carr transmitiu as súas crenzas á súa familia.

Temas editar

A maior parte da crítica e espectadores advertiron as similitudes entre a historia narrada nesta película e a de Homage to Catalonia, o libro de George Orwell no que narra a súa propia experiencia como voluntario no continxente enviado polo Partido Laborista Independente, e que formou parte da milicia do POUM antes da supresión deste polo Partido Comunista, crecente en poder.

Un momento importante inspirado por feitos reais é a execución do cura dunha aldea por actuar en favor do bando fascista: rompeu o segredo de confesión, contando ós fascistas o lugar onde os anarquistas estaban ocultos e causando deste modo as súas mortes.

Segundo Ken Loach, a escena máis importante da película é o debate nunha asemblea que se leva a cabo nunha aldea liberada exitosamente pola milicia. Persoas do lugar onde foi rodada a película participaron nesta escena. Os habitantes da aldea expresan os seus pensamentos libremente (malia algunhas dificultades co idioma), discutindo se deben ser colectivizadas ou non as terras da aldea e as do cura recentemente fusilado. Un americano da milicia do POUM sostén que antes deben esforzarse por gañar a guerra, suxerindo que a colectivización e outras accións revolucionarias quizais obstaculicen eses esforzos. Menciona que se ditas accións e os slogans que as acompañan continúan, non conseguirán o apoio das democracias liberais como os Estados Unidos e Gran Bretaña ("Estádelos asustando", di). A necesidade dunha guerra e unha revolución de forma simultánea é expresada por un miliciano alemán, que di que "en Alemaña a revolución foi posposta e agora Hitler está no poder". Ó final os aldeáns votan a favor da colectivización, seguindo por tanto os pasos do camiño revolucionario. Nas zonas controladas por anarquistas e socialistas este tipo de expropiación da terra era común, xa que a guerra civil foi acompañada dunha revolución social.

Na escena anterior e ó longo da película, fálase tanto castelán como inglés e mesmo catalán. Carr chega a España sen saber nada de castelán, pero vai aprendendo gradualmente. A lingua franca da súa milicia é o inglés.

Os comunistas apoiados pola Unión Soviética e os demócratas republicanos opuxéronse á revolución social, e ó ir progresando a guerra tomaron como vantaxe o seu acceso a armas soviéticas para restablecer o control do goberno sobre o esforzo bélico, tanto a través da diplomacia como pola forza. Un feito histórico, a sanguenta loita entre republicanos e anarquistas para controlar o edificio de Telefónica en Barcelona, foi elixido por Loach como emblema deste conflito interno (véxase sucesos de maio). O desencanto progresivo de Carr comeza nesta loita sen sentido, que non é capaz de comprender, xa que se supuña que ámbolos dous grupos formaban parte do mesmo bando. En certo punto da película encóntrase custodiando o cuartel xeral do Partido Comunista en Barcelona, e entabla unha conversa en broma a través das barricadas coa oposición anarquista. Pregúntalle a un home de Manchester "Por que non estás aquí connosco?", ó que o anarquista responde coa mesma pregunta, e Carr di "Non o sei".

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar