LGBT

acrónimo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais
(Redirección desde «LGBTI»)

LGBT, ou LGTB,[1] é o acrónimo de "Lesbianas, Gais, Bisexuais e Trans".[2][3] O termo agrupa ás persoas coas orientacións sexuais e identidades de xénero relativas a estas catro verbas,[4] mais tamén pode chegar a referirse a calquera persoa que non sexa heterosexual, heterorromántica ou cisxénero. Existen outras variantes, coma LGBTQ, que engade unha nova letra para as persoas que se identifican coma queer,[5] ou que están cuestionando a súa identidade sexual ou de xénero, mentres que, LGBTA e LGBTI, por exemplo, engaden outra diferente para representar ás persoas asexuais e intersexuais, respectivamente. Esta tendencia a engadir letras para incluír novas comunidades e disidencias deu lugar ao emprego do signo da suma, converténdose así en LGBT+.[6]

A bandeira do arco da vella, que representa á comunidade LGBT.


A expresión tivo a súa orixe na lingua inglesa nos anos noventa, mais estas iniciais coinciden en varias falas, entre elas a galega. O termo é o resultado dunha evolución na que se lle foron engadindo letras co fin de incluír a diversas comunidades discriminadas pola súa identidade sexual. Nun principio, empregábase a expresión «homosexual» ou «gai», mais algunhas organizacións de persoas bisexuais e lesbianas cuestionárona como insuficiente, dando paso á creación da sigla «LGB». Logo de que as persoas transexuais fixeran unha crítica semellante, engadíuselle a letra «T», creando así o termo «LGBT». A orde das letras pode variar segundo o uso de cada comunidade ou de cada país.

Significado dos termos

editar

Cada termo da sigla refírese a un grupo específico: lesbianas (mulleres homosexuais), gais (homes homosexuais), bisexuais (persoas senten atraídas por persoas de ambos os dous sexos indistintamente) e transexuais (persoas que senten pertencer ao sexo oposto ao que naceron).

  1. "LGBT". The Free Dictionary. Consultado o 2024-03-04. 
  2. "Trans" pode refírese tanto ás persoas transexuais como ás persoas transxénero e travestís.
  3. "Definition of LGBT". www.merriam-webster.com (en inglés). Consultado o 2024-03-04. 
  4. "Definition of LGBT". Collins Dictionary. Consultado o 3 de marzo de 2024. 
  5. Queer pode ser tamén un sinónimo de LGBT.
  6. "Lesbian, Gay, Bisexual, Transgender, Queer, Intersex, Asexual Resource Center". UCDavis. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar