Krak des Chevaliers

O Krak des Chevaliers nome derivado dunha mestura de árabe e francés (en galego, fortaleza dos cabaleiros) é un castelo situado na actual Siria que foi a sede central da Orde do Hospital de San Xoán de Xerusalén en Siria durante a época das cruzadas. O castelo construírono os cruzados sobre un outeiro do deserto sirio coa fin de protexe-la ruta que unía a cidade siria de Homs (baixo dominio musulmán) con Trípoli, capital do condado do mesmo nome, na costa do Mediterráneo.

Krak des Chevaliers
parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade

Vista da fortaleza dende o outro lado do acantilado
Coordenadas34°45′25″N 36°17′41″L / 34.756944444444, 36.294722222222Coordenadas: 34°45′25″N 36°17′41″L / 34.756944444444, 36.294722222222
Estilo arquitectónico
editar datos en Wikidata ]

Historia e características editar

A fortaleza orixinal construíuna o emir de Alepo, capturouna Raimundo IV de Tolosa en 1099 durante a Primeira Cruzada, pero abandonouna cando os cruzados seguiron a súa ruta cara a Xerusalén. Foi reocupada por Tancredo, príncipe de Galilea en 1110. Raimundo II, conde de Trípoli, cedeulla ós cabaleiros hospitalarios en 1142. Durante o século e medio seguinte, os cabaleiros construíron unha impoñente fortaleza, a maior de Terra Santa, que resistiu polo menos doce asaltos por parte dos musulmáns.

 
Espazo entre os muros interno e externo e vista do outro lado do acantilado

O castelo construíuse en dúas etapas. Na primeira levantáronse os muros exteriores e un núcleo interior de pequenas edificacións cadradas, de forma que para 1170 a fortaleza estaba terminada. En 1202 un tremor afectou a parte das fortificacións, de forma que pouco despois se acometeu unha profunda reestruturación. Así xurdiu o núcleo actual de fortificacións e as defensas exteriores: un muro externo de trinta metros de anchura con sete torres de 8-10 metros de altitude, creando unha fortaleza concéntrica. As abas escarpadas do esporón aproveitáronse con fins tácticos.

Aínda que o risco no que estaba situada proporcionaba unha localización ideal, unha fortificación situada neste punto posuía dous puntos débiles: a porta principal e o flanco sur, aberto á chaira. Para protexer este exposto lado, levantouse un muro de albanelería con tres grandes torres, precedido dun enorme parapeto de cachotería que nalgunhas zonas medía 25 metros de espesor. O problema da entrada resolveuse facendo que o acceso a ela se construíse en zigzag polo declive escarpado, de maneira que un posible invasor se expoñería durante o seu asalto ó fogo dos adversarios. Entre as portas exterior e interior, un angosto corredor entre muros e defensas colosais. A posibilidade de rende-la fortaleza mediante asedio tamén resultaba inútil.

 
Espazo entre os muros interno e externo e vista da chaira ó pé do castelo

A fortaleza posuía un almacén de 120 metros de longo e almacéns adicionais escavados no acantilado baixo a fortaleza, onde se almacenaba auga e alimentos suficientes para manter longo tempo a unha guarnición de 2.000 homes. Estímase que podería resistir un asedio de cinco anos. Ademais do control da ruta cara ao Mediterráneo, os cabaleiros hospitalarios exerceron certa influencia sobre o lago Homs ó leste, onde poderían controlar a industria pesqueira e vixiar ós exércitos musulmáns reunidos en Siria.

En 1163, a fortaleza foi infrutuosamente asediada por Nur al-Din. Logo da súa vitoria, os hospitalarios convertéronse nunha forza virtualmente independente na fronteira do condado de Trípoli. Foi asediado, tamén infrutuosamente, por Saladino en 1188. Finalmente, foi o sultán de Exipto, Baibars, quen tomou a fortaleza, o 8 de abril de 1271. Naquel entón, a guarnición de homes era escasa.

Un ano antes, a Oitava Cruzada fracasara e o envío de axuda desde o oeste resultaba imposible. Durante varias semanas, as forzas de Baibars minaron a torre suroeste do muro exterior ata que se derrubou. Con todo, cando os atacantes penetraron no recinto, atoparon ante a segunda liña fortificacións, tamén impoñentes, que aínda lles pechaba o paso. Baybars, non querendo acepta-la derrota ou a posibilidade dun longo cerco, recorreu á astucia. Segundo os historiadores árabes, valeuse dunha pomba para enviar unha carta falsa ó castelo. A mensaxe dicía vir do gran mestre da orde hospitalaria e ordenaba a rendición da tropa, pois non era posible enviarlles ata alí socorro algún. A orde foi obedecida e Baibars puido capturar a fortaleza. Ademais, concedeu cabaleirosamente á guarnición un salvoconduto para que se trasladase ata Trípoli. Baibars refortificou a fortaleza e usouna como base na súa campaña contra Trípoli. Tamén converteu a capela en mesquita. Os mamelucos utilizárona posteriormente no seu ataque a San Xoán de Acre en 1291.

A fortaleza é un dos poucos lugares onde a arte cruzada (en forma de frecos) se preservou. Eduardo I de Inglaterra, durante a Novena Cruzada en 1272, viu a fortaleza e usouna como exemplo dos seus propios castelos en Inglaterra e Gales. Segundo expresión de T. E. Lawrence (Lawrence de Arabia), o Krak dos Cabaleiros é o castelo máis admirable do mundo. Hoxe o castelo subsiste notablemente ben conservado, e considérase como un dos máis belos expoñentes de arquitectura militar. Pertence ao goberno sirio, que o utiliza como atracción turística.