Kline

moble antigo

O kline (do grego κλίνη, e en plural klinai ) é un tipo de moble antigo, un tipo de diván ou cama que era usado polos antigos gregos e despois polos etruscos e romanos durante os seus simposios ou os seus equivalentes na sociedade romana.[1]

Kline e mesa da Illustrated History of Furniture, from the Earliest to the Present Time de Frederick Litchfield, 1893.

Empregando tres klinai dispostos arredor dunha mesa baixa, normalmente cadrada, en tres dos seus lados, en forma de U, deixando a sala despexada para permitir o achegamento dos criados, formábase un triclinium, onde os comensais, deitados no seu lado esquerdo, gozaban da comida. Se só se usan dous klinai, formábase un biclinium.[1]

Historia editar

 
Escena de banquete que representa un kline nun kantharos beocio de figuras negras (c. 560 a. C.)

O kline xa era usado polos antigos gregos a finais do século VII a. C. De forma rectangular, apoiábase sobre catro patas, dúas das cales podían ser máis longas que as outras, e podía ter un repousabrazos ou unha cabeceira. Richter distingue tres tipos: os de patas de animais, os de patas torneadas e os de patas rectangulares, aínda que esta terminoloxía é algo problemática.[1]

O tecido cubriría o marco do diván e colocaríanse diferentes coxíns preto do brazo ou contra o repousabrazos, facendo do kline un moble moi axeitado para usar nos simposios. Unha pata torneada dunha cama de bronce foi descuberta en Delos, o que permitiu imaxinar como debeu ser este tipo de klinai na realidade. Tamén aparecen numerosas representacións de klinai en vasos gregos, cubertos con teas preciosas e con almofadas. Este moble utilizaba coiro, la ou liño, aínda que tamén se puido ter utilizado a seda. Os coxíns ou a propia cama poderían estar cheos de la, plumas, follas ou feo.[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Richter, Gisela Marie Augusta (1966). The Furniture of the Greeks, Etruscans and Romans. Phaidon Press. ISBN 978-0714812885.