Kizzuwatna ou Kizzuwadna foi un estado de Anatolia do sueste (Cilicia) probabelmente de orixe hurrita.

Localización dos principais sitios arqueolóxicos da Anatolia hitita

Xurdiu na rexión chamada Adaniya, que se fixo independente dos hititas sobre a metade do século -XVI. Probabelmente fíxose independente baixo o rei Ammunas, ou un pouco antes con Pilliya, ao que sucedeu Pariyawatri, considerado o primeiro rei independente de Kizzuwatna, pai de Isputahsu (Ishputakhshu), quen o sucedeu. Sábese que xa existía como reino independente na segunda metade do século -XVI, e aparece xa nun tratado co imperio Hitita baixo o rei Telibinus, no cal o rei Isputuhsu ou Ešputahš de Kizzuwatna utiliza un selo co nome probabelmente de "Sarri-Tesub" e reclamou o título de gran rei, tratado que se conservou parcialmente en versións acadia e hitita e que foi o primeiro tratado hitita cun poder estranxeiro igualitario (non se conserva porén a introdución histórica que foi típica nos documentos hititas). Hantilis II, fillo e sucesor de Alluwamnas, fixo outro tratado co rei Paddatisu (Paddatishshu) onde os dous soberanos se prometían mutua amizade en termos recíprocos e iguais (sobre -1480), tratado que moi poucos anos despois foi renovado en termos similares polo rei Eheya de Kizzuwatna e o rei Tahurwailis.

As boas relacións cos hititas empeoraron canto ambos reinos ocuparon territorios que antes pertencían ao outro, pero despois asinouse un tratado paritario que puxo fin aos litixios, cando reinaba en Kizzuwatna Pilliya II e en Hattusa o rei Zidantas II (sobre -1470 ou -1460). Foi o último tratado paritario que un rei hitita fixo con Kizzuwatna e tamén o último tratado paritario deste reino con calquera outro, xa que pouco despois o país foi dominado por Mitanni e Pilliya II tivo que aceptar ser vasalo do rei hurrita, e foino o resto do século. Os litixios talvez derivaron dun tratado firmado por Idrimi de Alalakh e Pilliya II de Kazziwatna, polo cal Idrimi puido pasar polo país e entrar a territorio hitita, onde saqueou moitos lugares e destruíu sete fortalezas volvendo despois en triunfo a Alalakh.

O rei hitita Tudhaliyas II non logrou impoñer a súa soberanía a Ishuwa e outros pequenos reinos da rexión do alto Éufrates, que, despois dun breve dominio hitita, pasaron a Mitanni. Como desquite Tudhaliyas atacou Kizzuwatna, que era vasalo de Mitanni e impuxo un tratado ao rei Sunasura. Unha deidade de Kizzuwatna foi trasladada a Samuha e nominalmente Kizzuwatna quedaba como estado independente fóra da influencia de Mitanni, pero na práctica volvíase un aliado hitita: se Tudhaliyas atacaba outro país o rei de Kizzuwatna tiña que fornecer 100 carros de combate e 1000 homes e o rei tiña que acompañar ao rei hitita; o rei de Kizzuwatna non podería enviar mensaxes ao de Mitanni. Parece ser que os hititas conquistaron ata Washukanni, cidade que incorporaron a Kizzuwatna, pero, se así foi, a conquista non foi permanente (menciónase neste reinado e no seguinte de Arnuwandas I). Consérvase o texto do tratado entre Tudhaliyas II e Sunasura de Kizzuwatna (sobre o -1400).

Sobre o -1380 pasou probabelmente ao estado hitita, e foi disputado por Mitanni ata que este foi ocupado por Suppiluliumas II pola metade do século –XIV. Sobre o -1375 os hititas xa devastaron Tegarama e achegáronse a Mitanni, que aínda non foi ocupada.

Máis tarde, na batalla de Qadesh (sobre -1293), Kizzuwatna achegou un continxente ao exercido hitita de Muwatallis II contra o exipcio Ramsés II.

A familia real era de orixe hurrita, xa que a maioría de raíñas e nobres do país levan nomes hurritas e os deuses hurritas sábese que pasaron ao panteón hitita e entre eles a deusa Hebat de Kizzuwatna.

Kizzuwatna pasou a Asiria sobre o -1225 e o imperio Hitita desapareceu ao cabo de 40 anos.

Lista de reis editar

  • Pelliya I ou Pilliya I, sobre -1550.
  • Pariyawatri, antes de -1500.
  • Ishputakhshu, sobre -1500.
  • Shunashshuna I (Sunasura I), despois de -1500.
  • Paddatishshu, sobre -1480.
  • Eheya ou Ekheya, sobre -1480.
  • Pelliya II ou Pilliya II, sobre -1470 (vasalo de Mitanni).
  • Talzush, sobre -1450 (vasalo de Mitanni).
  • Shunashshuna II (Sunasura II), sobre -1400 (vasalo de Mitanni antes de -1400, vasalo de Hatti despois de -1400).
  • ao Imperio Hitita sobre -1380 ata o -1275.
  • a Asiria sobre o -1275.