Jules Joseph Bonnot, nado en Pont-de-Roide o 14 de outubro de 1876 e finado en París o 27 de abril de 1912, foi un anarquista francés. Foi o líder da "Banda de Bonnot", un grupo ilegalista que multiplicou os atracos e as mortes entre 1911 e 1912.

Jules Bonnot
Nome completoJules Joseph Bonnot
AlcumeLe Bourgeois
Nacemento14 de outubro de 1876
Lugar de nacementoPont-de-Roide
Falecemento28 de abril de 1912
Lugar de falecementoHôtel-Dieu de París
Causaferida por arma de fogo
Soterradocemiterio de Bagneux
NacionalidadeFrancia
Ocupaciónmecánico de automóbiles
CónxuxeSophie Burdet
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

A súa nai morreu o 23 de xaneiro do 1887 en Besançon cando el só tiña dez anos. O seu irmán suicidouse aforcándose no 1903 por mor dun desengano amoroso. O pai de Jules, obreiro fundidor, analfabeto, tivo que facer fronte só á educación do seu fillo. Dado que os seus estudos non ían ben, abandonou a escola de súpeto.

Con catorce anos comezou a traballar de aprendiz. Non estaba moi motivado no seu penoso traballo e rifa cos seus sucesivos patróns. No 1891, con quince anos, Bonnot foi condenado por primeira vez por pescar con artes prohibidas. En 1895 foino de novo por mor dunha liorta nun baile. Casou logo do seu servizo militar no 1901 con Sofía, unha moza costureira coa que emigrou a Xenebra.

Militancia anarquista editar

Naquela época foi cando Bonnot comeza a militar no anarquismo. Foi botado dos ferrocarrís de Bellegarde debido á súa militancia política, e ninguén máis aceptou contratalo. Decidiu entón ir a Suíza. Atopou un posto de mecánico en Xenebra e a súa muller ficou embarazada. Mais o neno, Émilie, morreu algúns días despois do parto. Bonnot dedicouse de seguido ao anarquismo e adquiriu reputación de axitador, motivo polo cal foi botado de Suíza.

As súas dotes de mecánico permitíronlle atopar axiña emprego na casa dun gran fabricante de automóbiles de Lión. En febreiro do 1904 a súa muller deu a luz un segundo neno. As conviccións políticas de Bonnot mantíñanse vivas, denunciando as inxustizas e participando nas folgas, co que se atrae a ira dos patróns. Decide entón deixar Lión para ir a Saint-Étienne.

Alí exerceu de mecánico nunha empresa recoñecida. Viviu coa súa familia na casa do secretario do seu sindicato, Besson, que se fixo amante da súa muller. Para escapar da cólera de Bonnot, Besson foi a Suíza con Sofía e o neno. A súa fuxida fíxolle perder o emprego, converténdose, como moitos outros naquel tempo, nun parado desamparado. Entre 1906 e 1907 abriu dous talleres de mecánica en Lión, cometendo algúns roubos con Platano, o seu brazo dereito. No 1910 foi a Londres e conseguiu emprego como condutor de Arthur Conan Doyle, o creador de Sherlock Holmes, grazas á súa destreza como chofer, que lle foi máis que útil na súa aventura ilegalista.

Os inicios da banda editar

A finais do 1910, Bonnot regresou a Lión e utilizou o automóbil como técnica criminal, unha innovación para o tempo. A policía buscábao, polo que deixou precipitadamente Lión con "Platano". No camiño, matou o seu compañeiro en circunstancias pouco claras: segundo a versión que lles deu ós seus futuros cómplices, Platano ferírase gravemente co seu revólver por accidente, e el rematárao para evitarlle sufrir. Como anota Alphonse Boudard,[1] Bonnot non podía dar outra versión, xa que Platano era o seu aval ante os anarquistas parisienses. Bonnot recuperou unha forte suma de diñeiro que Platano levaba enriba, polo que a hipótese dun homicidio intencionado non pode ser descartada.

Rematando novembro do 1911, Bonnot atopou apoio no xornal l'Anarchie, dirixido por Victor Serge. Varios simpatizantes anarquistas remataron converténdose nos seus cómplices, coma os dous principais, Octave Garnier e Raymond Callemin chamado "Raymond-la-science". Outros desenvolverán un papel menor no asunto, Élie Monnier alcumado "Simentoff", Édouard Carouy, René Soudy, así como Eugène Dieudonné, cuxo papel exacto realmente non foi dilucidado xamais. Adeptos da expropiación individual, todos fixeran xa furtos menores, e desexaban pasar á etapa superior. A chegada de Bonnot desempeñou un papel catalizador. Aínda que a idea dun xefe é rexeitada polos anarquistas, Bonnot, de máis idade, máis experimentado no crime, virtualmente desenvolveu este papel.

O atraco á Société Générale editar

 
Delaunay-Belleville coma o usado no atraco á Société

O 14 de decembro do 1911, Bonnot, Garnier e Callemin roubaron un automóbil coa intención de usalo posteriormente para os seus proxectos. Facendo uso dos seus coñecementos dos diferentes modelos, Bonnot escolleu un Delaunay-Belleville, marca de luxo que sabe fiable e rápida.

Unha semana máis tarde, o 21 de decembro do 1911, ás 9, na rúa Ordener de París, Bonnot, Garnier, Callemin e posiblemente un cuarto home presentáronse ao encontro do cobrador da Société Générale e ao seu gardacostas. Ó miralos, Garnier e Callemin precipitáronse fóra do vehículo, quedando Bonnot ao volante. Garnier disparou dúas veces sobre o cobrador, que caeu gravemente ferido. Callemin recolleu o seu maletín, e ámbolos dous fuxiron cara ao automóbil, malia a intervención de transeúntes que Bonnot intentou dispersar disparando ao ar. Unha vez Callemin e Garnier entraaron ao interior, Bonnot arrancou, mais Callemin perdeu o maletín na beira. Descendeu para recuperalo, percibindo a alguén que corría na súa dirección, sobre o que disparou sen darlle, e logo volveu subir ao vehículo. Segundo varias testemuñas, o cuarto home interveu nese intre. Por fin, Bonnot arrancou, e a banda emprendeu a fuxida.

Foi a primeira vez en que un coche foi utilizado para cometer un atraco, e o acontecemento tivo unha resonancia considerable, aumentada pola grave ferida do recadador. Ao día seguinte o acontecemento foi portada dos xornais. A banda ficou defraudada ao descubrir que o botín era só dalgúns títulos e 5.000 francos. Abandonaron o coche en Dieppe e regresaron logo a París. Callemin, que partiu a Bélxica, intentou en van negociar os títulos. Durante este tempo a policía descubriu que o atraco estaba vinculado ao contorno anarquista, noticia que ao chegar á prensa aumenta aínda máis a resonancia do asunto.

Aproximadamente unha semana despois do atraco da Société Générale, Garnier e Callemin atoparon refuxio durante algúns días na casa de Victor Serge e a súa amante Rirette Maitrejean. A pesar de non aprobar os métodos da banda, acolléronos por solidariedade. Pouco despois da marcha de Garnier e Callemin, a policía, sempre receosa cos anarquistas coñecidos, rexistrou a vivenda de Serge. A parella foi arrestada, oficialmente por tenencia de armas atopadas nun paquete deixado por un amigo anarquista. A prensa presentou a Victor Serge coma o cerebro da banda, pensando que sen el, a captura da banda sería inminente. O suceso conseguiu o efecto contrario: mozos anarquistas coma René Valet e René Soudy, indignados por este arresto, adheríronse ao grupo ilegalista.

Outros roubos e atracos editar

 
Ficha de policia (feito do 28 de abril de 1912).

A banda continuou o seu periplo. O 31 de decembro en Gante, Bonnot, Garnier e Carouy intentaron roubar un coche. Foron sorprendidos polo condutor, pero Bonnot deixouno inconsciente. Despois matou co revólver a un sereno alertado polo ruído. O 3 de xaneiro do 1912 en Thiais, Carouy, acompañado de Marius Metge, asasinou a un rentista e á súa doncela no curso dun roubo. Nada indica que este dobre homicidio fose acordado con Bonnot e os seus outros cómplices, mais o feito da participación de Carouy no golpe de Gante fixo que a xustiza o confundira cos outros crimes da banda. O 27 de febreiro Bonnot, Callemin e Garnier rouban un novo Delaunay-Belleville. Un axente de policía que intenta interceptalos, co gallo da condución temeraria de Bonnot en París, foi abatido por Garnier. Esa morte dun axente da orde aínda aumentou mais o furor da prensa e da opinión pública, que esixen a captura da banda. Ao día seguinte en Pontoise, o trío intentou desvalixar a caixa forte dun notario. Sorprendidos por este, foron obrigados a fuxir abandonando o botín.

Durante este tempo, Eugene Dieudonné foi arrestado. Dieudonné negou toda participación nas actividades criminais da banda. Porén, admitiu coñecer a Bonnot e aos outros membros, e recoñeceu as súas simpatías anarquistas. Foi acusado de participar no atraco da rúa Ordener polo recadeiro da Société Générale, que nun primeiro intre recoñecera a Carouy e logo a Garnier nas fotos que lle foran mostradas.

O 19 de marzo, unha carta publicada no xornal Le Matin causa sensación. Nela, Garnier provoca ás forzas de Policía, desafiándoas a detelo. Non se fai ilusións sobre a súa sorte: "sei que serei vencido e que son o máis feble", escribe, "mais conto con facervos pagar moi cara a vosa vitoria". Exculpa a Dieudonné, afirmando ser o autor dos crimes dos que este está acusado. A carta estaba asinada cunha pegada dixital que a policía recoñeceu como auténtica.

O 25 de marzo, o trío habitual, Bonnot, Garnier, Callemin, acompañados de Monnier e Soudy, dispuxéronse a efectuar o roubo dunha limusina do concesionario De Dion-Bouton; estiveran observando por casualidade, ao parárense a atarse uns zapatos diante do garaxe, como se compraba, e escoitaron o día da entrega e cara onde pensaban dirixirse con ela dous empregados do novo propietario (cara á costa Azul, vía Lión, lugar onde se atopaba o comprador para entregarlla). Para iso, o grupo desprazouse ás 5 da mañá e tomou posicións na estrada, nas inmediacións de Villeneuve-Saint-Georges (no sur de París). Bonnot púxose no medio da estrada axitando un moqueiro. Ó pararse o vehículo, xordería o resto da banda. Crendo que o condutor sacaría unha arma, Garnier e Cellamin abatérono a tiros, así como ao outro ocupante do vehículo, que sobreviviu ás feridas e logo declarou que Bonnot berrara no medio do tiroteo: "¡Basta xa! ¡Estades tolos! ¡Parade!". Na lea, a banda subiu á limusina, puxo rumbo de novo a París e decide ir á sucursal da Société Générale no barrio parisiense de Chantilly para un atraco improvisado. Irrompendo no banco, Garnier, Callemin, Valet e Monier abaten a tres empregados, embolsan os lingotes de ouro e billetes nun saco, e volven ao coche que Bonnot fai arrancar rapidamente. Os xendarmes son avisados, pero ao non dispor máis que de bicicletas e cabalos, non poden atrapala banda.[2]

O fin da banda de Bonnot editar

Despois deste último atraco, a policía vai progresivamente poñendo fin ás actividades da banda. O 30 de marzo, Soudy foi detido. O 4 de abril foi a quenda de Carouy. O 7 de abril, os policías capturaron a Callemin, resultado importante ao ser este un dos protagonistas máis relevantes xunto a Garnier e Bonnot. O 24 de abril, Monnier foi igualmente arrestado.

O 24 de abril, Louis Jouin, número 2 da Sûrete, que está a cargo do asunto, rexistra en Ivry-sur-Seine o domicilio dun simpatizante anarquista. Nunha habitación ten a sorpresa de recoñecer a Bonnot, que logra fuxir tras matalo dun tiro de revólver. Ferido no curso do tiroteo, Bonnot vai a casa dun farmacéutico para facerse curar. Explicalle ao farmacéutico que caeu dunha escaleira de man, pero este relaciónao co asunto de Ivry e avisa ás autoridades. A policía pode así facerse unha idea aproximada da dirección onde atopar a Bonnot, e peitea a rexión minuciosamente. O 27 de abril sorpréndeo no seu agocho de Choisy-le-Roi. Bonnot tivo tempo de atrincheirarse na súa casa, e o xefe de Policía prefire rodear a zona e esperar reforzos antes que intentar o asalto.

Un longo asedio comezou, dirixido en persoa polo Prefecto de Policía Louis Lépine. Cada vez chegan máis tropas, ata un rexemento de zuavos coa metralladora de moda Hotchkiss, así como numerosos curiosos chegados para asistir ao "espectáculo". Bonnot asoma a ratos sobre a escaleira para disparar sobre os seus inimigos; é evidentemente acollido con descargas, pero consegue saír indemne. Namentres, o tempo pasa, e a policía discorre o xeito de pór fin ao asedio. Desinterésase pouco a pouco dos seus asediadores para pórse a escribir o seu testamento. Finalmente, Lépine decide facer saltar a casa con dinamita. Gravemente ferido na explosión, Bonnot tómase tempo para terminar o seu testamento, afirmando a inocencia de Dieudonné e moitas outras persoas. Cando os policías inician o asalto, aínda conseguiu recibilos a tiros, antes de ser ferido. Morreu pouco antes de chegar ao Hospital de París.

Logo de Bonnot, os dous últimos membros da banda en liberdade son Valet e, Garnier, sendo este autor da maior parte das mortes. O 14 de maio foron localizados nun chalé de Nogent-sur-Marne. Os policías esperaban conseguir un arresto fácil, pero carecen de discreción e son localizados por Valet e Garnier, que se atrincheiran na casa. Comeza un novo asedio, practicamente igual ao de Choisy, cun gran número de policías e militares e unha tropa de curiosos vidos para seguir as operacións. Durante máis de 9 horas, Valet e Garnier manteñen a raia a un pequeno exército de forzas da orde. Finalmente un rexemento de Dragóns consegue facer saltar o edificio. A policía dá o asalto e atopa aos dous homes mortos. Os axentes deben seguidamente pelexarse para recuperar os corpos coa turba que quere esnaquizalos.

O proceso dos superviventes editar

O proceso dos membros superviventes da Banda de Bonnot tivo lugar en febreiro do 1913. Os principais acusados son Callemin, Carouy, Metge, Soudy, Monnier, Dieudonné, Victor Serge, aos que acompañan diversas persoas acusadas de axudar á banda de diferentes xeitos. Callemin é o principal compoñente vivo; utiliza o tribunal como unha tribuna para expresar a súa revolta. Nega os feitos que lle son reprochados, pero de tal xeito que non deixa a menor dúbida sobre a súa culpabilidade. Carouy e Metge son sobre todo xulgados pola dobre morte de Thiais. Eles négano, pero as súas pegadas dixitais acúsanos sen lugar á dúbida. A Monnier e Soudy repróchaselles a súa participación no golpe de Chantilly, no que as testemuñas os recoñecen formalmente. Victor Serge é presentado ao inicio do proceso como o cerebro da banda, o que nega enerxicamente, mostrando que el nunca se aproveitou dos seus roubos.

O único caso verdadeiramente dubidoso é o de Dieudonné, acusado de participar no atraco da rúa Ordener. Bonnot e Garnier manteñen a súa inocencia antes de morrer. Dieudonné dispón de máis dunha coartada establecida polas probas, demostrando que el estaba en Nancy no momento dos feitos. Contra el preséntanse as testemuñas de varias persoas, entre eles o de ser o recadador dos botíns desvalixados pola banda.

Á saída do proceso, Callemin, Monnier, Soudy e Dieudonné son condenados a morte. Carouy e Metge son condenados a traballos forzados a perpetuidade (Carouy suicidouse máis tarde na súa cela). Victor Serge é condenado a 5 anos de prisión, logrando librarse da acusación de ser o cerebro da banda, mais foi condenado polos revólveres agochados na súa casa no curso do seu arresto. Ao anunciarse o veredicto, Callemin toma a palabra. Mentres que no curso do xuízo negara participar no golpe da rúa Ordener, acúsase e afirma que Dieudonné é inocente. Esta declaración foi empregada polo avogado de Dieudonné para presentar un recurso de graza ao presidente Raymond Poincaré. Este conmuta a pena de Dieudonné pola de traballos forzados a perpetuidade. En tanto, os outros tres condenados á pena capital, son guillotinados o 21 de abril do 1913 na Prisión da Santé de París.

Notas editar

  1. Alphonse Boudard, Les Grands Criminels, Le Livre de Poche, 1990, ISBN 2-253-05365-1, p. 35-36
  2. Bernard Thomas. La Belle Époque de la Banda de Bonnot. Edit. Txalaparta. ISBN 84-8136-178-X

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Frédéric Delacourt, L'Affaire bande à Bonnot, De Vecchi. Colec. « Grands procès de l'histoire », 2000, ISBN 2-213-02279-8
  • Wiliam Caruchet, Ils ont tué Bonnot, Calmann-Lévy, 1990, ISBN 2-7021-1869-0
  • Alphonse Boudard, Les Grands Criminels, le Pré aux Clercs, 1989, ISBN 2-7144-2299-3
  • Bernard Thomas, La Belle époque de la bande à Bonnot, Fayard, 1989, ISBN 2-213-02279-8
  • André Colomer, A nous deux, Patrie ! (cápitulo XVIII: "Le Roman des Bandits Tragiques"), 1925

Membros da banda de Bonnot editar

Ligazóns externas editar