John Wood Campbell, Jr., nado o 8 de xuño de 1910 en Newark, Nova Jersey e finado o 11 de xullo de 1971 en Mountainside, Nova Jersey, foi un editor e escritor de ficción científica.

John W. Campbell
AlcumeDon A. Stuart, Karl van Campen e Arthur McCann
Nacemento8 de xuño de 1910
Lugar de nacementoNewark
Falecemento11 de xullo de 1971
Lugar de falecementoMountainside
NacionalidadeEstados Unidos de América
Relixiónateísmo
Alma máterUniversidade Duke, Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts e Blair Academy
Ocupacióneditor literario, novelista, escritor, guionista, escritor de ciencia ficción, prosista e editor colaborador
PremiosRetro Hugo Award, Science Fiction and Fantasy Hall of Fame, prémio Hugo de Melhor Revista Profissional e Retro Hugo Award for Best Novella
Na rede
IMDB: nm0132168 WikiTree: Campbell-29035 Find a Grave: 184771425 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Como escritor, publicou varios relatos nas revistas de ficción científica nos anos 30, co seu nome ou con varios seudónimos, entre os que destaca o de Don A. Stuart. O seu relato máis importante Who Goes There? trata sobre unha expedición á Antártida que atopa unha cápsula estrelada fai miles de anos co cadáver dun alieníxena dentro. Este relato foi levado ao cine posteriormente como A Cousa (1982).

Pero a principal achega de Campbell ao xénero non ía estar na escritura, senón na edición. En 1938 Orlan B. Tremaine elixe a Campbell para substituílo como editor da revista Astounding Science Fiction.

Desde o seu posto de editor, Campbell auspiciaría unha auténtica revolución na ficción científica da época: novos temas, novos autores, e sobre todo un tratamento moito máis rigoroso da ciencia, así como unha maior calidade literaria na historia. En xeral, Campbell propiciou un tratamento moito máis adulto das historias de ficción científica, afastándoas do ata entón estendido clixé de aventuras para adolescentes.

O público das revistas de ficción científica respondeu favorablemente a esta nova liña e froito diso é o absoluto predominio de Astounding durante esa época denominada a Idade de Ouro da ficción científica.

O círculo de Campbell editar

Para o seu proxecto de remodelación da ficción científica, Campbell descubriu e cultivou a toda unha serie de novos escritores (algúns deles novísimos seareiros) que máis tarde se converteron en auténticas "estrelas" do xénero. O máis coñecido é Isaac Asimov, pero entre os escritores preferidos por Campbell (e os seus lectores) contábanse A. E. van Vogt ou Robert A. Heinlein. Este grupo de autores estreitamente ligados ao editor foi coñecido como "Círculo de Campbell", e entre eles contábanse autores como (ademais dos xa mencionados) Clifford D. Simak, L. Sprage de Camp, Lester del Rey ou Theodore Sturgeon.

Nos anos 50 os gustos de Campbell inclináronse por autores de ficción científica dura como Hal Clement ou Poul Anderson.

A lenda negra de Campbell editar

A influencia de Campbell na ficción científica presenta tamén os seus claroscuros. Como director da revista máis importante do xénero, impuxo a súa visión do mesmo, rexeitando a autores que non consideraba o suficientemente científicos nas súas formulacións. O caso máis citado neste sentido é o de Ray Bradbury.

Pero non só os seus detractores, senón tamén os seus máis íntimos colaboradores, falaron sobre a influencia das súas crenzas. Isaac Asimov di na súa antoloxía de relatos primeirizos The early Asimov:

A Campbell gustábanlle os relatos en que os seres humanos proclamábanse superiores a outras intelixencias, aínda que estas atopásense máis avanzadas tecnoloxicamente. [...]
Con todo, ás veces asaltábame a desagradable idea de que esta actitude reflectía os sentimentos de Campbell a escala, máis pequena, da Terra. Deume a impresión de que aceptaba a superioridade natural dos norteamericanos sobre o resto da humanidade, e parecía presumir de que os americanos procedían do noroeste de Europa.
Non podo dicir que Campbel fose racista en ningún mal sentido da palabra. [...] Porén, daba por feito que o estereotipo de branco nórdico era o verdadeiro representante do Home Explorador, do Home Intrépido, ou do Home Victorioso.

Galardóns no seu honor editar

A figura de Campbell é fundamental para a consolidación da ficción científica tal e como a entendemos hoxe en día. É por iso que non un, senón varios galardóns levan o nome do insigne editor. O John W. Campbell Memorial é un importante premio outorgado no seu honor desde 1973. Tamén desde ese mesmo ano entrégase o premio John W. Campbell ao mellor escritor novel no seo da Convención mundial de ficción científica ou Worldcon.