Johán Carballeira

xornalista e político galego

José Francisco Gómez de la Cueva, coñecido polo seu pseudónimo Johán Carballeira, nado en Vigo o 13 de febreiro de 1902 e finado en Pontevedra[1][2][3] o 17 de abril de 1937,[4][5] foi un xornalista e político galego.

Johán Carballeira
Nome completoJosé Francisco Gómez de la Cueva
AlcumeJohán‏ Carballeira
Nacemento13 de febreiro de 1902
Lugar de nacementoVigo
Falecemento17 de abril de 1937
Lugar de falecementoPontevedra
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor, político, xornalista e autor
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

 
Johán Carballeira.

Era fillo de José Juan Gómez del Campo, natural da Pobra do Caramiñal, e de Rolendis de la Cueva García, veciña de Bueu. O matrimonio, xunto cos seis fillos, trasladouse a Bueu contra 1915. Johán estudou o bacharelato no colexio Marista de Vigo e no Samaniego de Santiago de Compostela. Posteriormente, estudou tres anos de administrador de libros en Madrid.

Xornalista editar

A dimensión pública de José Gómez de la Cueva iniciouse en 1923. Nas páxinas literarias de Faro de Vigo apareceron os seus primeiros poemas e narracións en español de estilo modernista, que delatan aínda a súa falta de madurez. En 1926 e 1927, a súa sinatura aparece en dúas importantes revistas da época: Vida Gallega e Céltiga, o voceiro da colectividade galega en América.

A partir de 1927, xa co pseudónimo de "Johán Carballeira", comezou a colaborar con El Pueblo Gallego como correspondente do xornal en Bueu. Este mesmo ano iniciou amizade con poetas e intelectuais mozos da Xeración de Vangarda que tamén colaboraban no xornal, como Rafael Dieste (o redactor xefe do xornal), Augusto Casas, Correa Calderón, Cándido Fernández Mazas, Santiso Girón ou Bal y Gay. En 1929, cando as colaboracións se fixeran máis numerosas en seccións fixas, entrou a formar parte da redacción. Iniciou así unha carreira que o converteu en pouco tempo no xornalista mozo máis importante da época.

En 1929 aparece entre os fundadores dunha nova revista viguesa, Gaceta de Galicia. Porén, o seu labor fundamental seguía a estar en El Pueblo Gallego, onde se ocupaba das entrevistas. Tratábase este dun xénero xornalístico daquela novo en Galicia, do que o escritor foi pioneiro. Algunhas entrevistas destacadas foron as de Ramón Otero Pedrayo, Margarita Xirgu ou Colmeiro. Foron famosas tamén as súas reportaxes, outro xénero daquela inusitado no país. O seu nome, amais, apareceu en numerosos artigos de crítica literaria.

A súa sona chegou a toda España, e a partir de 1933 colaborou nos xornais madrileños Luz e Ahora, e na revista Estampa. En 1935 era coñecido como o xornalista galego en activo máis importante da época.

Poeta editar

 
"Marina"
A praia, unha amante
escrava do mar:
bérralle, zurrégalle,
e vaina a bicar.


Asina José G. de la Cueva,
versos gravados no parque Banda do Río de Bueu, publicados na páx. 3 do Faro de Vigo do 10/02/24.

Carballeira formou parte da xeración das vangardas. Malia o prestixio do seu nome e da súa obra na primeira metade dos 30, na actualidade é un persoeiro pouco coñecido desta xeración. As causas son moitas: a súa adhesión á República e ó galeguismo, a oposición ao Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, o seu xuízo e fusilamento, e a dispersión da súa obra literaria, que nunca chegou a recollerse en libro e o carácter efémero do núcleo máis numeroso do seu labor, o traballo periodístico.

En 1926 comezaron a aparecer os seus poemas nos xornais. En 1928 consta que está traballando nun poemario, Cartafol, aínda que nunca chegou a publicarse.

No ano 2000, publicouse Páxinas Galegas, unha compilación da obra xornalística e literaria en galego de Carballeira, con edición e estudo introdutorio de Xosé M. Millán Otero.

Alcalde editar

Coa proclamación da II República Española en 1931, Carballeira e a súa xeración verán cumpridos parte dos seus ideais. Malia adherirse ao Partido Galeguista xa desde a súa fundación en decembro de 1931, non ocupará cargos de responsabilidade ata 1934, ano en que é elixido Secretario da Agrupación Local do partido en Bueu.

En abril de 1935 entrou na dirección do Partido Galeguista. O seu nome figuraba entre os máis votados na elección interna de candidaturas para as listas da Fronte Popular ás eleccións a Cortes en febreiro de 1936. Porén, finalmente non formou parte da candidatura.

Tiña gran predicamento nos medios galeguistas e republicanos. Proba disto era a súa amizade con Castelao, Alexandre Bóveda e outros integrantes do grupo galeguista de Pontevedra. Tamén o era a súa colaboración na revista compostelá Ser, xunto con intelectuais republicanos de esquerda como Valentín Paz Andrade, Antón Villar Ponte ou Eduardo Blanco Amor. Con todo, a súa intervención pública e directa na política non se produciu ata marzo de 1936, cando foi nomeado alcalde de Bueu tras a vitoria da Fronte Popular e a disolución dos concellos.

A súa presenza na alcaldía foi breve. Porén, grazas á súa mediación entre mariñeiros, conserveiros e concellos do litoral, conseguiu establecer un prezo mínimo para a sardiña, un grave problema ao que se enfrontaba a xente do mar por aquel momento. Por este logro, mariñeiros e armadores rendéronlle unha homenaxe en Bueu, xusto o día anterior á sublevación militar.

Non se sabe a data exacta da súa detención, mais probabelmente foi en agosto de 1936. O xuízo non se celebrou até o 29 de decembro dese ano. Compareceu en consello de guerra ante o tribunal militar de Pontevedra, xunto con dezaoito veciños máis de Bueu. O día seguinte foron todos condenados a morte agás un. A condena seríalle conmutada máis tarde a algúns deles pola cadea perpetua.

A sentenza de Carballeira tardou aínda en ser executada. Pasou os meses seguintes no lazareto da Illa de San Simón, con outros destacados intelectuais republicanos. O 17 de abril de 1937, nas primeiras horas da mañá, Carballeira foi fusilado na avenida de Buenos Aires de Pontevedra xunto a outros 10 condenados.[1][2][3] O seu corpo foi enterrado nunha foxa común do cemiterio de Santo Amaro de Pontevedra.

Recoñecementos editar

Desde o ano 1996 o concello de Bueu instaurou o Premio de Poesía Johán Carballeira para recuperar do esquecemento a súa figura como político e escritor e desde o ano 2003 o Premio de Xornalismo Johán Carballeira para traballos de temática libre pertencentes a calquera xénero periodístico.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Ejecución de sentencias". El Progreso. 18/04/1937. Consultado o 09/06/2023. 
  2. 2,0 2,1 "Ejecución de sentencias". El Pueblo Gallego. 18 de abril de 1937. Consultado o 09/06/2023. 
  3. 3,0 3,1 "Pontevedra 17". El Ideal Gallego. 18/04/1937. 
  4. Villar González, Arximiro B. A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo (Tese). Universidade de Santiago de Compostela. p. 1238. 
  5. "Emotivo acto en Bueu en recordo a Johán Carballeira, no 79 aniversario do seu fusilamento". pontevedraviva.com. 25 de agosto de 2015. Consultado o 18 de abril de 2016. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar


Predecesor:
Ramón Domínguez Ferradás
  
Alcalde de Bueu
 
1936
Sucesor:
Camilo Davila Davila