Jisei no ku

xénero de poesía

Un poema de despedida (辞世の句 jisei no ku?) ou poema de morte é un xénero de poesía desenvolvido nas tradicións literarias do leste asiático, especialmente no Xapón, mais tamén durante certos períodos da historia chinesa e na dinastía Joseon (1392-1897) coreana.[1] Adoitan reflexionar sobre a morte (tanto en xeral como en referencia ao inminente pasamento do seu autor), incluíndo observacións de relevancia sobre a vida. Esta práctica ten a súa orixe no budismo zen, pois baséase no concepto das tres marcas da existencia. Os poemas de morte están asociados coas clases dominantes da sociedade, xa que adoitaban ser compostos por poetas, guerreiros, nobres ou monxes.

Poema de despedida de Kuroki Hiroshi, un soldado xaponés que morreu nun accidente submarino o 7 de setembro de 1944.

China editar

Zheng Ting editar

Zheng Ting (finado cara ao 621) foi un político de finais da dinastía Sui (581-618). Executárono por orde de Wang Shichong (567-c. 621) tras dimitir do seu posto de funcionario e ordenarse monxe budista. Segundo a tradición, afrontou a situación sen medo, escribindo un poema de despedida con fortes resonancias budistas:[2]

幻生還幻滅
大幻莫過身
安心自有處
求人無有人

As ilusións emerxen e esvaecen,
a meirande ilusión de todas é o noso corpo;
cando un corazón en calma atopa o seu lugar,
non existe máis corpo que buscar.

Wen Tianxiang editar

Wen Tianxiang (1236-1283) foi un poeta e político chinés dos derradeiros anos da dinastía Song do sur (1127-1279). Foi executado por Kublai Khan (1215-1294), xa que participou nas revoltas contra a dinastía Yuan (1271-1368).[3]

孔曰成仁
孟曰取義
惟其義盡
所以仁至
讀聖賢書
所學何事
而今而後
庻幾無愧

Confucio falou da perfecta nobreza.
Mencio falou de escoller o noso deber.
Só cumprindo o noso deber ao máximo
obtemos esa nobreza.
Que aprende un
ao estudar os clásicos dos sabios?
A partir deste intre
poderei quizais liberarme da vergoña.

Yuan Chonghuan editar

Yuan Chonghuan (1584-1630) foi un político e xeneral da dinastía Ming (1368-1644). É especialmente coñecido por defender Liaodong da invasión dos iurchen durante a transición entre os Ming e os Qing. Yuan foi detido e executado polo emperador Chongzhen, acusado de traizón. Antes de morrer, redactou o seguinte poema:[4]

一生事業總成空
半世功名在夢中
死後不愁無勇將
忠魂依舊守遼東

Toda unha vida reducida ao baleiro,
a metade da miña carreira semella un soño.
Non me preocupa que falten bravos guerreiros tras a miña morte,
porque o meu fiel espírito seguirá a protexer Liaodong.

Xia Wanchun editar

Xia Wanchun (1631-1647) foi un poeta e soldado da dinastía Ming. Faleceu durante as invasións manchús, aos 17 anos de idade. Deixou o seguinte poema de despedida:[5]

三年羈旅客
今日又南冠
無限山河淚
誰言天地寬
已知泉路近
欲別故鄉難
毅魄歸來日
靈旗空際看

Camiño pola senda da guerra dende hai tres anos
e agora son un prisioneiro.
As bágoas asolagan montañas e ríos,
quen diría que o ceo e a terra son vastos?
Sei que a miña morte se aproxima,
é difícil despedirse do fogar,
o día que a miña alma regrese
espero ver aos manchús derrotados.

Tan Sitong editar

Tan Sitong (1865-1898) foi un recoñecido político, pensador e reformista de finais da dinastía Qing (1644-1911). Foi executado aos 33 anos tras o fracaso da reforma dos cen días de 1898. Tan Sitong foi un dos seis cabaleiros da reforma dos cen días, polo que ocupa un lugar senlleiro na historia chinesa moderna.[6]

望門投止思張儉
忍死須臾待杜根
我自橫刀向天笑
去留肝膽兩崑崙

Debería fuxir e esconderme na casa dos amigos? Cavilo sobre Zhang Jian.
Até a morte anhelarei unha miríade de Du Gen que se alcen.
Deixa que a espada caia sobre o meu pescozo, estou a rir cara o ceo.
Deixo tras de min a miña lealdade e a miña xustiza!

Xapón editar

 
O xeneral Akashi Gidayu preparando para cometer seppuku, despois de perder unha batalla en 1582. El é retratado como tendo acabado de escribir o seu poema de morte, que é tamén visíbel no canto superior dereito. Ilustración por Yoshitoshi Tsukioka.

Durante a era Meiji, o poema de despedida do estudante de secundaria Misao Fujimura (1886-1903) foi moi comentado nos xornais. O célebre novelista Natsume Sōseki (1867-1916), profesor no instituto de Fujimura, reflexionou sobre a morte deste na súa obra Kusamakura (1906).[7]

Algúns soldados na Segunda guerra mundial seguiron esta tradición.

Yukio Mishima escribiu no Bunka Bōeiron (文化 防衛 論, "A Defensa da Cultura"), que Hirohito debería ter abdicado e asumido a responsabilidade pola perda de vidas na guerra. En 1970, estando en contra da Constitución que despois da guerra perpetuou ao emperador do Xapón no seu cargo, tentou un golpe de Estado que fracasou. Segundo John Nathan, o seu biógrafo, tradutor e amigo, tería creado este escenario só como pretexto para o suicidio ritual co que sempre soñou[8]. No cuartel que asaltou, dixo "A vida humana é finita mais eu gostaría de vivir para sempre"; practicou seppuku e escribiu uns breves versos de despedida:

散るをいとふ

世にも人にも

さきがけて

散るこそ花と

吹く小夜嵐

Chiru o itofu

Yo ni mo hito ni mo

Sakigakete

Chiru ni so hana to

Fuku sayoarashi

Unha pequena treboada nocturna sopra dicindo 'caer é a esencia dunha flor'

Precedendo aos que dubidan

Corea editar

Ademais dos monxes budistas coreanos, os eruditos confucianos chamados seonbis escribían ás veces poemas de morte (절명시). Porén, os exemplos máis coñecidos son os escritos ou recitados por personaxes históricos executados por lealdade ao seu antigo rei ou por un complot insidioso. Son, polo tanto, versos improvisados, que a miúdo declaran a súa lealdade ou firmeza. Varios deses exemplos están escritos en coreano sijo (tres liñas de 3-4-3-4 ou a súa variación) ou en formato hanja de cinco sílabas (5-5-5-5 para un total de 20 sílabas) da poesía chinesa antiga (五言詩).

Yi Gae (이개·1417–1456) foi un dos "seis ministros martirizados" executados por conspirar para asasinar o Rei Sejo, quen lle usurpou o trono ao seu sobriño Danjong. Sejo ofreceu perdoar a seis ministros, incluídos Yi Gae e Seong Sam-mun, se se arrepentían do seu crime e aceptaban a súa lexitimidade, pero Yi Gae e todos os demais negáronse. Recitou o seguinte poema na súa cela antes da execución o 8 de xuño de 1456. No seguinte sijo, "Señor" (임) debería lerse "ser querido", o que significa o Rei Danjong neste caso[9].

방안에 혔는 촛불 눌과 이별하엿관대

겉으로 눈물지고 속타는 줄 모르는다. 우리도 천리에 임 이별하고 속타는 듯하여라.

Oh, luz de candeas que alumeas o cuarto, de quen te separaches? Derramas bágoas por fóra e ardes por dentro, pero ninguén se decata.

Partimos do noso Señor nunha longa viaxe e ardemos coma ti.

Notas editar

  1. Sfetcu, Nicolae (2014-05-12). Poetry Kaleidoscope (en inglés). Nicolae Sfetcu. 
  2. "全唐詩/卷733 - 维基文库,自由的图书馆". zh.wikisource.org (en chinés). Consultado o 2024-04-05. 
  3. Li (2014): 410.
  4. "臨刑口占 - 维基文库,自由的图书馆". zh.wikisource.org (en chinés). Consultado o 2024-04-05. 
  5. Yuan (2017).
  6. Hummel (1943).
  7. Asakura (2005): 45.
  8. Nathan, John. Mishima: A biography, Little Brown and Company: Boston/Toronto, 1974.
  9. "시진회 기본 > 고시조 > 방안에 혔는 촛불/ 이개". www.sijomunhak.com. Consultado o 2022-07-12. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar


 
 Este artigo sobre literatura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.