Jesús Suevos

político e xornalista galego

Jesús Suevos Fernández-Jove, nado en Ferrol o 12 de decembro de 1907 e finado en Madrid o 19 de maio de 2001,[1] foi un político e xornalista galego. En 1955 foi nomeado presidente do Atlético de Madrid.

Jesús Suevos
Nacemento12 de decembro de 1907
Lugar de nacementoFerrol
Falecemento19 de maio de 2001
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico e xornalista
PremiosGran Cruz da Orde de Cisneros
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Jesús Suevos licenciouse en Dereito e Filosofía e Letras.[2] En marzo de 1935 foi un dos fundadores da Falange en Galiza, sendo nomeado presidente territorial directamente por José Antonio Primo de Rivera, do que era amigo persoal[1], e foi membro do I Consello Nacional de Falange.

Trala sublevación do 18 de xullo de 1936 sumouse ao pronunciamento contra a República. Durante a Guerra Civil actuou como xefe de Centuria das Milicias de Falange nos combates da serra de Guadarrama. Foi nomeado director do xornal El Pueblo Gallego, que fora incautado polas autoridades franquistas, e en xaneiro de 1937, Xefe de Falange da provincia de Pontevedra, para substituír o defenestrado Manuel Castro Pena.

Foi representante de Falange en Portugal, agregado de Prensa en 1943 e durante a segunda guerra mundial foi correspondente, no París ocupado polos nazis, da prensa do Movemento. Tamén ocupou importantes postos no Servicio de Información e Investigación e no Servicio Exterior de Falange.[3]

En 1957 foille concedido o Premio Nacional de Xornalismo Francisco Franco. Foi nomeado Director Xeral de Radiodifusión en 1960 e Director Xeral de Cinematografía en 1961. Foi o primeiro Director de Televisión Española. Tamén foi xefe do Sindicato Nacional do Espectáculo, como substituto de David Jato,[4] e procurador en Cortes (1943-1977). Durante varios anos foi Tenente de Alcalde de Madrid, ocupando provisionalmente a alcaldía entre os mandatos de Carlos Arias Navarro e Miguel Ángel García-Lomas.

En maio de 1955, tras cesar como presidente do Atlético de Madrid Luis Benítez de Lugo, Marqués de la Florida, Suevos foi nomeado presidente, cargo que ostentou até decembro dese mesmo ano, cando foi substituído por Javier Barroso. En xuño de 1975 integrouse no Frente Nacional Español,[5] xunto a outros falanxistas «históricos» como Manuel Valdés Larrañaga, José Antonio Elola, Agustín Aznar e Raimundo Fernández-Cuesta.[6]

Segundo publicou o xornal Público, na década dos setenta, Suevos organizou en Ferrol unhas patrullas de inspiración paramilitar, coñecidos como "cadeneros" que se dedicaban a amedrentar sindicalistas e demócratas con paus, cadeas e pistolas. Deses grupos formou parte o despois deputado e director da Garda Civil, Arsenio Fernández de Mesa, tras ser adoptado intelectual e ideoloxicamente por Suevos.[7]

Obras editar

  • La luna y sus complices, 1948.
  • Vida, obra y muerte de José Antonio, 1949.
  • Antonio Failde, 1960.
  • Madrid Y Azorín, 1971.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "A cara televisiva de Falanxe Arquivado 30 de abril de 2010 en Wayback Machine.", obituario en La Voz de Galicia, 21 de maio de 2001.
  2. Thomàs (1999), páx. 76
  3. Rodríguez Puértolas (2008), páx. 844.
  4. Vandaele (2015), páx. 60
  5. Logo dunha batalla legal con outros grupos, o Frente Español adoptou o nome de Falange Española de las JONS (1976).
  6. Rodríguez Jiménez (1994), páx.196.
  7. "Fernández de Mesa: de patrullar con falangistas a consejero de Red Eléctrica pasando por la Guardia Civil". Consultado o 31-05-2017. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar