Jacinto Crespo

político galego

Jacinto Crespo Figueras, coñecido como Chinto Crespo, nado en Lugo en 1849 e finado en Vigo o 17 de xaneiro de 1931, foi un mestre e político agrarista.

Infotaula de personaJacinto Crespo

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1849 Editar o valor em Wikidata
Lugo, España Editar o valor em Wikidata
Morte17 de xaneiro de 1931 Editar o valor em Wikidata (81/82 anos)
Vigo, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Mestre na escola fundada polo Sindicato de agricultores de Teis. A súa actividade comezou a documentarse cando xa roldaba os cincuenta anos, coa participación activa na loita dos neoagraristas de Teis. No ano 1907 dirixiu a asemblea agrarista desta localidade e dende o ano seguinte actuou como secretario do Directorio de Teis, ademais de ser membro integrante da Sociedade de Agricultores de Teis. Chinto foi un salientable orador dos mitins antiforais de Vigo, Pontevedra, Ourense, A Coruña e Lugo. Formou parte do Comité Provincial da Federación Agraria de Pontevedra e da embaixada societaria que trataba de integrar o agrarismo asturiano na loita iniciada en Galicia. Presidiu a mesa constitutiva da I Asemblea Agraria de Monforte.

 
Directorio Antiforista de Teis, 1908. Jacinto Crespo é o cuarto pola esquerda.

Dende 1909 Crespo diversificou as súas actividades, exercendo en Teis de mestre, de porteiro da Sociedade de Agricultores e participando nos mitins aldeáns do antiforismo militante por diversas zonas galegas (Tomiño, Redondela, Oia, A Fonsagrada), levando a estas concentracións agrarias unha importante iniciativa da súa marca: o uso popular da lingua galega. En 1909 presentouse como candidato a concelleiro de Lavadores e asinou, xunto con outros compañeiros do Directorio, artigos e follas de propaganda dirixidas contra os máis famosos caciques urzaístas. Como consecuencia desta campaña foi denunciado por inxurias polos irmáns Eduardo e José Iglesias Añino xunto con Manuel Lago Martínez, José María Álvarez González, José Antonio Martínez de Vela e Arturo Nieto Lázaro. Xulgados na Audiencia de Pontevedra en 1911, foron condenados a tres anos, seis meses e vinte e un días de desterro a 25 quilómetros de Teis e mil pesetas de multa.[1] Finalmente só foron desterrados Chinto Crespo, Manuel Lago e Arturo Nieto.[2] Viviu o desterro nos concellos de Lalín e A Estrada, onde conseguiu reorganizar o agrarismo estradense, dándolle un combativo carácter anticaciquil, abríndolle as portas do movemento a Basilio Álvarez e demais oradores de Acción Gallega.

 
Basilio Álvarez e Chinto Crespo.

En 1913, novamente reintegrado na loita agraria, chegou a Ponteareas e arremeteu contra os caciques bugallalistas, polo que foi procesado e encarcerado de novo. Permaneceu en terras do Umia e do Tea ata rematar o cumprimento da condena e posteriormente volveu ao distrito de Lavadores. Presentouse en 1917 como unha figura simbólica da nacente conxunción agrario-republicano-socialista. Despois, no IV Congreso Agrario Provincial, decidiuse crear un posto para el no concello de Lavadores, momento a partir do cal se empezou a distanciar da escena agraria.

Perdéronse os seus discursos en galego e quedaron só as súas prosas periodísticas, nesta lingua e en castelán. Tanto aqueles coma estas, xiran ao redor de diferentes cuestións agrarias como a necesidade de que os campesiños se organicen en sociedades de oficio, que disputen o dominio local aos caciques e que deixen de pagar os foros.

Notas editar

  1. Noticiero de Vigo, 19-4-1911, p. 3.
  2. "Los desterrados de Teis", Suevia, 15-9-1912, p. 10.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Román Lago, Isidro [et al.] (2000). O sindicato de agricultores de Teis. Vigo: Asociación veciñal de Teis. 
  • Gran Enciclopedia Gallega (Santiago, Xixón; 1974)