Intérprete (informática)

En informática, un intérprete refírese a un programa informático que executa instrucións escritas nunha linguaxe de programación. Namentres que intérprete e compilador poden parecer termos excluíntes, isto non é de todo certo, xa que moitos intérpretes levan a cabo certo traballo de tradución, coma os compiladores. Un intérprete será, desta forma, un programa que:

  1. executa código fonte directamente
  2. traduce código fonte a algunha forma eficiente de código intermedio (ex: bytecode) e execútao de seguido.
  3. executa código precompilado polo propio sistema intérprete.

Perl, Python e Ruby son exemplos do segundo tipo, namentres que Java o é do terceiro: os programas compílanse coma bytecode e son enlazados en tempo de execución e executados por un intérprete (ou compilados a código máquina e logo executados no caso do JIT). Algunhas linguaxes, coma o Lisp e outros, poden combinar o segundo e o terceiro tipo.

Os termos linguaxe interpretada ou linguaxe compilada significan nada máis que a implementación canónica desa linguaxe é un intérprete ou un compilador; idealmente, unha linguaxe de alto nivel é unha abstracción independente de calquera das súas implementacións.