As Illas Hébridas (Innse Gall en gaélico escocés, Hebrides en inglés) son un extenso arquipélago na costa oeste de Escocia. Pertencen politicamente ao Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte.

As Hébridas Interiores en vermello e a Hébridas Exteriores en alaranxado. O verde son terras escocesas

Desde o punto de vista xeolóxico, o arquipélago está composto polas rochas máis antigas das illas Británicas. Presentan comunmente formas ásperas, recortadas e afiadas, debido aos diferentes axentes de erosión que actúan sobre elas. Xeoloxicamente están constituídas na súa maioría por gneis, especialmente as máis occidentais, por xistos (Jura e Islay) e por rochas basálticas (Mull, Skye e Staffa) que se presentan en forma de espectaculares columnas. Teñen un clima tépedo-frío e moi húmido.

División editar

Comunmente as Hébridas adoitan dividirse en dous grupos:

As Hébridas Interiores son unha prolongación do territorio escocés e están separadas das Hébridas Exteriores por unha fonda depresión tectónica cuberta polas augas do mar. A 90 e 35 km respectivamente ao oeste das Hébridas Exteriores xorden das augas do océano Atlántico os farallóns deshabitados de Flannan e Santa Kilda, que carecen de todo interese económico. A maioría dos falantes nativos de gaélico escocés habitan ou viven nas illas.

As Hébridas ocupan en conxunto unha superficie de 7.285 km cadrados, cunha poboación duns 70.000 habitantes a ocuparen un cento de illas, mentres que outras catrocentas están deshabitadas. Os principais recursos económicos dos insulares son a pesca, a cría de gando bovino e ovino, a produción artesanal de tweed, a destilación de whisky e, como actividade secundaria, o cultivo de hortalizas e cereais. A cidade máis importante é Stornoway (na illa de Lewis), que é un porto pesqueiro.