Illa de Sálvora

illa na ría de Arousa, da parroquia de Aguiño (Ribeira)

Coordenadas: 42°28′25″N 9°00′42″O / 42.4736, -9.0117

A Illa de Sálvora está situada na boca da ría de Arousa. Pertence na actualidade á parroquia de Aguiño (concello de Ribeira), creada no ano 1959. Anteriormente a illa dependía da parroquia de Carreira, a que fora durante moitos séculos a parroquia máis poboada e rica da comarca, así como a máis antiga. Xunto cos illotes Vionta, Herbosa e Noro e as Sagres forma o arquipélago de Sálvora, integrado xunto cos de Cíes, Ons e Cortegada no Parque nacional das Illas Atlánticas no ano 2002.

Illa de Sálvora
En primeiro plano, Carreira e Aguiño. Ó fondo, a Illa de Sálvora.
Localización da illa de Sálvora.
Situación
PaísGaliza
RexiónA Coruña
ProvinciaA Coruña
ArquipélagoSalvora
MarRía de Arousa
Xeografía
Superficie1,9 km² km²
Longura máxima2 km
Punto máis altoAs Gralleiras (71 msnm)
Distancia a terra3 km
Demografía
PoboaciónDeshabitada

Durante anos estivo poboada e tivo actividade agrícola, gandeira e pesqueira, pero está case deserta desde 1972. Na illa, que foi de titularidade privada ata 2007,[1] atópanse, amais da aldea, oito hórreos, un lavadoiro e a fonte da Telleira ou de Santa Catarina, un almacén de finais do século XVIII ampliado cara 1963 con dúas torres con aire de pazo, unha antiga taberna reconvertida en capela, un faro, un peirao, un cruceiro, dous muíños e a estatua dunha serea. A parte do interior da ría conta con areais frecuentados por mergulladores deportivos.

Etimoloxía editar

Segundo E. Bascuas, "Sálvora" é unha forma de orixe paleoeuropea, derivada da raíz indoeuropea *sae- 'ondada, auga que flúe, corrente'. Este topónimo figura rexistrado no ano 899 como "insulam Saluare".[2]

Historia editar

No ano 899 o rei Afonso II dóaa ao cabido catedralicio de Santiago, que a reclama co fin de obter recursos para o seu sustento. Esta doazón, que incluía Ons, Tambo, Arousa, Cíes e Framio, confirmouna o rei de Galicia Ordoño II ao bispo Sisnando no ano 911. Xa no ano 1120 a illa fora invadida por naves sarracenas que se refuxiaron nela esperando reforzos cando se dispoñían a invadir estas terras, máis a tardanza daquela axuda, fixo que os navíos cristiáns enviados por orde do arcebispo de Santiago se apoderasen das naves invasoras, freando por longo tempo estas incursións. A partir de entón, esta illa descoñecida comeza a ser ambicionada pola nobreza do momento. O desinterese do Cabido Compostelán por Sálvora, fixo que a partir desa época, os veciños de Carreira ocuparan a illa para utilizala como terreos de cultivo, chegando a establecerse nela permanentemente anos máis tarde.

 
Ría de Arousa no atlas de Pedro Teixeira (1634).

No ano 1770, o comerciante coruñés Jerónimo de Hijosa instalou por poder unha fábrica de secado e salgadura de peixe, que en 1960 engadíronselle dúas torres e ameas, e hoxe é coñecida como O Almacén, sendo a primeira factoría de salgadura de Galicia.

Por esta illa comezarían os preitos no ano 1789 entre os veciños de Carreira encabezados polo seu cura párroco, Manuel Acuña e Malvar, contra "Don Vicente Caamaño Valera e Gayoso, Cavallero da orde de San Juan de Malta, Brigadier da Real Armada, Veciño da Vila de Ferrol", ao obter este unha Real Cédula para instalar unha pesqueira de atúns que ademais da illa ocuparía unha concesión de catro leguas ao redor dela, co que os mariñeiros de Carreira quedarían practicamente sen poder faenar nestas augas, o cal sería unha ruína para as súas economías familiares.

A principios do século XIX, as dificultades económicas fan que os habitantes de Carreira se despracen á illa para traballar como caseiros de explotacións agrícolas e gandeiras. Consolídase unha pequena aldea con oito casas ao redor dunha praza e dúas fontes de auga potable. A poboación era de 60 persoas e coñecíaselles polo nome da casa que habitaban.

Os caseiros pagaban ao amo (a familia Otero-Goyanes) a metade das recollidas agrícolas e a metade do gando nado na illa da súa propiedade.

 
O vapor Santa Isabel nas rías galegas.

Sálvora e o Concello de Ribeira foron honrados como "moi humanitarios", e especialmente catro mulleres foron condecoradas como Heroínas de Sálvora, polo auxilio aos náufragos do vapor-correo "Santa Isabel", no ano 1921 e que deixaría tras de si un rastro de 213 mortos.[3]

O principal lugar de relación social era a taberna, situada á beira do antigo almacén de salgadura, lugar onde se reunían os pescadores. Esa taberna converteríase cara a 1960 na capela de Santa Catarina, patroa da illa.

O Ministerio de Obras Públicas construíra en 1862 un faro, ao bordo sur da illa. A illa foi expropiada polo estado en 1904, que construíu a pista, o peirao, e inaugurou en 1921 o faro actual, de maior altura e se cadra non ben situado, polo que posteriormente houbo que voar toneladas de rochas que dificultaban o seu alcance no sector noroeste. O MOP construíu un pequeno peirao na praia do Almacén, fronte á taberna que o xa marqués consorte de Revilla, máis tarde, converteu na Capela de Santa Catarina.

En 1958 a familia Otero-Goyanes recuperou a propiedade da illa, xunto cos illotes de Vionta e Noro, estando a illa libre de cargas fiscais e sendo o prezo de compra ao estado español de 1.293.758 pesetas da época. Joaquín Otero Goyanes, Xeneral Auditor da Armada, conseguiu unha concesión dos bens do estado, en réxime de usufruto por 99 anos, que na práctica polas condicións da concesión supuxo unha cesión da titularidade de praias, camiños e fontes, que en seis ocasións foi ratificada polos tribunais.

En 1960 Joaquín Otero reconstruíu a fonte da Telleira, chamándoa fonte de Santa Catarina, adornada cos banzos da escaleira de caracol do faro vello, outros restos foron empregados nas torres engadidas ao almacén e nun lavadoiro, transpórtase á illa un tractor e instálase un xerador eléctrico. Todo iso con fondos do servizo de extensión agraria.

Pouco durarían xa os colonos, que reclamados pola instalación en terra de industrias propiedade da familia, decidiron irse a vivir ao continente. Aínda así o último habitante abandonou a aldea en 1972.

En marzo de 2007 a Illa foi adquirida por Caixa Galicia por 8,5 millóns de euros e a finais dese mesmo ano o Ministerio de Medio Ambiente exerceu o seu dereito de tenteo, comprando Sálvora, Vionta e Noro por esa mesma cantidade. A Xunta de Galicia, que figura como titular da paraxe desde o 1 de xullo de 2008, conxuntamente co Ministerio de Medio Ambiente iniciaron os traballos para rehabilitar o enclave.

Notas editar

  1. O Ministerio de Medio Ambiente pecha a merca de Sálvora Consello de Cultura Galega, 11 de setembro de 2007
  2. Cf. páx. 541 de "8. La Hidronimia de Galicia: tres estratos .." en Revista Estudios Mindonienses 24(2008)
  3. Andrés Pérez Gude. "Heroínas de la Isla de Sálvora". Canal Historia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29/12/2008. Consultado o 11/11/2008. 

Galería de imaxes editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar