O nome da rosa

novela de Umberto Eco publicada en 1980
(Redirección desde «Il nome della rosa»)

O nome da rosa (no orixinal en italiano: Il nome della Rosa) é unha novela de Umberto Eco publicada en 1980. En 1986, foi levada ó cine polo director Jean-Jacques Annaud, baixo o título O nome da rosa. O personaxe principal foi interpretado por Sean Connery.

O nome da rosa
Nova edición cos apuntamentos e ilustracións orixinais do autor.
Cuberta da tradución ao galego
Título orixinalIl nome della Rosa
Autor/aUmberto Eco
OrixeItalia
Linguaitaliano
Xénero(s)Novela policíaca, Novela histórica
EditorialItalia Bompiani (La nave di Teseo[1])
Galicia Aira Editorial
Data de pub.Italia 1980 (2020)
Galicia novembro de 2021
Formatotapa dura
Páxinas728
ISBNISBN 978-84-124512-0-7
Primeira edición galega
TraduciónMaite Jiménez Pérez
EditorialAira editorial novembro 2021
editar datos en Wikidata ]

Foi traducida ao galego por Maite Jiménez Pérez e publicada por Aira Editorial en 2021.[2]

Sinopse editar

No inverno de 1327, baixo o papado de Xoán XXII, Adso de Melk e o seu mestre Guillerme de Baskerville chegan a unha abadía, famosa pola súa impresionante biblioteca con estritas normas de acceso, situada nos Alpes italianos para organizar unha reunión entre os delegados do Papa e o emperador e poder discutir sobre a suposta herexía dunha rama dos franciscanos: os espirituais.

Porén, esta reunión vese ameazada por unha serie de asasinatos que aparentemente seguen a pauta dunha pasaxe da Apocalipse. Guillerme e Adso, saltándose en moitos momentos as normas da abadía, intentan resolver os asasinatos ata chegar ó trepidante final.

A historia é contada en primeira persoa polo xa ancián Adso, que desexa deixar un rexistro do que presenciou sendo mozo na abadía. O empeño posto en lograr unha ambientación adecuada implica que o autor use en repetidas ocasións citas en latín, especialmente nas conversacións eruditas entre os monxes. Tamén se reconstrúe con detalle a vida cotiá no mosteiro e a ríxida división horaria.

O significado do nome da rosa editar

O nome da rosa pode resultar un título moi confuso que causa a atención durante todo o traxecto da película, e unha intriga inquietante de saber que significa “a rosa”. Nunha entrevista Umberto Eco afirma que o título non foi posto ó rematar a obra, senón que o puxo despois de que a editorial rexeitara o de “Adso”. Eco quixo desviar a atención do lector para que quedase ó seu criterio. Realmente non existe un fundamento forte nin estable mediante o que se poida confirmar a orixe do título. Porén, unha interpretación plausible provén da última frase do libro: "Stat rosa pristina nomine, nomina nuda tenemus" (da rosa non resta senón o nome), que pode aludir a que, tralo incendio, de todo o acervo cultural e riqueza espiritual contidos na biblioteca da abadía quedou só o recordo.

Referencias a outras persoas e textos editar

A novela ten múltiples referencias máis ou menos explícitas. Adso é un tributo a Simplicio, un personaxe do Diálogo sobre os principais sistemas do mundo de Galileo Galilei (Ad simplicio, "para Simplicio") e ó Dr. J. H. Watson, compañeiro de Sherlock Holmes. Guillerme de Baskerville, alude polo seu nome, e en ocasións pola súa actuación, a Guillerme de Ockham e a Sherlock Holmes (protagonista do libro Hound of the Baskervilles). Tamén existen varias referencias a Jorge Luis Borges: Jorge de Burgos (o bibliotecario cego), a disposición da biblioteca-labirinto (segundo o modelo da "biblioteca de Babel" do libro Ficciones)...

Tamén se alude ó libro II da Poética de Aristóteles, sobre a comedia e a poesía iámbica, que se perdeu, aparentemente durante a Idade Media, e da que nada se coñece. É o libro que na novela causa a morte de varios monxes.

Realízase unha exposición do método científico e o razoamento dedutivo usado habilmente por Guillerme.

Repercusión editar

O éxito acadado pola primeira novela de Umberto Eco foi similar ó que obtivo a adaptación cinematográfica de Jean-Jacques Annaud en 1986. Na película Sean Connery interpreta o monxe franciscano e antigo inquisidor, e Christian Slater a Adso.

Tamén inspirou un videoxogo a finais dos 1980 chamado La abadía del crimen, así como un xogo de mesa aparecido en 1996, El misterio de la Abadía, e un xogo conversacional denominado En el nombre del señor.[3]

Notas editar

  1. Edición aumentada con apuntamentos e deseños do autor
  2. airaeditorial.gal (ed.). "O nome da rosa en Aira Editorial". Consultado o 27 de novembro de 2021. 
  3. [1].

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Eco, Umberto, El nombre de la rosa, y Apostillas a El nombre de la rosa, Editorial Lumen: Barcelona, 2005. ISBN 978-84-264-1437-3