Igrexa da Santísima Trindade de Ourense

construción relixiosa en Ourense

A igrexa da Santísima Trindade de Ourense é un templo parroquial de estilo gótico, construído entre os séculos XII e XVI.

Igrexa da Santísima Trindade de Ourense
Vista da igrexa
PaísEspaña
LocalizaciónOurense
Coordenadas42°19′59″N 7°51′51″O / 42.333047, -7.864091Coordenadas: 42°19′59″N 7°51′51″O / 42.333047, -7.864091
Diocesediocese de Ourense
EstiloArquitectura gótica
editar datos en Wikidata ]

Descrición editar

Fundouse entre finais do século XII e comezos do XIII a carón do hospital de peregrinos, o hospital de San Roque, do que xa se ten noticias a comezos do século XII. Nos séculos XV e XVI leváronse a cabo as reformas que lle deron o aspecto actual, con dúas características torres cilíndricas na fachada principal que lle outorgan un aspecto de castelo; unha delas, a da esquina norte, sostén un corpo cadrado de campás. Foi entón cando se engadiron á cabeceira, que dá á rúa do padre Benito Feijoo, uns recios contrafortes e unha crestería con pináculos de estilo gótico-flamíxero que percorre a cornixa.

 
Bóveda de crucería e retablo renacentista da Capela Maior.

Ao desaparecido hospital pertence a porta do adro exterior, trasladado aquí desde a súa localización orixinal na Alameda, onde na actualidade se atopa o edificio de Correos. Obra renacentista do século XVI, consiste nun arco de medio punto enmarcado por dúas columnas acanaladas e con dous medallóns representando aos médicos Hipócrates e Galeno. Posúe tímpano triangular, cun fornelo acollendo a imaxe pétrea de San Roque, nos extremos dúas figuras fantásticas en representación do mal, e no vértice, un anxo. Na parte posterior da porta hai unha pequena escultura da Piedade. O adro dá acceso ao recinto da igrexa, onde se ergue un cruceiro plateresco con imaxes de Cristo e a Piedade.

O templo ten dúas portadas de ingreso. A da fachada principal (occidental) presenta tripla arquivolta de arcos apuntados arrancada de columnas de fuste liso e capiteis de variada decoración que apean sobre unha base. O intradorso do arco inferior ten saíntes picudos, mentres que a clave superior e os salmeres están decorados cuns rostros de ruda talla, moi erosionados. A portada do lado do Evanxeio (norte) é menos abucinada, carece tamén de tímpano e presenta tres arquivoltas tardorrománicas decoradas con flores de catro pétalos, bolas, molduras baquetonadas e, o arco máis exterior, picos de serra. Baixo a arquería figura un único par de columnas de fuste liso.

No interior, de planta basilical, ou de nave única sen cruceiro, destaca a Capela Maior, cuberta con bóveda de crucería con profusión de nervios e claves, e presidida por un retablo do século XVI. Outros dous retablos laterais de estilo barroco, unha pía de auga bendita xeminada e algunhas pezas de imaxinería completan o mobiliario do templo.

Galería editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar