Identificación biométrica do tecleo

A identificación biométrica do tecleo é un método de verificación da identidade a través da forma de teclear, considerada como un dos métodos biométricos máis innovadores, e atópase en fase de desenvolvemento. Tamén se pode usar como método de identificación.

Proceso editar

Estudos da Fundación Científica Nacional (a NSF), e o Instituto Nacional de Estándares e Tecnoloxía (o NIST) dos EUA, atoparon que a forma de teclear de cada persoa ten características únicas. A análise da forma de teclear baséase, principalmente, en dúas variables: o tempo que se mantén pulsada cada unha das teclas e o tempo que pasa entre dúas pulsacións. Segundo o método, tamén se poden utilizar variables como a frecuencia de erros, o hábito de teclear os números dende o teclado numérico, ou a forza con que se pulsa cada tecla (require dun teclado especial).

A forma de teclear dunha mesma persoa pode cambiar en distintas situacións, en función do estado de atención ou de saúde, por exemplo. Tamén se pode notar unha grande diferenza ao cambiar o modelo do teclado, sobre todo entre un teclado convencional e o teclado dun portátil. Por todo isto, o sistema de recoñecemento ten que ser o suficientemente flexible como para ter en conta este nivel de variabilidade. Os sistemas actuais teñen capacidade de aprendizaxe, e van adaptando a mostra que identifica a un usuario cada vez que estea a usar o sistema. Isto é moi útil nos sistemas nos que usuario sempre teclea a mesma palabra ou frase para identificarse, pois co paso do tempo, vai automatizando o proceso, e cambian os tempos rexistrados.

Uso editar

Para rexistrarse por primeira vez na base de datos é necesario teclear varias veces un determinado texto para que o sistema poida obter unha mostra que identifique a forma de teclear do usuario. Pero durante o uso diario do sistema para identificarse, o usuario non ten nin porque darse conta de que o sistema o está identificando, pois a verificación da identidade pode realizarse mentres o usuario traballa co ordenador, sen interferir para nada no seu rendemento.

A forma de teclear pode cambiar ao longo da vida do usuario, sobre todo cando aínda se está aprendendo a teclear. Por outro lado, feridas ou amputacións de dedos tamén afectarían á forma de teclear, o que faría necesario volver a rexistrar o patrón que identifica ó usuario.

Este é método de identificación biométrica máis barato. Para autenticarse ante o ordenador soamente se necesitaría un teclado, e o software de recoñecemento. Calquera persoa capaz de empregar un teclado podería utilizar este método de identificación.

Exemplos de uso editar

A cota de mercado da identificación por tecleo é aínda moi baixa, tendo en conta que os sistemas actuais necesitan que se teclee moito para poder identificar ao usuario. É por isto que o seu uso está restrinxido a empresas nas que os empregados introducen moitos datos, nas que se usa o recoñecemento por tecleo para identificar ao usuario que está traballando nese momento no ordenador.

Así é todo, a empresa NetNanny xa comercializa o seu produto BioPassword. Patentado en decembro do 2000, o seu sistema foi o primeiro en saír ó mercado que ofrecía unha compatibilidade de hardware do 100 % [1]. O sistema non necesitaría de hardware especializado, e funciona con calquera teclado estándar.

Notas editar

  1. "Artigo en T-Net British Columbia". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2007. Consultado o 02 de decembro de 2006. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar