Un homúnculo (ou homunculus na súa forma latina, que significa 'pequena persoa') é un ser humano en miniatura.[1] Popularizouse na alquimia do século XVI e na literatura de ficción do século XIX, e historicamente referíase á creación dunha miniatura dun ser humano completamente formado. O concepto ten as súas raíces na doutrina sobre o desenvolvemento biolóxico dos organismos do preformacionismo, así como en historias folclóricas antigas e nas tradicións alquimistas.

Esta denominación prestou o seu nome ao termo neurofisiolóxico homúnculo cortical, que é unha imaxe dunha persoa co tamaño das súas partes distorsionado que representaba a área do córtex cerebral que controla e procesa os sinais motores e sensoriais de diferentes partes do corpo. Por exemplo, a man debúxase máis grande que o pé, porque unha porción máis grande do córtex estaba dedicada a controlar a man.

Historia editar

Alquimia editar

 
Paracelso considérase que foi quen primeiro mencionou o termo homúnculo (homunculus) nas súas obras De homunculis (c. 1529–1532) e De natura rerum (1537).

Durante os tempos medievais e inicio dos modernos, pensábase que se podía crear un homúnculo, un ser artificial similar a un humano, por medio da alquimia.[1] O termo homúlculo apareceu por primeira vez en escritos alquimistas atribuídos a Paracelso (1493–1541). En De natura rerum (1537) Paracelso esboza o seu método de crear homúnculos:

Que o esperma dun home se deixe apodrecer nunha cucurbita [recipiente para a destilación parte do alambique, a cúpula] selada durante corenta días co maior grao de putrefacción no ventre de cabalo ["venter equinus", en alquimia significa en realidade "esterco de cabalo fermentado quente"[2]], ou polo menos por tempo suficiente para que cobre vida e se mova por si mesmo, e se remexa, o que é facilmente observado. Despois de pasado ese tempo, hase parecer algo a un home, pero será transparente, sen un corpo. Se, despois diso, é alimentado sabiamente co Arcano de sangue humano, e é nutrido por corenta semanas, e é mantido na calor uniforme do ventre do cabalo [esterco], un neno humano crecerá a partir del, con todos os seus membros iguais aos de calquera neno que nacese dunha muller, pero moito máis pequeno.[3]:328–329

Supoñíase que un homúnculo completamente crecido era moi versado en "arte" (da alquimia) e podía crear xigantes, ananos e outras marabillas, xa que "por medio da arte neceron, e, por tanto, a arte é encarnada e innata neles, e non necesitan aprendela de ninguén."[4]

Fixéronse comparacións con varios conceptos similares nos escritos dos primeiros alquimistas. Aínda que a palabra exacta "homunculus" nunca se usou daquela, Carl Jung cría que o concepto aparecera primeiro nas Visións de Zósimo, escrita no século III d.C. Nas visións, Zósimo encontra un sacerdote que o transforma no "oposto de si mesmo, nun anthroparion mutilado".[5]: 60 A palabra grega "anthroparion" é similar ao latino "homunculus", unha forma diminutiva de "persoa". Zósimo posteriormente encontrou outros "anthroparia" no seu soño pero non hai mención dunha creación artificial de vida. No seu comentario, Jung iguala o homúnculo coa pedra filosofal, e a "persoa interna" en paralelo con Cristo.[5]:102

Na alquimia islámica, o takwin (árabe: تكوين) era un obxectivo a conseguir para certos alquimistas musulmáns, e atópase frecuentemente en escritos do corpus de Jābir ibn Hayyān. No contexto da alquimia, takwin refírese á creación artificial de vida, que abrangue o rango completo da cadea de seres, desde os minerais aos profetas, imitando a función do demiúrgo. Un conxunto de instrucións para crear vida animal atópase no Kitab al-Tajmi de Jābir e implica atopar un recipiente coa forma dun animal e combinar nel os fluídos corporais do animal, despois situar o recipiente no centro dun modelo dunha esfera celeste á vez que se lle aplica calor. Algúns dos alquimistas crían que estes métodos se orixinaron nalgunha parte da India ou do sueste asiático.[6]

O homúnculo seguiu aparecendo en escritos alquímicos despois do tempo de Paracelso. As vodas alquímicas de Christian Rosenkreutz (1616) por exemplo, conclúe coa creación dunha forma de macho e femia identificada como Homunculi duo. O texto alegórico suxire ao lector que o obxectivo final da alquimia non é a crisopea (crear ouro), senón que é, en realidade, a xeración artificial de seres humanos. Aquí, a creación de homúnculos representa simbolicamente a rexeneración espiritual e a soterioloxía cristiá (doutrina da salvación).[3]:321–338

En 1775, Count Johann Ferdinand von Kufstein, xunto con Abbé Geloni, un crego italiano, fora recoñecido como o creador de dez homúnculos coa capacidade de adiviñaren o futuro, que von Kufstein mantivo en recipientes de cristal na súa loxia masónica de Viena. O libro do Dr. Emil Besetzny sobre masonería Die Sphinx, dedica un capítulo enteiro aos wahrsagenden Geister (espíritos adiviños do futuro). Dicíase que estes espíritos foran vistos por varias persoas, incluíndo dignatarios locais.[7][8]:306

Folclore editar

Non aparecen referencias escritas ao homúnculo antes das obras alquímicas do século XVI pero os alquimistas puideron verse influenciados por tradicións folclóricas anteriores. A mandrágora, coñecida en almenán como Alreona, Alraun ou Alraune é un exemplo; a Historia e práctica da maxia de Jean-Baptiste Pitois fai unha comparación directa coa mandrágora nunha pasaxe:

Quere facer unha Mandrágora, tan poderosa coma o homúnculo (pequeno home nunha botella) tan alabado por Paracelso? Entón encontre unha raíz da planta chamada brionia. Arrínquea da terra un luns (o día da lúa), un pouco tempo despois do equinoccio vernal. Corte os extremos da raíz e entérrea pola noite nalgún cemiterio de campo na tumba dun defunto. Durante 30 días, réguea con leite de vaca na cal foron afogados tres morcegos. Cando chegue o día 31º, arinque a raíz no medio da noite e séquea nun forno alimentado con ramas de verbena; despois envólvaa nun cacho de mortalla de defunto e lévea consigo a todas partes.[9]

O homúnculo tamén foi comparado co golem do folclore xudeu. Aínda que os detalles específicos da creación do golem e o homúnculo son moi diferentes, ambos os conceptos relacionan metaforicamente o home coa divindade, na súa construción da vida á súa propia imaxe.[10]

Preformacionismo editar

Artigo principal: Preformacionismo.
 
Nicolaas Hartsoeker en 1695 debuxou unha diminuta persoa dentro dun espermatozoide.

O preformacionismo é a antiga teoría popular de que os animais se desenvolvían a partir de versións diminutas deles mesmos. Críase que o espermatozoide contiña individuos completamente preformados similares aos chamados "animálculos" (como os que parecían observarse despois cos primeiros microscopios). O desenvolvemento era, polo tanto, cuestión de que medrase ata ser un ser completamente formado. O termo homúnculo foi despois usado na discusión da concepción e o nacemento.

Nicolas Hartsoeker postulou a existencia de animálculos no seme de humanos e outros animais. Este foi o inicio da teoría dos espermistas, que sostiñan que o espermatozoide era en realidade un "pequeno home" que era depositado dentro dunha muller para que crecese alí ata converterse nun meniño, unha axeitada explicación para moitos dos misterios da concepción. Sinalouse posteriormente que se o espermatozoide era un homúnculo, idéntico en todo agás no tamaño a un adulto, entón o propio homúnculo podía ter tamén espermatozoides. Isto levou a unha redución ao absurdo cunha cadea de homúnculos ata o infinito, unha idea tamén coñecida como a falacia do homúnculo. Porén, isto non era necesariamente considerado unha obxección definitiva polos espermistas, xa que explicaba claramente como "en Adán" todos os seres humanos pecaran: a humanidade completa estaba xa contida nas súas entrañas e así o pecado orixinal de Adán transmitíase a toda a estirpe humana. A teoría dos espermistas tampouco conseguía explicar por que os nenos adoitan parecerse tamén ás súas nais e non só aos seus pais, aínda que algúns espermistas crían que o homúnculo en crecemento asimilaba características maternas mentres estaba no útero.[11]

Uso terminolóxico na ciencia moderna editar

Artigo principal: Homúnculo cortical.
 
Homúnculo cortical motor do córtex cerebral.

O homúnculo utilízase comunmente hoxe en disciplinas científicas como a psicoloxía ou neuroloxía como unha ferramenta de ensinanza ou de memorización para describir o modelo a escala distorsionado dun corpo humano debuxado ou esculpido para reflectir o espazo relativo que ocupan as neuronas dedicadas a distintas partes do corpo no córtex somatosensorial (o "homúnculo sensorial") e no córtex motor (o "homúnculo motor"). Tanto o homúnculo motor coma o sensorial adoitan representarse como un pequeno corpo humano superposto sobre a parte superior das circunvolucións ou xiros cerebrais precentral ou postcentral dos córtex motor e sensorial, respectivamente. O homúnculo está orientado cos pés en posición medial e os ombreiros en posición lateral sobre ambas as circunvolucións. A cabeza do homúnculo represéntase boca abaixo en relación ao resto do corpo e a fronte é o que queda máis preto dos ombreiros. Os beizos, mans, pés e órganos sexuais teñen máis neuronas sensoriais que outras partes do corpo, así que o homúnculo ten en consecuencia esas partes máis grandes. O homúnculo motor é moi similar ao sensorial, pero difire de varias maneiras. Concretamente, o homúnculo motor ten unha porción para a lingua máis lateral, mentres que o homúnculo sensorial ten unha área para os xenitais máis medial e unha área para os órganos viscerais máis lateral.[12][13] Esta representación, ben coñecida no campo da neuroloxía, chámase tamén "o pequeno home dentro do noso cerebro". Este modelo científico coñécese como o homúnculo cortical.

Na ciencia médica, o termo homúnculo aplícase ás veces a certos teratomas quísticos ováricos similares a un feto. Estes adoitan conter pelo, material sebáceo e nalgúns casos cartilaxinoso ou estruturas óseas.[14]

Nun artigo recente publicado na revista revisada por pares Leonardo titulado "The Missing Female Homunculus” (O homúnculo feminino perdido)[15] escrito por Haven Wright e Preston Foerder volve a tratarse a historia do homúnculo en relación coa investigación actual sobre o cerebro feminino, e revela o que eles cren que é a primeira escultura do homúnculo feminino, feita polo artista e primeiro dos autores Haven Wright, baseándose nos coñecementos actualmente dispoñibles.

Na cultura popular editar

Literatura antiga editar

 
Gravado do século XIX de Wagner e o Homúnculo da obra de Goethe Fausto II

Os homúnculos poden atoparse ao longo de varios séculos de literatura. Estas ficcións están centradas arredor de especulacións imaxinativas sobre a busca da forma de crear vida artificial asociada coa alquimia de Paracelso. Unha das referencias máis temperás aparece no Religio Medici (1643) de Thomas Brown, na cal o autor afirma:

Non son da opinión de Paracelso que audazmente entrega unha receita para facer un home sen conxunción ...[16]

A fábula do homúnculo creado alquimicamente puido ser fundamental no Frankestein (1818) de Mary Shelley. O profesor Radu Florescu suxire que Johann Konrad Dippel, un alquimista nado en Castle Frankenstein, puido ser a inspiración para crear o personaxe de Victor Frankenstein. Na obra Fausto, Parte II (1832) do dramaturgo alemán Johann Wolfgang von Goethe aparece un ben coñecido homúnculo creado por alquimia.[17] Aquí, o personaxe Homúnculo encarna a busca do nacemento dun espírito puro en forma mortal, contrastando co desexo de Fausto de despoxarse do seu corpo mortal para converterse nun espírito puro. A idea alquímica de que a alma non está aprisionada no corpo, senón que pode encontrar o seu estado máis brillante conforme pasa polo plano material, é fundamental neste personaxe.[18] William Makepeace Thackeray escribiu usando o pseudónimo de Homunculus.[19]

Literatura contemporánea editar

A lenda do homúnculo, Frankenstein e Fausto seguiron influíndo nas obras dos séculos XX e XXI. O tema foi usado non só na literatura de fantasía, senón tamén para ilustrar temas sociais. Por exemplo, as escritoras británicas para nenos Mary Norton e Rumer Godden usaron o motivo do homúnculo nas súas obras, expresando varias ansiedades de posguerra sobre refuxiados, persecución de minorías na guerra e a adaptación desas minorías a un mundo "grande".[20] A novela de 1908 de W. Somerset Maugham The Magician utiliza o concepto de homúnculo como un elemento importante da trama. A historia curta de David H. Keller "A Twentieth-Century Homunculus" (1930) describe a creación de homúnculos a escala industrial por un par de misóxinos. Igualmente, The Homunculus: A Magic Tale (1965) de Sven Delblanc trata a presunta misoxínia e os complexos industrias-militares da Guerrra Fría da Unión Soviética e a OTAN. No libro da autora para nenos alemá Cornelia Funke, Xinete de dragón, os proagonistas coñecen e son axudados por un homúnculo creado por un alquimista. Porén, nesta historia o homúnculo, e en senso amplo a alquimia, vese máis como un fenómeno máxico, en lugar de ter necesariamente un significado simbólico.

Noutros medios editar

Os homúnculos ou homunculi aparecen en fantasías para televisión, películas e xogos igual que na literatura. Poden atoparse exemplos en numerosos medios, como no podcast Hello from the Magic Tavern, as películas Homunculus (1916), Bride of Frankenstein (1935), The Golden Voyage of Sinbad (1973), O episodio de Dr. Who The Talons of Weng-Chiang (1977), a película para televisión Don't Be Afraid of the Dark (1973) e a súa versión teatral (2011), Being John Malkovich (1999), a película de Guillermo del Toro The Devil's Backbone (2001), a de Shane Acker 9 (2009), a de Philipp Humm The Last Faust (2019), a de Yorgos Lanthimos Poor Things (film) (2023), programas de televisión (como Bloodfeast, American Dad, Rick and Morty (tempada 2, episodio 1) (2015), Smiling Friends (tempada 1, episodio 5) (2022), e The Big Bang Theory (tempada 3, episodio 3), protagonizada por Johnny Galecki), xogos de rol de fantasía (como Dungeons & Dragons), videoxogos (como Ragnarok Online, Valkyrie Profile, Shadow of Memories, a serie The Legend of Heroes, Cabals: Magic & Battle Cards, Genshin Impact, Bayonetta 3 e Master Detective Archives: Rain Code), libros (como The Secret Series e Sword of Destiny ou Seventy-Two Letters de Ted Chiang), novelas gráficas (como Bureau for Paranormal Research and Defense) e mangas (como Akihabara Dennō Gumi, Homunculus, Stone Ocean, Fullmetal Alchemist, Sorcerous Stabber Orphen,[21] Fate/Zero e Gosick).

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "homunculus". Britannica. Consultado o 3 de febreiro de 2024. 
  2. Newman, William Royall (2005). Promethean ambitions: alchemy and the quest to perfect nature (Paperback ed.). Chicago, Ill.: Univ. of Chicago Press. p. 215. ISBN 978-0-226-57524-7. 
  3. 3,0 3,1 Grafton, Anthony (1999). Natural Particulars: Nature and the Disciplines in Renaissance Europe. MIT Press. 
  4. Newman, William R. (1998-09-24). Koertge, Noretta, ed. Alchemy, Domination, and Gender William R. Newman. A House Built on Sand (en inglés) (1ª ed.) (Oxford University Press New York). pp. 216–226. ISBN 978-0-19-511725-7. doi:10.1093/0195117255.003.0014. Consultado o 2023-07-28. 
  5. 5,0 5,1 Jung, Carl (1967). Alchemical Studies. 
  6. Joseph Needham (1980). Science and Civilisation in China: Volume 5, Chemistry and Chemical Technology. Cambridge University Press. pp. 486–487. ISBN 9780521085731. 
  7. Besetzny, Emil. (1873). Die Sphinx, pp. 111–157. Vienna.
  8. Hartmann, Franz (1896). The Life of Philippus Theophrastus Bombast of Hohenheim: Known by the Name of Paracelsus, and the Substance of His Teachings. London: Kegan Paul, Trench, Trübner. p. 306. 
  9. pp. 402–403, by Paul Christian. 1963
  10. Campbell, Mary Baine. "Artificial Men: Alchemy, Transubstantiation, and the Homunculus". Republics of Letters: A Journal for the Study of Knowledge, Politics, and the Arts 1 (2). Arquivado dende o orixinal o 2019-10-22. Consultado o 2013-01-17. 
  11. "Epigenesis and Preformationism". Stanford Encyclopedia of Philosophy. 11 de outubro de 2005. 
  12. Saladin, Kenneth (2012). Anatomy and Physiology: The Unity of Form and Function, 6th Edition. McGraw-Hill. 
  13. "BrainConnection.com - The Anatomy of Movement". Brainconnection.positscience.com. Arquivado dende o orixinal o 2012-07-26. Consultado o 2012-01-29. 
  14. Lee, Yong Ho; Kim, Sung Gun; Choi, Sung Hyuk; Kim, In Sun; Kim, Sun Haeng (2003). "Ovarian Mature Cystic Teratoma Containing Homunculus: A Case Report". Journal of Korean Medical Science 18 (6): 905–907. ISSN 1011-8934. PMC 3055135. PMID 14676454. doi:10.3346/jkms.2003.18.6.905. 
  15. Wright, Haven; Foerder, Preston (2020). "The Missing Female Homunculus". Leonardo 54 (6): 1–8. doi:10.1162/leon_a_02012. 
  16. Thomas Browne. Religio Medici. 1643. Part 1: 35. Orixinal: "I am not of Paracelsus minde that boldly delivers a receipt to make a man without conjunction"
  17. Ver Poet lore; a quarterly of world literature 1889 p. 269ff A Faust Problem: What was the Homunculus? and Faust by Goethe Faust p. 350ff
  18. Latimer, Dan (1974). "Homunculus as Symbol: Semantic and Dramatic Functions of the Figure in Goethe's Faust". MLN (The Johns Hopkins University Press) 89 (5): 814. JSTOR 2907086. doi:10.2307/2907086. 
  19. John Bull and his wonderful lamp: a new reading of an old tale de Homunculus.
  20. Dubosarsky, Ursula (2006). "Post-war place and displacement in Rumer Godden's "The Doll's house" and Mary Norton's "The Borrowers"". CREArTA 6 (Special Issue): 103–107. hdl:1959.14/76602. 
  21. Mizuno, Ryou (2019). Sorcerous Stabber Orphen Anthology. Commentary (en xaponés). TO Books. p. 237. ISBN 9784864728799. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar