Historia de San Petersburgo

(Redirección desde «Historia urbana de San Petersburgo»)

San Petersburgo non saca o seu nome do seu fundador o tsar Pedro I, senón do apóstolo Pedro. A fortaleza, embrión da cidade, levou brevemente o nome de Sankt-Pieterburch, derivado do nome neerlandés Sint Pietersburg, despois a cidade foi reelixida moi rapidamente Sankt-Peterburg (consonancia alemá). No transcurso do século XX, a cidade foi rebautizada tres veces por razóns políticas.

Augaforte representando San Petersburgo en 1753.

A fundación en San Petersburgo dunha nova capital forma parte da serie de reformas emprendidas polo tsar Pedro I o Grande para facer de Rusia un país moderno e unha potencia europea. Para creación da cidade fanse vir artesáns e enxeñeiros de toda Europa, en particular de Países Baixos, para facer da cidade un centro maior das técnicas e das ciencias.

As principais rebelións e revolucións do período moderno da historia rusa, dende a rebeldía do levantamento decembrista en 1825 ata os acontecementos que conduciron á creación da Unión Soviética, teñen lugar en San Petersburgo.

Antes da fundación editar

A rexión pantanosa do delta do río Neva estivo habitada por pequenas aldeas e gornecida con bastións militares dende o século XIII dentro dunha guerra intermitente de fronteira entre rusos e nórdicos (suecos). Unha primeira fortaleza sueca, Landskrona, foi erixida na desembocadura do río Okhta no Neva en 1299. En 1349 outra fortaleza (Kanzi) foi levantada no lugar polo príncipe de Novgorod.

En 1611 os suecos construíron alí unha nova fortaleza (Nyenskans) e próxima, na outra beira do Okhta, a vila de Nyen. A poboación crece ata adquirir certa relevancia constituíndo o primeiro antecedente urbano no soar da actual cidade [1],[2].

En 1703 os rusos conquistan Nyen e quince días despois o Tsar Pedro I funda oficialmente, augas abaixo do Neva, no delta, a cidade de San Petersburgo.

Fundación da nova capital editar

 
Mapa dos comezos da cidade
no Delta do Neva (1705).

O primeiro que se constrúe é unha cidadela de protección (Fortaleza de Pedro e Paulo) nunha illa da beira norte do Neva [3] , e outra fortaleza con estaleiro (o Almirantado, 1704 [4]) na beira sur. Arredor da primeira creceu espontaneamente un inicial poboamento (casa de Pedro I e primeiro peirao).

Pero os plans de Pedro I eran os de abrir Rusia a Europa, e a porta sería unha gran capital, base naval e portuaria fronte ao Golfo de Finlandia no Mar Báltico. Os modelos, Ámsterdam e Venecia que ben coñecía (apropiados dado ás condicións asolagadas do solo); e os técnicos, enxeñeiros e arquitectos alemáns, suízos (do Ticino), franceses e italianos. En 1712 produciuse o nomeamento oficial da cidade coma capital do país en detrimento de Moscova, o que obrigaba á elaboración dun plan urbano axeitado [5],[6].

Pedro I imaxinaba a illa Vasilievski que divide a foz do Neva en dous brazos coma corazón da futura cidade e decidiu realizar o proxecto de Domenico Trezzini (ortogonal e segundo o modelo holandés de polders e canles) desbotando o máis ideal e ampuloso de Le Blond. Aínda que non levado completamente a cabo, ao seu xeito marcou esa parte da urbe (os eixos elixidos, os do primitivo Pazo Menschikov fronte ao Almirantado e o camiño dende o seu xardín ao mar, terminaron por seren os da cidade futura) [7].

A capitalidade produciu unha migración masiva de cortesáns e persoal administrativo (50.000 novos habitantes). A regulación e estandarización de fachadas e sistemas construtivos para evitar os lumes e homoxeneizar as rúas foi relativamente exitosa. Pero todo iso quedou detido cando, á morte de Pedro o Grande en 1725, o seu sucesor levou a capitalidade de volta a Moscova.

O novo centro na beira sur do Neva editar

En 1737, de novo capital do Imperio Ruso e tras unha serie de grandes incendios na zona do Almirantado, decidiuse reconstruír e reorganizar ese barrio da beira sur do Neva coma novo centro da cidade (máis accesible ao non ter que cruzar o río), baixo a tutela dunha Comisión de Construción. Entre o Neva e un dos seus brazos que corre paralelo máis ao sur (Fontanka, que se converterá na canle das residencias aristocráticas [8]), permanece ata hoxe en día coma núcleo histórico da metrópole.

 
Plan para San Petersburgo baixo Catarina II

Usando o Almirantado coma foco, tres arterias parten radialmente nunha disposición típica do barroco [9] (Versalles). A do leste, que levaba ata o Mosteiro de Alexander Nevski (dende 1710), converteuse na avenida principal de San Petersburgo, a Nevsky Prospekt [10].

Con Catarina II (1762-96) un novo pulo ao urbanismo peterburgués foi levado adiante da man doutra comisión de planificación. Executouse a expansión ao sur da cidade máis aló do Fontanka. As beiras do río foron canalizadas en cantaría de granito e os brazos convertidos en canles, creándose paseos e parques xunto aos cursos de auga (Pazo de Verán e Campo de Marte no comezo do Moika e Fontanka), e varias pontes en pedra. As frontes edificadas acabadas e uniformes estilisticamente, dando unha impoñente imaxe de conxunto que permanece ata hoxe.

Século XIX: Grandes composicións urbanas editar

Ao carón do Almirantado polo leste, dende o comezo houbo un chamado Palacio de Inverno (primeiro de Pedro I e sucesivamente ampliado ata o actual Ermitage). De diante, a Praza do Pazo foi completada no primeiro terzo do XIX cun maxestoso conxunto: pechando o sur o edificio semicircular do Estado Maior cun Grande Arco Triunfal que leva ata a Perspectiva Nevski; e no centro erixiuse a Columna de Alexandre I conmemorativa da vitoria sobre Napoleón[11],[12].

 
Perspectiva da Strelka

Ao mesmo tempo un Novo Almirantado é construído con nobres fachadas cara a cidade (as súas fortificacións son demolidas), cunha nova torre central rematada nunha esvelta agulla[13]. Da banda do Neva, enfronte do Almirantado, a punta leste da illa Vasilievski (Strelka) sempre tivo unha particular relevancia (Pazo de Menshikov e Doce Colexios). Agora remátase co novo edificio neoclásico da Bolsa e dúas Columnas Rostrais [14][15], que compoñen, xunto a ribeira no Pazo de Inverno, a fachada fluvial da cidade e, ao fondo, a fortaleza de Pedro e Paulo coa torre da catedral homónima, unha das máis fermosas e impresionantes paisaxes urbanas[16],[17].

 

Finalmente, no lado occidental do Almirantado unha nova praza, a do Senado (hoxe Decembristas) coa estatua ecuestre de Pedro o Grande, fai de extenso adro xunto ao Neva da gran catedral de Santo Isaac (1858)[18][19].

Por outra banda, o eixo da Perspectiva Nevski enriquécese no seu curso con intervencións máis burguesas (a diferenza das imperiais anteditas)[20][21],[22]: Así a Catedral de Kazán [23], o Pazo Mijailovski, os almacéns Gostinii Dvor, o conxunto do Teatro Alexandrinski cun eixo e praza semicircular aberta ao Fontanka con ponte[24], o Pazo Anichkov e ponte tamén sobre dito canal e a praza da Estación de Moscova, entre as máis senlleiras.

Este é basicamente o organismo urbano que vai permanecer coma estrutural e definitorio da presente metrópole. O despótico e magnífico escenario dunha abraiante vida cultural que viviron Pushkin, Nikolai Gogol, Dostoievski, Turguiéñef ou Tchaikovski[25].

Industrialización e revolución editar

 
S.Petersburgo 1903.

Como resultado do decreto de 1861 sobre a emancipación dos servos, inxentes cantidades de man de obra barata inmigraron á cidade. Iso e o ferrocarril (dende 1851) facilitaron o desenvolvemento da revolución industrial na capital, convertendo a San Petersburgo nun dos maiores polos fabrís de Europa e a maior cidade de Rusia, adiantando a Moscova. As industrias e os barrios obreiros creceron no sur, dende a zona da estación ata o mar no oeste onde localizouse o futuro porto da cidade, e ao longo da beira norte do delta [26].

A nova clase maioritaria, o proletariado, acadou conciencia política e comezou a época das revoltas contra o vello réxime aristocrático absolutista. A cidade imperial mudouse en revolucionaria.

Finalmente, o 23 de outubro de 1917 (Revolución de Outubro), coa simbólica toma do Pazo de Inverno polos bolxeviques, unha nova era da cidade e do mundo daba comezo.

Leningrado editar

Co estalo da primeira guerra mundial o nome da cidade tíñase rusificado (Petrogrado). En 1918, por motivos de seguridade ante a proximidade das forzas antisoviéticas, a capitalidade trasládase a Moscova. Este feito, xunto cos desastres da guerra civil, provocaron unha dramática perda de poboación (2 318 000h en 1915; 722.000h en 1920).

A morte de Lenin (1924) a cidade muda o seu nome a Leningrado. O seu sucesor, Stalin, desenvolve as tarefas de reconstrución. En 1935 preséntase un Plan Xeral que marca un novo eixo vertebral da metrópole cara ao sur: a Moskovski Prospekt. Tamén define a área metropolitana máis aló dos límites municipais: o futuro desenvolvemento ao longo da ribeira sur do Golfo de Finlandia e na beira leste do Neva [27].

A segunda guerra mundial interrompeu a súa introdución. A cidade volveu a sufrir grandemente (asedio de case dous anos e medio o asedio das tropas nazis; máis dun millón de mortos e evacuados). Pero a reconstrución posterior seguiu de preto as súas liñas mestras (plans de 1948 e 1958-66), a máis de estender a cidade cara ao norte e rematar na beira oeste da illa Vassilievski [28].

Futuro editar

En 1991 os cidadáns votaron, xa na Rusia postsoviética, volver ao vello nome de Saint Petersburg. Non sen dificultades ao comezo, nos últimos anos a economía da vella capital semella recuperada, e albíscase un prometedor futuro sobor de todo da man do turismo, atraído pola marabilla do seu esplendoroso patrimonio urbano [29].

Notas editar

  1. Delta do Neva coa situación de Nyen
  2. "Planta de Nyen e Nyenskans en 1698". Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2012. Consultado o 01 de xullo de 2012. 
  3. "Planta da Fortaleza de Pedro e Paulo, 1707". Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2012. Consultado o 01 de xullo de 2012. 
  4. "Planta do Almirantado cos estaleiros". Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2012. Consultado o 08 de xullo de 2012. 
  5. Plan de D. Trezzini para a Illa Vasilievski, 1716[Ligazón morta]
  6. Plan para San Petersburgo de Le Blond, 1717[Ligazón morta]
  7. Plan da cidade elixido por Pedro I, 1717[Ligazón morta]
  8. Fontanka en 1820[Ligazón morta]
  9. "Almirantado e Perspectiva Nevski nunha vista aérea moderna". Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2011. Consultado o 04 de agosto de 2009. 
  10. Planta de San Petersburgo en 1756
  11. "Planta do conxunto da Praza do Pazo". Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2010. Consultado o 08 de agosto de 2009. 
  12. Praza do Pazo nunha vista aérea moderna[Ligazón morta]
  13. Novo Almirantado dende a Praza do Pazo[Ligazón morta]
  14. Plan do conxunto na punta da illa Vasilievski[Ligazón morta]
  15. A Bolsa e Columnas Rostrais, 1817[Ligazón morta]
  16. Vista aérea xeral co Neva no centro[Ligazón morta]
  17. "Plano de San Petersburgo, 1834". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2007. Consultado o 08 de agosto de 2009. 
  18. Perspectiva de Santo Isaac a carón do Almirantado
  19. Vista aérea da Catedral de Santo Isaac e Praza do Senado[Ligazón morta]
  20. Debuxo en perspectiva dos principáis monumentos da Perspectiva Nevski e o centro da cidade [1][Ligazón morta]
  21. "Fachada norte da Perspectiva Nevski". Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2011. Consultado o 04 de agosto de 2009. 
  22. "Fachada sur da Perspectiva Nevski". Arquivado dende o orixinal o 06 de decembro de 2010. Consultado o 04 de agosto de 2009. 
  23. Vista da Catedral de Kazán na Perspectiva Nevski, 1811[Ligazón morta]
  24. "Implante urbano do conxunto do Teatro Alexandrinski". Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2010. Consultado o 27 de agosto de 2009. 
  25. "Panorama de época de San Petersburgo". Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2010. Consultado o 27 de agosto de 2009. 
  26. "Plano de San Petersburgo, 1916". Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2012. Consultado o 28 de agosto de 2009. 
  27. Esquema de expansión do Plan Xeral de 1935[Ligazón morta]
  28. "Plan Xeral de 1958-66". Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2010. Consultado o 30 de agosto de 2009. 
  29. San Petersburgo 1991, carta satelital

Véxase tamén editar

Outros artigos editar