Historia de Hiderabad

(Redirección desde «Historia urbana de Hiderabad»)

Golconda editar

Achados arqueolóxicos recentes da idade de Ferro e túmulos megalíticos falan dun poboamento da área dende polo menos o 500 a. C.

Pero o primeiro asentamento permanente coñecido data do 1143, cando os gobernantes da dinastía hindú Kakatiya de Warangal erixen, nun outeiro a occidente do centro da cidade actual, unha primitiva fortaleza de barro, chamada Golconda [1]. En 1347 pasará a poder do sultanato islámico de Bahmani. Reconstrúese o forte na segunda metade do século XIV converténdose en capital dunha importante provincia.

Co colapso do sultanato en 1512 comeza o período de esplendor da cidade-fortaleza coma capital do propio Reino de Golconda coa dinastía Qutub Shahi. Refaise a fortificación primitiva en sólido cadeirado e amplíase cun recinto externo de 7–10 km. A corte instálase nun complexo palaciano pegado á cidadela[2]. Eríxense mesquitas e fóra de murallas, ao noroeste, un conxunto de tumbas reais. Golconda era centro do comercio de diamantes da época.

A nova capital dos Qutub Shahi editar

Os inconvenientes do precario abastecemento de auga no alto e as epidemias derivadas fixeron que o sultán Muhammad Quli Qutb Shah decidira fundar en 1589 unha nova cidade a uns quilómetros ao leste, na beira meridional do río Musi, onde o seu pai construíra unha ponte (Purana Pul, ponte vella) [3].

 
O Char Kaman; ao fondo, o Charminar e á dereita a mesquita Mecca Masjid.

O plan en cuadrícula tiña a característica de partir dunha praza central cun monumental cuadripórtico, o Charminar [4][5]. A cidade recibiu o nome de Hiderabad (polo da amada de Muhammad conversa ao islam, Hider Mahal). O sultán quería plasmar a idea do paraíso coránico na nova capital (ao norte do Charminar outra praza cunha fonte e catro portas cerimoniais ou Char Kaman [6]). Inspirándose no modelo da Isfahán safávida mandou traer arquitectos persas para o seu planeamento e execución [7].

A cidade creceu acomodando o surplus de poboación de Golconda e floreceu no século XVII coma centro do comercio e no eido da cultura (artes e letras). Tiña sona polos seus xardíns (baghs) comparables aos do seu modelo.

O emperador mongol Aurangzeb a destruíu en gran medida (os pazos shahis, no cuadrante noroeste do Char Kaman). Foi en 1687 trala conquista final da fortaleza de Golconda que quedou reducida a ruínas ata hoxe. Despois, unhas décadas de rápido declinar coa perda mesmo da capitalidade provincial, nas que soamente cabe indicar a terminación da gran mesquita en 1693 (Mecca Masjid xunto ao Charminar).

Esplendor dos Nizam de Hiderabad editar

Porque en 1724 o vicerrei do Deccan proclamou a súa autonomía do Imperio mogol, instaurando a dinastía Asaf Jahi (os Nizams). Durante os máis de dous séculos do seu goberno a cidade experimentou un novo crecemento tanto económico coma cultural converténdose na capital (1763) do estado homónimo máis grande e rico dos da India. Na segunda metade do XVIII, Hiderabad estaba entre as vinte maiores cidades do mundo [8].

Antes, de 1724 a 1740, arrodeouse de bastións defensivos ante a ameaza dos Maratha e a partir de 1750 iniciouse a construción dun conxunto de pazos (Chowmahalla) ao suroeste do Charminar, resumo do luxo e magnificencia da corte dos Nizam.

Os Nizam souberon manter o seu poder cunha sabia política de alianzas coas potencias coloniais, franceses e británicos, quen de todas as maneiras mantiñan representantes na corte e acuartelamentos nos arredores da cidade. Dun destes xurdiu Secunderabad (1807 acuartelamento británico, cidade xemelga de Hiderabad), ao norte, cara a onde a cidade se tiña estendido na outra beira do río Musi (centro da metrópole actual), polo que foron construídas novas pontes.

Época contemporánea editar

Trala anexión do estado de Hiderabad pola Unión India en 1948, deveu capital de Andhra Pradesh en 1956 e, a partir dos anos noventa, converteuse nun dos centros das tecnoloxías da información e biotecnoloxía que están a fornecer o gran desenvolvemento experimentado pola India nestas últimas dúas décadas. En concreto a HITEC City, ao noroeste da área metropolitana, é un amplo complexo urbano de nova creación onde aséntanse case que todas as empresas multinacionais significativas do sector [9].

Notas editar

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2013. Consultado o 05 de xuño de 2009. 
  2. [1]
  3. Golconda e Hiderabad nuhna antiga representación[Ligazón morta]
  4. Ortofoto do centro histórico de Hiderabad[Ligazón morta]
  5. Mapa do centro histórico de Hiderabad[Ligazón morta]
  6. Vista aérea do Char Kaman coas catro portas; máis ao sur o Char Minar (Catro Minaretes) [2]
  7. "Hiderabad, un paraíso coránico en metáforas arquitectónicas". Jan Pieper, documento pdf [3] Arquivado 25 de marzo de 2009 en Wayback Machine.
  8. "O Hiderabad do século XVIII: Anatomía dun vello mapa". S.P. Shorey, documento pdf [4] Arquivado 05 de setembro de 2011 en Wayback Machine.
  9. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2007. Consultado o 14 de xuño de 2009.