Historia do topónimo Galiza e Galicia

A historia dos topónimos Galicia e Galiza, empregados para nomear a nación constituída como comunidade autónoma do estado español,[1] continúa a suscitar unha gran controversia, tanto etimolóxica coma socialmente. Galicia é o topónimo que posúe a oficialidade, e é o empregado en documentos oficiais da Xunta de Galicia e o Goberno de España. Porén, tanto Galicia como Galiza son empregados habitualmente na escrita e na fala.

Armas do Reino de Galicia, Pedro de Teixeira, no século XVII.
Cantares gallegos, de Rosalía.

Segundo o historiador Ramón Villares e o filólogo Henrique Monteagudo, ambos membros do Consello da Cultura Galega, os dous topónimos son correctos dende o punto de vista filolóxico, sendo a elección de optar pola forma Galicia unha decisión política e institucional.[2]

Etimoloxía editar



“Quantos hoj’ em Galiza som,
atá em terra de Leom”.
—Cantiga de escarnio, século XIII.
Dom Lopo Lias,
(vv. 8-9)[3]
“Este meninh’ em Castela com rei Dom Afonso era,

seu avoo, que do reino de Galiza o fezera víir e que o amava a gram maravilha fera”. —Cantigas de Santa María, s. XIII.

Afonso X

Tanto Galicia como Galiza derivan do termo latino Gallaecia, que significaba literalmente "terra dos galaicos", froito da combinación do prefixo kallā- “madeira” co sufixo complexo local -āik-.

Probábelmente o termo Galiza pasou a ser a forma evolutiva natural do termo Gallaecia, tal e como atestemuñan os diferentes documentos medievais da literatura trobadoresca galego-portuguesa. En varios textos de autores galegos medievais, o topónimo Galiza é a única forma empregada, non habendo vestixios da forma Galicia.[3]

Coa progresiva separación dos idiomas galego e portugués, e a progresiva castelanización de Galicia, produciuse un primeiro fito na desdiferenciación do topónimo. Mentres que no territorio galego comezou a predominar oralmente o termo Galicia, á outra beira do Miño mantívose o termo Galiza. Neste sentido, a introdución do topónimo Galicia seguiría unha traxectoria parella á da introdución do xentilicio galego.[3]

A recuperación do topónimo Galiza editar

Tras varios séculos nos que Galicia era a forma empregada habitualmente no territorio galego no século XIX, incluso no seo das obras de autores comprometidos co idioma e achegados ao nacionalismo galego, a forma Galicia seguía tendo presenza nos textos. A gaita gallega, de Pintos, ou Cantares gallegos, de Rosalía Castro, son dous exemplos de utilización deste topónimo. Varios autores explican este feito coa sonoridade literaria do termo Galicia fronte ao termo Galiza.[3]

No século XX, coa chegada do Rexurdimento, a forma Galiza comezou a adquirir presenza oral e escrita.[Cómpre referencia] Os primeiros vestixios de recuperación da forma xenuína atópanse nas publicacións das Irmandades da Fala, ou na revista Nós. Persoeiros coma Castelao apropiáronse do topónimo, coma queda patente nas súas obras, en especial no seu ensaio político Sempre en Galiza.

O topónimo na era da democracia editar

 
Grafiti en contra da Volta ciclista a España.

No ano 2007, dende a Vicepresidencia da Xunta de Galicia, producíronse diversas xestións co fin de introducir o topónimo Galiza nas publicacións oficiais do Goberno autonómico. Ante este feito, realizouse unha consulta formal por parte da Xunta á Real Academia Galega. Así, Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega dende 2002 até a 2009, afirmou que as dúas formas poderían ter validez etimoloxicamente.

«Galicia e Galiza son formas históricas lexítimas galegas no sentido filolóxico. As dúas circularon na época medieval, pero só Galicia mantivo un uso ininterrompido ao longo da historia na lingua oral»[4]

Segundo a RAG, ambos topónimos tiveron presenza na linguaxe oral na Idade Media, pero o termo Galiza foi paseniñamente desaparecendo da linguaxe oral até ser recuperado na linguaxe contemporánea. Así, segundo o presidente da RAG:

«Aínda que Galicia e Galiza son formas históricas lexítimas galegas, á primeira lle corresponde a denominación oficial do país.»[4]

Notas editar

  1. Segundo o Dicionario da Real Academia Galega: "nación s.f. Comunidade humana, instalada nun territorio definido, que pode estar ou non politicamente organizada como estado, e que se caracteriza por ter unhas tradicións históricas e culturais comúns, os mesmos intereses económicos e unha unidade lingüística ou relixiosa. A nación de Breogán. Sociedade de nacións. CF. país, pobo, terra."
    Definición de nación no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia., Ir Indo. "Nación (lat. natione). s.f. Comunidade de individuos aos que uns vínculos determinados, basicamente culturais, económicos e unha historia común, lles dan unha fisionomía propia, diferenciada, e unha vontade de organización e proxección autónoma que os leva a querer dotarse de institucións propias, ata que se constitúa o estado."
  2. Europa Press (ed.). "Especialistas opinan que 'Galicia' y 'Galiza' son topónimos correctos y ven una decisión política elegir el "oficial".". Consultado o 31 de decembro de 2015. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Montero Santalha, Jose Martinho. GZe-ditora, ed. "O nome da Galiza" (PDF). Consultado o 31 de decembro de 2015. 
  4. 4,0 4,1 Fraga, Xesús. La Voz de Galicia, ed. "La Academia contesta a la Xunta que el único topónimo oficial es Galicia.". Arquivado dende o orixinal o 04/03/2016. Consultado o 31 de decembro de 2015. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar