Historia de Iacarta

Iacarta comezou como un pequeno porto na beira dun monte ao lado do río Ciliwung no século XV. Hai constancia dun asentamento hindú coma porto na desembocadura do río Ciliwung dende os séculos IV-V : Sunda Kelapa. En concreto, no 450, o rei Purnawarman de Tarumanagara fai construír un canal de dez km ata o mar. Entre os séculos XII e XIV alcanza o seu florecemento sendo o maior porto do reino hinduísta de Papajaran (capital na actual Bogor).

Unha cidade colonial editar

Entre 1513 e 1522 os portugueses arriban á zona e conseguen a concesión dun posto comercial con fortín, na procura de aliados por parte dos hinduístas fronte á ameaza do reino islámico veciño. Pero todo foi en balde : no 1527, o príncipe Fatahillah de Banten conquista Kelapa e a renomea Jayakarta ("gloriosa vitoria"). Asentada no lado oeste do río posuía o característico centro ritual ou alun-alun das vilas xavanesas co palacio do rei ou dalem no seu lado sur ao que os musulmáns engaden a mesquita no costado oeste. A superficie encercada sería dunhas 30 Ha.

 
Escudo de armas das Indias Orientais Neerlandesas.

Dende 1596 os holandeses frecuentan a cidade e será en 1610 cando obteñan do príncipe Jayawikarta unha concesión na beira leste do río, xusto na súa desembocadura. Alí constrúen almacéns protexidos por un forte. Para compensar, no 1615 os británicos conseguen o mesmo dereito na beira oposta. Os conflitos no tardan en aparecer e de resultas deles, os holandeses sairán triunfantes. En 1619 destrúen Jayakarta (ou Jacatra) e na celebración da vitoria deciden nomear a súa concesión da beira dereita Batavia (polos Bátavos, tribo xermánica devanceira dos poboadores dos Países Baixos).

 
Castelo de Batavia cara 1656.

De inmediato, Jan Pieterszoon da Compañía Holandesa das Indias Orientais encarga ao enxeñeiro Simon Stevin o plano dunha nova cidade. Fronte ao soar baleiro de Jayakarta na outra beira do río e segundo o modelo da metrópole, Ámsterdam : unha urbe articulada mediante canais (waterstad), con parcelas alongadas e estreitos lotes entre medianeiras [1]. Na segunda metade do século, o modelo duplícase ocupando o descampado de Jayakarta na outra beira. O total encercado aproxímase as 100 Ha.

O século dezaoito non supón ningún engadido a máis dunha liña de defensas arredor da cidade. Dentro, Batavia ou Kota coma era coñecida, o centro administrativo e comercial ; distritos de chineses e árabes, kampungs (poboados con plantacións de azucre e cocoteros) de nativos xavaneses, e propiedades de ricos facendados holandeses (landhuizen, unha delas será o orixe da actual Depok, no sur de Iacarta).

Unha capital editar

Nos comezos do século XIX, trala liquidación da Compañía Holandesa das Indias Orientais, prodúcese un novo pulo ao desenvolvemento urbano. Os problemas de salubridade da cidade aconsellaban unha nova localización para o centro administrativo da colonia. Elíxese un lugar máis elevado, Weltevreden, 5 km ao sur e entre 1800-35 levántase un novo centro urbano arredor de dúas grandes prazas, a maior, Koningsplein, dunhas 100Ha (a actual Medan Merdeka). Planifícase de maneira espazosa, para europeos pero adaptada as condicións tropicais. Dominan a tipoloxía de vila con xardín e as oficinas gobernamentais. No 1835, unha nova liña de defensas, a Vanden Bosch, marca os límites e da coherencia a cidade bicéfala, organismo urbano que se manterá sen grandes cambios perante un século [2].

Así foi ata o desenvolvemento de Gondangdia e Menteng entre 1920 e 1935 ao sur da Koningsplein, urbanizacións segundo o tipo de cidade-xardín para europeos acomodados [3] ; e un novo porto en Tanjung Priok, uns sete quilómetros ao leste de Kota, iniciado coa chegada do ferrocarril na segunda metade do XIX [4].

Trala independencia en 1949, Iacarta, xa con este nome, dobrou a súa poboación. Decidiuse planificar unha cidade satélite, Kebayoran Baru, inda máis ao sur. O seu deseño era unha mestura de principios urbanísticos occidentais (cidade-xardín) e xavaneses (modelo dos kampungs indíxenas, autosuficientes e separados por espazosas rutas de tráfico e zonas verdes) [5].

Coma capital da República de Indonesia, Iacarta seguiu a crecer descontroladamente ata converterse nuhna das maiores cidades do mundo [6], mantendo polo menos un centro de referencia, o alun-alun do país na Medan Merdeka ou Monas, polo monumento conmemorativo alí erixido.

Notas editar

  1. Imaxe
  2. Imaxe
  3. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2007. Consultado o 15 de maio de 2007. 
  4. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2007. Consultado o 15 de maio de 2007. 
  5. [1]
  6. "Plano" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2012. Consultado o 27 de maio de 2007. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar