High Energy Astronomy Observatory 1

Observatorio espacial en raios X dos Estados Unidos.

HEAO 1 (acrónimo de High-Energy Astronomy Observatory 1) foi un observatorio espacial da NASA lanzado o 12 de agosto de 1977 mediante un foguete Atlas-Centaur desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral.[2][5][6]

HEAO 1 / High Energy Astronomy Observatory 1
Representación artística de HEAO 1.
TipoCientífico
OrganizaciónNASA
Data de lanzamento12 de agosto de 1977, 6:29 GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorAtlas-Centaur[2][5]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 36B[2][6]
Obxectivo da misiónObservación astronómica no rango dos raios X e dos raios gamma.[2][6]
Decaemento15 de marzo de 1979[1]
NSSDC ID1977-075A
Masa2551,9 kg[2][5][6]
DimensiónsForma de poliedro de seis caras de 5,68 m de longo e 2,67 m de diámetro

Características editar

HEAO 1 formou parte dunha serie de tres observatorios espaciais adicados á observación no rango dos raios X e raios gamma, continuando o traballo feito por satélites como o ANS, os satélites das series OSO e SAS e os satélites Vela.[2][5]

HEAO 1 tiña a misión específica de observar o ceo a enerxías de entre 150 eV e 10 MeV coa intención de localizar con precisión fontes de raios X e poder calcular a súa contribución ó fondo cósmico de raios X, así como descubrir fontes variables nese rango.[2][5]

O satélite estaba composto por un módulo de equipo (SEM, spacecraft equipment module), onde ía aloxado o equipo de control do satélite, e un módulo de experimentos (EM, experiment module) aloxando parte do sistema eléctrico e catro experimentos. As observacións tiñan lugar na dirección perpendicular ó vector satélite-Sol a unha velocidade de 0,03 r.p.m. na fase inicial da misión, completando unha exploración total do ceo en seis meses. Durante os pases sobre a anomalía do Atlántico Sur (unha zona débil da magnetosfera terrestre que deixa pasar máis partículas cargadas do habitual) as fontes de alimentación de alto voltaxe apagábanse para evitar danos por saturación.[2][5]

HEAO 1 tiña forma de poliedro de seis caras de 5,68 m de longo e 2,67 m de diámetro, cun peso duns 2552 kg, incluíndo 1220 kg dos experimentos. A taxa de transmisión de datos era de 6,5 kb/s para transmisión en tempo real e de ata 128 kb/s para transmisións desde calquera das dúas cintas de almacenamento de datos de a bordo.[2][5]

HEAO 1 foi inxectado nunha órbita inicial de 455 km de apoxeo e 433 km de perixeo, cunha inclinación orbital de 22,8 graos e un período de 93,5 minutos. Reentrou na atmosfera o 15 de marzo de 1979.[1][3][6]

Experimentos editar

HEAO 1 levaba catro experimentos a bordo:[2][5]

  • Large Area Sky Survey experiment (LASS): observaba no rango de 0,25 a 25,0 keV.
  • Cosmic X-ray Experiment (CXE): adicado a estudar a estrutura a grande escala da Galaxia e o Universo no rango de 2 a 60 keV.
  • Modulation Collimator (MC): para medir con precisión fontes de raios X e poder identificar contrapartidas no rango óptico ou de radio.
  • Hard X-Ray / Low Energy Gamma Ray Experiment.

Resultados editar

HEAO 1 ten entre os seus logros ter completado o primeiro estudo en raios X a altas latitudes galácticas, a medición do fondo de raios X no rango de 3 a 50 keV, ter elaborado catro catálogos (un por cada experimento) de fontes de raios X celestes, ter conseguido identificar centos de fontes puntuais con suficiente precisión como para atopar contrapartidas ópticas, estudado a variabilidade de varios obxectos en raios X, entre elas a variabilidade aperiódica de Cyg X-1 en escalas de milisegundos, e ter descuberto o primeiro eclipse nunha binaria de raios X de baixa masa.[7]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "HEAO 1" (en inglés). Consultado o 12 de abril de 2013. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 NASA (14 de maio de 2012). "HEAO 1" (en inglés). Consultado o 12 de abril de 2013. 
  3. 3,0 3,1 "Note verbale dated 28 November 1977 from the Permanent Representative of the United States addressed to the Secretary-General" (PDF). COMMITTEE ON THE PEACEFUL USES OF OUTER SPACE (77-27037): 5. 6 de decembro de 1977. Consultado o 26 de marzo de 2020. 
  4. Claude Lafleur (2010). "HEAO 1" (en inglés). Consultado o 12 de abril de 2013. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 Gunter Dirk Krebs (2013). Gunter's Space Page, ed. "HEAO 1" (en inglés). Consultado o 12 de abril de 2013. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Mark Wade (2011). "HEAO" (en inglés). Consultado o 12 de abril de 2013. 
  7. HEASARC, ed. (26 de xuño de 2003). "The HEAO-1 Satellite" (en inglés). Consultado o 12 de abril de 2013. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar